Case nunca existe o ambivalente termo medio. Na vida, o común é o extremo: ser feliz ou absolutamente desgraciado, ter unha saúde de ferro ou estar enfermo, ser rico ou estar na miseria, acadar o éxito ou converterse en alguén frustrado....Moit@s de vós non estaredes de acordo con esta afirmación, poida que desde aquí tampouco esteamos convencidas, pero veñen de pasar os Reis Magos e iso fainos pensar, seguir reflexionando na liña do último post.
Tod@s lembramos cando criamos que os de oriente existían, tamén cando alguén se atreveu a rachar con aquela maxia e nos insinuou ou nos dixo abertamente que os reis eran os pais, a nosa resistencia a crer que aquela subversión era posible, a constatación de tan terrible feito... .
Non queda máis que crer que esa ilusión anula calquera atisbo de racionalidade, xa impropia nese nivel, dun cativo inocente, realidade que escurece o esforzo desproporcionado dos pais, que se encargan de mercar o que os nenos queren e moito máis. E iso non fai máis que alimentar o egoísmo, a insolidaridade..., porque, a ver, alguén de nós pensaba entón, algún neno pensa hoxe en por que hai quen non recibe nada? Que efecto lle produce reencontrar a un compañeiriño do cole ao que os reis non lle deixaron xoguetes? Non sería difícil crer, desde a súa perspectiva, que @ desafortunad@ non se portou o suficientemente ben para merecer premio. Como lle explica un pai ao seu fillo ou filla o que puido ocorrer para xustificar esa desigualdade?
Pensando nesa dificultade, xorde a tentación de desmontar a farsa, ou, para ser menos cruel, ter conta do que se merca, explicarlle que os magos non castigan traendo menos xoguetes, que se trata de repartir, e eles son os primeiros en ser xustos. Difícil será convencelos, porque haberá pais que se neguen a colaborar, e non serán eles os que priven @ seu fill@ de TODO canto poida desexar. Teriamos entón que xustificarlle aos nosos propios a razón da súa diferencia.
No fondo, é un problema de responsabilidade colectiva, despositada en mans de tres individuos irreais, que é máis doado e desacouga menos -total, para que?.
Pero a vida segue e mañá a maioría esquecerá a metade dos seus agasallos, e o resto seguirá esforzándose en ser máis bo ou boa se cabe, un ano máis, para ver se desa chega o premio mercido, e volverá erguerse un seis de xaneiro para constatar como de novo as súas esperanzas esvaecen.
É para pensalo, ou non?