quarta-feira, 30 de janeiro de 2008

Vigo

Pido permiso para render neste espazo unha homenaxe que debo desde hai tempo.






Á inmensa poeta e grande amiga, Helena de Carlos.




Unha vez máis, grazas por seguir fornecendo a equipaxe vital d@s que te queremos e admiramos.






Un desexo

Andamos a mirar se nos damos xuntado uns cuantos -ex e en exercicio- para festexar felices marchas e valerosas resistencias.
Aquí, a unha servidora, encomendáronlle facer a convocatoria e cumpriu co cometido. O difícil vén agora: hai que escoller unha data. Venres?: ui, foi día de traballo, erguémonos moi cedo.... Sábado?: a maioría xa tiña outros plans (mozos ou mozas, grupos de amigos, ir á misa o domingo (je, je,je), traballar poñendo copas...). Total, que aínda que pareza que o sector "senior" desta panda é o que nunca arrinca, o que se retira cando non rematou a primeira copa, non só. É eficaz iso de "uns crían a fama...".
Agora ben, unha iría feliz -vai igual, só polo reencontro- se soubese con garantías que logo tería ocasión de visitar un karaoke. Non me preguntedes por que, non teño unha resposta lóxica, razoada, natural. É puramente visceral: o karaoke e os locais de baile latino.
É que unha no fondo é hortera, que lle imos facer!!!
Pero se alguén me quixera compracer, agora que en breve serei un ano máis vella, iría á procura dalgún local compostelano onde puideran cumprirse todos os meus desexos.
Modestia aparte, cónstame o aprezo de parte d@s meus/miñas compañeir@s, por iso confío en que esa noite poida ser feliz por un instante, cando tararee desafinada a letra que vai pasando pola pantalla (con praia e palmeira de fondo), de, por exemplo, "La barbacoa" ou do "Cumbo Cumbola".
E xa postos, confeso que chorei cando morreu Rocío Dúrcal, hala!

terça-feira, 29 de janeiro de 2008

Nova oportunidade

Sabemos que a gañadora do concurso que tivemos que suspender, pois ela dera a resposta que coincidía co que nós criamos, pero que non era a correcta, quedou algo tristeira por non recibir o premio que lle correspondía.
Agora propomos, a ela, e a quen queira sumarse -avisamos de que para os alleos ao círculo tevabuenil é máis complexo-, que adiviñedes a quen se parece esta parella. Se pensades un pouco e vos fixades ben, non é moi difícil.

Aquí queda...

domingo, 27 de janeiro de 2008

Parecido razoable

E nós todas orgullosas, sacando a fotografía de quen criamos o noso galán, comandando a loita contra a SGAE, felices cal perdices.
Vímolo nacer, medrar e facerse un home, abandeirado de causas varias, a prol dunha maior xustiza e igualdade.
E, todas fachendosas, colgamos a foto no tevabuena e, para máis inri, convocamos un concurso, que xa tiña unha gañadora, e todo.
Chegou a tempo, que aínda non entregaramos o premio, o noso I. para aclarar que, se ben estaba na protesta que aparece na imaxe, non era o encarapuchado que a lideraba.
Mágoa!!!!
Pero é obriga nosa rectificar, pois ao mellor hain@s que non ides aos comentarios e só quedades nos post (erro, pois tenos habido que compoñen, no cruzamento de opinións, textos memorables).
En fin, que na próxima contrastaremos a información para andar máis atinadas.
E de ti, noso prezado galán, gardaremos a nosa loa particular para ocasión máis inspirada.

sexta-feira, 25 de janeiro de 2008

Nesa loita!




Quen adiviñe quen é o encarapuchado, leva premio.

quarta-feira, 23 de janeiro de 2008

Mensaxe póstuma

Home de grandes proxectos, incansable megalómano, "inasequible al desaliento", quen fora quen de porse o "Meyba" nunha praia calquera para demostrar que Palomares non estaba contaminada, aquel Minsitro moderno, o tecnócrata por antonomasia, o abosolutista xubilado, quixo deixarnos unha mensaxe ben clara para que todos saibamos que é a Cidade da Cultura e cal é a súa finalidade.
Para garantir a obxectividade na información, deixou a elaboración do documento gráfico en mans dunha das cadeas de máis recoñecido prestixio internacional no que ao xénero se refire.
Aquí vos deixamos a primerira parte -atención aos comentarios do condutor da reportaxe-, o resto, está no
tubo.




terça-feira, 22 de janeiro de 2008

Xaneiro, mal mes.

Sempre que algo comeza, algo que nos ilusiona, por suposto, xorden plans marabillosos, que, obxectivamente, serían imposibles de cumprir. Pero como todo o que sobe baixa, é mellor tirar por alto, que de recortar sempre hai tempo.
Así comezou o 2008, coa axenda ben repletiña e aí segue, chea tamén de reproches pola falta de disponibilidade. Que lle imos facer! Non se dá para máis.
Temos pendente a cea de despedida da nosa Presidenta de Honra, das nosas editoras, do noso galán, etc, etc. Mellor non seguimos, que o que cobramos non nos dá para un agasallo por barba, pero si para unha (única) cea-presuposto medio baixo. O regalo será o noso afecto e o noso recordo permanente (que ben imos quedar), pero é que é certo iso de que xaneiro ten un grao de inclinación do 45 % cara arriba.
Agora está a rematar, o entroido é máis económico que o Nadal e os Reis, malia todo, e poida que nos vaiamos recuperando.
O que non temos moi alá, como é costume nos últimos tempos, é o ánimo, pero somos xente de palabra, e mentres poidamos, por aquí andaremos. Sempre é estimulante saber que hai xente que aínda se segue asomando a esta fiestra.

segunda-feira, 14 de janeiro de 2008

Esto si que é "quererse de amor"

Moit@s dos que participamos neste blog, como autoras ou lectores/-as sabemos ben das bondades de ter un animaliño na casa (cans, gatos, etc), da compañía e o afecto que nos proporciona.
Estamos pois afeit@s a que sexan especies concretas, as xa mencionadas, e non outras, que non imaxinamos en determinadas actitudes.
Conmoveunos fondamente o vídeo que vos deixamos aquí, que recolle o reencontro dun león coa muller que seis anos atrás lle salvara a vida e que contradí a teoría mantida polos expertos zoólogos segundo a cal este animal non ten capacidade para desenvolver un sentimento de gratitude.
Abofé que a ten.
Desexamos que vos guste tanto como a nós.
Boa semana a tod@s!



quarta-feira, 9 de janeiro de 2008

Un mini regalo de lembranza para comezar o ano


Aí vos deixo por estas terras cibernéticas unha fotografía miña un pouco particular. Hai case dous anos que ma tiraron e creo que xa perdín a vergonza polo recordo do día. Por se alguén se pregunta que estaba a facer, levaba un regaliño para Paco Vázquez no concello, lástima que agora quede sen agasallos o pobre. Se vos parece botade unhas risas á miña saúde.
Conste que se preguntades que rei son, diría que Melchor porque un dos outros ía coa barba e o pelo negro mais non o teño por moi seguro.

Moito ánimo a tod@s neste principio de ano!!!

segunda-feira, 7 de janeiro de 2008

Unha ilusión cruel

Case nunca existe o ambivalente termo medio. Na vida, o común é o extremo: ser feliz ou absolutamente desgraciado, ter unha saúde de ferro ou estar enfermo, ser rico ou estar na miseria, acadar o éxito ou converterse en alguén frustrado....
Moit@s de vós non estaredes de acordo con esta afirmación, poida que desde aquí tampouco esteamos convencidas, pero veñen de pasar os Reis Magos e iso fainos pensar, seguir reflexionando na liña do último post.
Tod@s lembramos cando criamos que os de oriente existían, tamén cando alguén se atreveu a rachar con aquela maxia e nos insinuou ou nos dixo abertamente que os reis eran os pais, a nosa resistencia a crer que aquela subversión era posible, a constatación de tan terrible feito... .
Non queda máis que crer que esa ilusión anula calquera atisbo de racionalidade, xa impropia nese nivel, dun cativo inocente, realidade que escurece o esforzo desproporcionado dos pais, que se encargan de mercar o que os nenos queren e moito máis. E iso non fai máis que alimentar o egoísmo, a insolidaridade..., porque, a ver, alguén de nós pensaba entón, algún neno pensa hoxe en por que hai quen non recibe nada? Que efecto lle produce reencontrar a un compañeiriño do cole ao que os reis non lle deixaron xoguetes? Non sería difícil crer, desde a súa perspectiva, que @ desafortunad@ non se portou o suficientemente ben para merecer premio. Como lle explica un pai ao seu fillo ou filla o que puido ocorrer para xustificar esa desigualdade?
Pensando nesa dificultade, xorde a tentación de desmontar a farsa, ou, para ser menos cruel, ter conta do que se merca, explicarlle que os magos non castigan traendo menos xoguetes, que se trata de repartir, e eles son os primeiros en ser xustos. Difícil será convencelos, porque haberá pais que se neguen a colaborar, e non serán eles os que priven @ seu fill@ de TODO canto poida desexar. Teriamos entón que xustificarlle aos nosos propios a razón da súa diferencia.
No fondo, é un problema de responsabilidade colectiva, despositada en mans de tres individuos irreais, que é máis doado e desacouga menos -total, para que?.
Pero a vida segue e mañá a maioría esquecerá a metade dos seus agasallos, e o resto seguirá esforzándose en ser máis bo ou boa se cabe, un ano máis, para ver se desa chega o premio mercido, e volverá erguerse un seis de xaneiro para constatar como de novo as súas esperanzas esvaecen.
É para pensalo, ou non?

quarta-feira, 2 de janeiro de 2008

Carbón para todos

Comezamos o ano, non podemos dicir se con ánimo renovado, pero aquí estamos, preguizos@s, porque ben excusado era, para tres días que quedan desta semana, vir traballar. Pero non queda máis remedio, aínda quen non nos pagaran o mes de decembro e así non podemos escribir aínda a carta aos reis magos. Confiamos en que, a falta doutros agasallos, poidamos ver a nosa conta un pouco menos minguada. Ese é o noso desexo, así que se Baltasar, que é o noso preferido, Melchor e Gaspar puidesen mediar nese asunto, nós estariámoslle moi agradecidas.
De momento, pedimos iso, mira ti se nos conformamos con pouco, tendo en conta os despropósitos cos que os rapaciños enchen as páxinas das súas misivas ás maxestades de Oriente. Moito cambiou o conto. As xeracións preconstitucionais recibiamos algún xoguete e, sobre todo, para disgusto -máis aínda, rabia- algun "kit" de roupa interior, no que non faltaban as camisetas aquellas que aínda non eran térmicas, pero asemellábanse bastante ás Damart Termolactil. Agora piden a Wii, de Nintendo -nome curto demais para o prezo que ten-, un computador portátil, unha cámara dixital, un ipod... Pero bueno, pero que pasa, que invento é este...???? O que lle habían de traer os reis é máis conciencia solidaria, máis respecto, máis sentido común e todo iso que por intanxible, debera ser máis perdurable. A culpa de quen é?, pois dos pais e do servizo de correos. Uns por non converter en razoables os desexos plasmados en tinta polos nenos, e, aínda por riba, non se lle pode dar unha labazada, a ver se espabilan, e os outros por darlle curso a esas cartas, que son ben identificables a simple vista. E que pensarán os tres magos? Semella que están resignados, pois os agasallos van chegando. Achantaron, malia que nunca cremos que fosen tan influenciables. Onde quedou aquelo da mirra e do incenso?
Mentres, onde se ubicou o pesebre do mesías, sexa -agora que se discute- Belén ou Nazaret, a realidade é por momentos máis complexa. Berce de conflitos con miles de refuxiados vagando por terra de ninguén e sen solución a curto prazo. E nós desde aquí alleos nestas datas onde todos son bos desexos, mariscadas e ríos de cava, dándolle as costas ao que nos estorba, zapeando cando na tv nos mostran a cruel realidade de quen, por non ter, non ten nin patria. Na canle que finalmente eliximos, unha cadea de grandes superficies comerciais invítanos a atopar alí o que quen agora é neno e mañá será un adulto, quizá con poder e capacidade de decisión sobre o futuro da nosa civilización, desexa unica e exclusivamente para el so. E ao resto, que lle dean, eles non se senten con responsabilidade ningunha sobre a situación do próximo. E o peor non é iso, o grave do asunto é que non están a ser educados para tela nunca xamais.

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -