quinta-feira, 27 de dezembro de 2007

FELIZ 2008!!!!!!

Remata o 2007 e comeza un novo ano.



Cos nosos mellores desexos,




O equipo do Tevabuena.










sábado, 22 de dezembro de 2007

BO NADAL



O TEVABUENA DESÉXAVOS A TOD@S




UN FELIZ NADAL!!!!!




quinta-feira, 20 de dezembro de 2007

Precaución, amigo condutor...

O afán dos medios de comunicación por facernos dar un chimpo matutino non ten límite. Hoxe á mañá liamos un titular "Arxentina conmocionada...", claro, era para pensar que dimitira a nova Presidenta, Sra. de Kitchner (a relación de pertenza adoptouna ela, non nós. Viva a liberación feminina!!!), que rebordara un río, ou que se producira un terremoto grao sete na escala de Richter, pero non, o motivo da tal conmoción foi a divulgación das fotografías sexuais de seis mestras e un chófer. O suposto "escándalo" saíu á luz cando a noiva do condutor atopou no computador deste imaxes de sexo explícito gravadas coa cámara do seu teléfono móbil. Despeitada, decidiu publicalas e revelar de paso a identidade das seis mestras "implicadas", cinco delas casadas (ui, ui, que fuerrrrrrrrrrrrrte!!!), que xa sairon ao paso: unha dicindo que a culpa era da moza do chófer por andar metendo o fuciño onde non debía; outra, que nunca creu que esas imaxes poderían ser accesibles para alguén, agás para os protagonistas... E nós concluímos que o medio no que os individuos nos movemos algo debe ter que ver. Neste caso parece evidente que o lugar onde se produciron os feitos, chamado "Pago del deseo", debeu influír no aumento da libido dos seus protagonistas. Ou poida que sexa o clima, a xulgar por outra das noticias relacionadas: xa noutra ocasión se viran publicamente imaxes dunha orxía, desta vez, eran alumnos e profesores dunha escola. Resultado: 27 despidos para os docentes.
Cosas veredes, amigo Sancho!

terça-feira, 18 de dezembro de 2007

Habelas hailas?

Imos ver se damos desconxelado as tripas do tevabuena, e, de paso, espabilamos nós un pouco, que vai moito frío e estamos a piques de rematar o 2007.
Alguén do noso contorno máis próximo, e ante a falta de novos post, preguntábanos se estaba cerca o pasamento do noso blog. Non podemos dar unha resposta exacta, poida que sobreviva ao ano que remata e é posible que dure aínda algo máis. Nós, vontade, temos, o caso é que nos dean os folgos para alongarlle a vida.
Ante tanta noticia desgraciada: asasinatos, accidentes de tráfico, guerras, atentados..., que non perdemos de vista, porque non hai que afastar os ollos do que sempre está aí, cruzando a rúa, na vida do veciño do segundo, na da familia dun amigo e até na propia, acabamos afacéndonos a tanta desgraza xunta. Comemos máis ou menos tranquil@s mentres vemos os telediarios, ao tempo que nos vai pasando por diante a imaxe dun atentado suicida en Irak ou Afganistán, o choro desesperado dunha familia que sofre porque perdeu a alguén querido a mans dun tolo asasino, de nenos que morren de fame mentres profesionais de medio pelo gañan millóns de euros ao ano. Acostumámonos, en boa medida, como mecanismo defensivo e tamén como fórmula para non complicarnos demais no noso quefacer cotián. E así vai pasando todo até que toca e non é que sexamos especialmente pesimistas, é que nunca se está libre, tanto do bo coma do malo. Somos os galegos escépticos ante a boa fortuna, será por iso que non atraemos á sorte millonaria que fai estourar botellas de cava cada vintedous de decembro noutros moitos lugares. Somos desconfiados co destino favorable: "Non hai dúas sen tres", "As desgrazas nunca veñen soas", "Non hai mal que cen anos dure, nin corpo que o resista"... Somos máis supersticiosos ca crentes positivos. A superstición conleva sempre un pouso de negatividade, que mesturada coa compoñente relixiosa que soe acompañala, dá un cóctel pouco xeitoso cando te deixas levar por esa máxima de que "o que está para ti, ninguén o leva". Podemos mudar a nosa sorte, se ben semella que hai xente con estrela e outra estrelada, e non nos referimos a eses hábitos de levantarse co pe dereito, evitar que sexa o esquerdo o primeiro que pousamos ao saír á rúa, fuxir dos gatos negros ou evitar pasar por baixo dunha escaleira. Vivir pendente desas cousas ten que atraer, necesariamente, á mala sorte. E nós confiamos en todo o contrario. Se o próximo sábado non temos nada especial que celebrar, que sexa polo menos, que seguimos aquí, un ano máis.

terça-feira, 11 de dezembro de 2007

Aproveitando que...

A partir desta ponte que acabamos de rematar, comeza a conta atrás para o Nadal. Aínda quen máis aborrece os adornos recargados, os excesos de cor, os brillos, en fin..., pode acabar poñendo na casa ou unha árbore de nadal ou un deses nacementos con musgo natural e regatiños de papel de prata, xa por non falar deses papanoeles trepadores, que colgan dos balcóns, ou aqueles que, cando vas entrar nun establecemento público, comezan de súpeto a cantar unha cancionciña en inglés, pondo a proba a resistencia do teu corazón.
E aínda o que máis molesta é esa especie de espírito altruísta e xeneroso, todos de bo rollito e "hai que riquiños somos tod@s". Poiiiiiirrrrrrrrrrrrrrr non, somos como somos doce meses ao ano, que a orixe do Nadal é relixiosa, non nos enganemos, é nós aproveitamos a excusa para enchernos de todo o comible e o bebible, mentres outr@s pásanas putas polo mundo adiante. Se non se cre, non hai nada que celebrar, pero coma sempre, subimos ao carro cando nos interesa e baixamos cando nos convén. E tod@s a mercar: comida, bebida, agasallos varios, até acadar o gasto medio por familia nestas datas, uns oitocentos euros. Non é unha barbaridade?
Igual non era mala idea parar e pensar un pouco no mal repartido que está o mundo, e deixarse de papanoeles e caralladas.

terça-feira, 4 de dezembro de 2007

Seguimos, de momento

Desde a veciña Pirámide pedíannos que non pecharamos. Ao mellor demos unha imaxe semellante á que, con todos os nosos respectos, tivemos do fenecido Cerrepiache, que non volveu dar sinais de vida.
De momento, aquí seguimos, aínda que andaremos de ponte e logo co Nadal, así non seremos tan "constantes" como até agora. Con todo, querid@s tevabuenas, non é doado co comité editorial espallado por Galicia adiante, e na sede principal, unha soa persoa. Falta tempo para atopar algo que dea para parir un post. E tamén, por que non dicilo unha vez máis, fáltanos o ánimo. Son moitas -e máis serán- as ausencias. O Tevabuena naceu cun espírito concreto, que agora perdeu boa parte do seu sentido. Moitas das "curiosidades", desas cousas que necesariamente tiraban da expresión que nos deu nome, xurdían da lectura colectiva da prensa a primeira hora da mañá e de conversas varias. Esa actividade morreu. Agora seguramente traballamos un chisquiño máis, pero pode que tamén peor, porque nos falta aquela chispa do encontro diario, dos risos a calquera hora, do café con pitillo antes de sentarnos diante do computador, da Qué me dices! co seu horóscopo e a sección "Amigos", das Patatotas...
Nada diso é xa posible coas ausencias do noso carioca A., da inesquecible M. (Cartelle), da nosa editora S., da sorrinte terminóloga M. J., da nosa insustituíble Presi de Honra, da xenerosa mariñá M., e agora, do sempre solidario companheiro I. Non sei queda alguén por aí, será por necesidade e non por esquecemento que nos quedara no tinteiro.
Xa nin café facemos ás once e media. Total, somos tres. Nun ano, sete persoas é moito marchar de "diorbendito".
Antes diso, iamos descansando as nosas iras uns nos outros. Compartiamos amais das patacas, parte dos nosos días e non é doado adaptarse. É moi difícil chegar aquí e non sentir as faltas, ter as mesmas ganas de comezar os luns ou volver das vacacións, porque agora só atopamos o que menos nos gusta de todo isto, aquelo que antes iamos levando e agora pesa demais.
E iso faise estensivo ao Tevabuena. Seguiremos mentres poidamos, agora si, se marchamos hai que facer unha festa. Agora que o pensamos, ao mellor non era unha mala idea: facer un encontro non virtual carrabouxo-piramidal.

segunda-feira, 3 de dezembro de 2007

A ver se remontamos

Arredemo, e logo non imos saír desta depresión post marchas varias e significadas???
Pois temos que facer o posible, porque isto ponse feo, feírrrrrmo. Mágoa que non estean as cousas para correr, que se non, iamos liar os bártulos e saír pola porta cantando por exemplo..., a ver, "Juntos, como hermanos, miembros de una iglesia (e que isto é bastante secta), vamos caminando al encuentro del Señor (atrás del levamos tempo, pero é fuxidío o tal home, e non quere escoitarnos)".
Se alguén suxire outra cousa, que nos escriba (a nosa editora S. ha ter unha versión libre desa coñecida súa que é especialista en tal materia).
Comezamos, pois o outro era unha ensoñación, por facer unha listaxe de "paliativos" e desexos:
-Vén a ponte e esta si que nola dan.
-No Nadal non traballamos en sete días e todo é comer e facer a dixestión, e comer e volver dixerir. Pasa axiña, non preocuparse.
-Comeza un novo ano e para os que aínda non viron mudada a súa sorte, mantemos a esperanza en que dea unha volta, sempre para mellor.
-Que non quede ninguén aquí.
-Que nos toquen uns millonciños o día 22.
-Que non morra o Tevabuena -agoniza pero aínda non vai.
-Que a alguén se lle indixeste o 1880 e que depure por calquera vía o importe dunha pastilla en moedas de céntimo.
-Que sexamos sensatiñ@s, que non custa tanto, oh. Só hai que ter vontade.
E por suposto...
-Que nos sigamos vendo nos bares.

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -