quarta-feira, 28 de novembro de 2007

NECIOS

Aínda o peor é acostumarse.
Cada día sae alguén pola porta e non entra máis. E iso déixanos co alento cortado.
A nosa Presidenta de Honra marchou definitivamente hai unha semana. Sabiámolo, non ía nin debía volver.
Agora son P. e M., mañá será outr@...
E si, non paramos de nos queixar, de choromicar, de despedirnos, de cagarnos en todo, en quen permite que tal ocorra: NECIOS.
Nun sistema que apodrece, sobe quen máis ruín é, con honrosas excepcións, claro está. E neste microsistema, o que nos toca engulir cada día, a ruindade está por todos os recantos.
Que nos queda?: o recordo da boa xente que por aquí pasou, aillado do asco que nos producen eses xestos pseudocondescendentes pero claramente ignominiosos.
Por que aquí?: berramos aquí porque non temos outro espazo. Afogáronnos alí onde falamos e están as nosas filas moi minguadas nesta fronte para que entre tod@s poidamos xuntar máis que un laio case agónico.

domingo, 25 de novembro de 2007

Peras e mazás

Noutro dos debates que xorden na hora do café, saíu o tema das tan "dubidosas" etiquetas que se lle colocan as distintas variedades de relacións interpersoais no terreo das relacións sexuais, teñan ou non unha compoñente afectiva máis ou menos marcada.
Agora non lembramos por onde veu a cousa, o caso é que se exemplificou coa película
A mi madre le gustan las mujeres (2001). O tema é o seguinte: se unha persoa, sexa do sexo que sexa, de orientación sexual definida (homo ou hetero) ten unha aventura ou unha relación con, no caso de ser heterosexual, alguén do seu mesmo sexo, e no caso de ser homosexual, con alguén do outro sexo, ¿considérase bisexual?.
Había quen o tiña claro: quen se deita ou se namora de alguén do sexo oposto, aínda que sexa circunstancial e puntualmente, é bisexual.
Disentía a argumentación que afirmaba que que na vida de alguén se dea esa circunstancia excepcional, sexa puntual ou dea para máis, non significa que esa persoa teña a mesma disposición cara homes e mulleres. A bisexualidade, para quen defendía esta segunda postura consiste en manter relacións de xeito habitual con individuos de ambos sexos, en sentirse atraíd@ indistintamente por varóns e femias. O outro é diferente, alguén pode ser hetero ou homo e querer ou non poder evitar (nin desexalo) ter unha experiencia diferente, sen traumas e con absoluto convencemento, con persoas do seu mesmo sexo, independentemente da súa orientación. É o que chamamos un "kit-kat" sexual ou afectivo.
Que ninguén interprete que aquí se está xulgando nada (faltaría)!.
Agora tócavos a vós opinar, se vos apetece, claro.

quinta-feira, 22 de novembro de 2007

A nosa homenaxe

Admirámolo, tamén por isto...


sábado, 17 de novembro de 2007

De fantasiae virii

Nós temos tanta necesidade de nos distraer un pouco para non atribularnos demais, que acabamos facendo oquiños para nos "arreconchegar" nalgunha das salas e conversar.
Porque, como dixemos, nos deu por aí, incluímos no post anterior un vídeo que cualificamos de "tórrido-lésbico" e que pretendía servir para que un internauta ilustrase a devoción que sentía pola actriz taitiana Karina Lombard, que interpreta a Marina Ferrer na serie americana The L Word, na que se retrata a vida dun grupo de amigas homosexuais na cidade dos Ánxeles. O achado foi do máis inxenuo, porque nós só andabamos atrás dunha versión da canción "Marina" para dedicarlla á unha das nosas compañeiras que leva por tal o mesmo nome.
E de aí, da visualización do vídeo, de pensar que o tal devoto antes mentado se poñía "torete" (a denominación é de I. Med.) máis que pola tal Karina, por vela protagonizando escenas de cama con outras mulles, xurdiu o debate.
Polo que sabemos e nos confirman, a moitos homes -falaremos neste caso sempre de heterosexuais en exercicio- excítaos moitísimo ver a dúas mulleres metidas en faena. O sector feminino, consciente da xeralización desta fantasía, mantiña dúas posturas diferenciadas. Unha parte entendiamos que era a posibilidade de sumarse ao festín o que os "sobresaltaba"; outras dubidaban, pois crían que o dúo excluía necesariamente ao terceiro, para quen se reservaba, estritamente, o papel de voyeur. Preguntadas nós polos nosos compañeiros, respondemos unanimemente que ver a dous homes corpo a corpo deixábanos, cando mellor, indiferentes, mais non era un espectáculo que nos atraese en absoluto. É máis, apuntamos algunha que aínda atopabamos un chisco máis de excitación cando de dúas mulleres se trataba, e iso sen ter posto o pé até o momento, que nunca se sabe, no universo de Lesbos.
Servido queda o debate, por se queredes sumarvos.

quarta-feira, 14 de novembro de 2007

O noso meme

Aceptamos o convite da amiga Pirámide, quen á súa vez o recibe doutros, para elaborar o noso Meme tevabuenil. A ver, o meme, e aquí na redacción do Tevabuena habiámolas que non sabiamos o que era, son conversas que se elaboran por convite doutro espazo, cuxa referencia aparece no novo post, de maneira que desde aí créase un novo enlace, para que tamén sexa visitado. A nós dános un pouco igual -son pouc@s pero fieis @s nos@s seguidores- pero é por non lle facer un feo aos choqueiro-adminsitrativ@s. Así que aínda que non acabemos de saber moi ben en que consiste imos aló e que nos corrixa quen saiba.
Comezamos, pois, con esas oito cousas, así ao chou, seguindo a liña dos nosos indutores (cousas que nos gustan e cousas que odiamos):
1) Gústanos poder expresarnos libremente: poder falar sen acritude, debater con serenidade, atopar ao outro lado do fío a un interlocutor saudable e xeneroso.
2) Gústanos que non se nos trate como a rapaces de patio de colexio: que se dea por feito que pasamos o rato cando vimos traballar, que nos monten un "piscolabis" de media mañá cos restos das cuchipandas dos outros, que se nos ningunee sistematicamente, que se nos pase a man polo lombo, no mellor e no peor dos casos -depende do suxeito-, coma se foramos parvos.
3) Gústanos ter motivacións para traballar: implicarnos co que facemos, ter por riba a alguén que crea no que fai para que nós tamén poidamos crelo, tomar un café tranquilamente e botar unhas risas, escoitar a Rocco Granata cantando Marina no tubo, montarlle unha coreografía ao xeito e volver rir (Ah, deixamos aquí un enlace á versión de Marina dos Gipsy Kings, con videoclip tórrido-lésbico -de bo gusto, non pensar mal-. Por que?, por nada, deunos por aí).
4) Cagarnos libremente (con perdón) en todo o que rodea certos mundiños e nas persoas miserentas que os gobernan: esto non é que nos guste pero como non nos queda máis remedio, queremos facelo libremente e non andar agochados.
5) Non nos gusta que nos ignoren: que o que dicimos e pedimos soe a pataleta de neno pequeno, que se rían de nós na cara, que a quen o fai lle resulte moi doado porque ten unha nómina a fin de mes que equivale ao que nós gañamos en medio ano e un posto de traballo mal merecido pero fixo, que vaiamos rematar pensando, como di o refrán, que "cando entre burros te ves, rebuzna algunha vez" (e permítasenos non adaptalo, por iso da rima).
6) Nos nos gusta ir traballar sen ánimo: desexar marchar canto máis axiña mellor, pensar que o único bo (e xa bo é) do teu traballo é a xente á que coñeces e que o resto non paga a pena, que iso do scriptorium é un conto chinés, e que dá igual como se chame o monxe, en efecto, marcha un e outro vén.
7) Non nos gusta ver como hai xente que non o merece e sempre sae coa súa: que abusa impunemente da súa autoridade, que machaca a quen ten por baixo, que non ten cualidades de ningún tipo, nin morais nin intelectuais e, malia iso, aí está, e rite ti dos peixes de cores!
8) Non nos gusta o despotismo nin a falta de ética nin a incompetencia nin a arrogancia de crerse por riba do ben e do mal: véxase o anterior.
Igual, amigos da Pirámide, non era o mellor día para facer o noso meme, pero isto é todo o que damos de nós. E xa non convidamos a ninguén, que non temos confianza abonda, agás á nosa Píntega, a ver se se anima e nos desculpa polos nosos crípticos post.
Vai haber que ir aos bares...

Hoxe é o primeiro día sen...

Hoxe non imos escribir máis longo.
Poderiamos até rir un pouco falando do "cese temporal da convivencia" ou doutras frivolidades, pero non temos corpo.
Hoxe é o primeiro día sen Marisa, sen a súa voz un pouco subida de ton ás veces, pero sempre agradable, sen os seus abalorios, sen o café de primeira hora, nin o(s) pitillo(s)..., sen ela, desde "ontes"...
Hoxe é o primeiro día sen unha persoa máis, hoxe é o primeiro día de resaca despois de ter tido diante á imbecilidade personificada, á incompetencia máis flagrante, en fin, á proba máis evidente, de que "canto máis merda, máis cheiramos".
En fin, lamentable...
Quedábanos e non por esquecemento, felicitar a Marisa pola marcha. Ha ser sempre para ben.
Sorte, Marisa!!!!!!
Aquí non te esquecemos e xa te botamos en falta.

segunda-feira, 12 de novembro de 2007

Desmontando a "Misión"

Non somos nós, xa o sabedes, de posicionarnos cando de asuntos políticos se trata e máis cando estes están nos lindeiros difusos dunha ideoloxía compartida só en determinados aspectos, así que non imos falar hoxe aquí máis ca dun feito apararentemente anécdótico, o que se produciou o sábado pasado na clausura do Cumio Iberoamericano, cando Xoan Carlos mandou calar a Hugo Chávez, que, por certo, estaba a dicir unha verdade coma un mundo: "Aznar é un fascista", pero non escolleu quizáis o mellor momento, pois non era a quenda que lle correspondía para intervir.
E aí saíron todos a opinar, coma sempre, que o falar non ten cancelas. A maioría gabando o "talante democrático de S.M.", os republicanos falando da falta de oportunidade da súa intervención e do desplante que lle deu ao levantarse da mesa cando o presidente nicaraguano, Daniel Ortega, criticaba a explotación á que empresas españolas estaban a someter a América Latina (a segunda colonización). Os da gaivota acusando a ZP de provocar este tipo de saídas de tono dos pobriños "sudacas", que seguen sen estar civilizados de todo, despois de cinco séculos, -mecachis!, tanto traballiño para tan pouco resultado- e por darlle a man, colleron o brazo enteiro. E din que lle faltaron ao rei, en todo caso a un rei, que ao fin e ao cabo, se para alguén representa algo, non é para eles -van máis de cincocentos anos, por deus, xa abonda-, os da rosa vermella gabándoo todo en exceso, e Chávez que non colle en si de gozo.
Aquí virán as diverxencias: uns co venezolano -a razón levábaa, aínda que quizáis non escollera o momento, pero era o que tiña-, outros coa Res-pública, haberá quen nin saiba nin resposte..., pero confiamos en que ninguén entre @s que nos ledes cuestione a afirmación de Chávez. A forma pode que non fora a mellor, pero o fondo era caralludo.

sexta-feira, 9 de novembro de 2007

Curiosidades do mundo

Facendo un rápido percorrido polos xornais do día, atopámonos con dúas novas realmente curiosas que pensamos en transmitirvos coa intención de pasármolo ben un anaco, liberarmos tensións, e de paso, cumprirmos unha débeda pendente co Tevabuena. A primeira delas, un tanto escabrosa, aconteceu o pasado mércores nunha discoteca de Benalmádena. Un mozo de 18 anos, despois de mediar nunha pelexa, foi agredido por un dos combatentes, outro mozo de 20 anos, perdendo parte dunha orella. Deseguido, o fanado, que segundo parece a esas horas da madrugada aínda conseguía manter o sentido común, pediulle aos donos do local que o desaloxaran para poder así buscar o seu prezado apéndice auricular, pero negáronse a facelo. Ao día seguinte, e tras a pertinente limpeza do buchinche, atoparon a orella perdida, que para amargura do rapaz, lle foi devolta tarde e arrastro, perdendo a posibilidade de a reimplantar, polo que imaxinamos ao interesado botando fume (por onde non o sabemos). A segunda historia curiosa lévanos até Alemaña, onde un total de 10 persoas dunha mesma familia foron sorprendidos no interior dun Twingo (con capacidade para 4 persoas) cando se dirixían a unha festa. Non é que quixeran cumprir un récord, non (porque a marca disque está en 22 persoas dentro dun Mini, algo difícil de superar, as cousas como son), é que chegaban tarde e pensaban que desta maneira aforrarían tempo, en vez de ir e vir 3 veces, facendo viaxes innecesarias. Outros, mellor pensados, cren que o verdadeiro motivo era demostrarlle ao mundo que se un quere (ou quen di un, dez) pódese loitar contra o cambio climático e aforrar unhas cantas emisións do famoso CO2. Sexa como for, e dado que ao feito de ir como sardiñas en lata a condutora coas présas esquecera tamén o carné, a viaxe saíulle un pouco custosa. Nada máis e nada menos que 400 euros de multa. Para que despois digan que a ‘benemérita’ predica co exemplo...

Venid, y vamos todos con flores a porfía; con flores a María, que Madre nuestra eeeeeeeeeeeeeees...

Temos que recoñecer que moitas das ideas que inspiran os nosos post proceden doutras fontes, alleas ao equipo redactor deste blog, mais próximas doutro xeito. Hoxe M., a sempre risoña e encantadora funcionaria da administración que nos toca máis de cerca, bueno, a única que responde a esas características nese departamento e no xénero aludido, -bicos para ela se nos le-, comentounos que ás logradas memorias USB do E Logo saíronlle dous serios competidores: o Humping Dog (hala, a traducilo, que nós non imos describir en que estado entra o cadeliño cando o enchufas ao porto); e a Santa María do USB, á que lle alumea o corazón cando se están a ler os datos no PC (que "pricioso"!!!!).
E nós, que sempre andamos pensando na aplicación práctica do que contamos, suxerimos vos quede aí gardada a idea para un posible agasallo. A virxe, está claro, para quen lle vaia o rollo técnico-relixioso; pero ollo co canciño, que non é para regalarlle a calquera, por exemplo, a alguén falto de sentido do humor ou con outras carencias circunstanciais. Hai que asegurarse ben de que o obxecto deste "detalle" non se ofenda baixo ningún concepto. Claro está, esta advertencia só serve se se trata de alguén querido, porque tamén pode ser unha forma indirecta de mandar a alguén a que lle dean... o que merece.

quinta-feira, 8 de novembro de 2007

Adxudicado!!

Algunhas de nós andamos desde hai algún tempo facendo perigosas visitas a coñecidas páxinas web de subastas. A verdade é que é un mundo de "diorbendito" no que -e por iso falamos das perigosas visitas- podes gastar máis do que deberías. Non é bo andar fuchicando aquí e acolá porque sempre ha saír algo que che apetece, sobre todo, no que atinxe aos nosos gustos, libros de vello a prezos máis que razoables. É preferible ir a tiro fixo, buscar algo específico, poxar por el, agardar a que haxa sorte, mercar e esquecerse.
O proceso de compra e venda parece seguro, os intercambios adoitan ser fluidos e con final feliz para ambas partes.
Se tedes ocasión, tempo e a conta do banco pouco folgada, que iso sempre disuade, dade unha volta. Veredes a cantidade de cousas curiosas que se ofertan nestas páxinas, que teñen, por su posto, o seu propio anecdotario.
Foi noticia o caso dunha muller que decidiu vender todo o que tiña: 176 obxectos nun tempo record de 10 días, entre eles, a súa propia casa.
Hai tamén moito hábil, como, por exemplo un afeccionado español que por casualidade chapou ao voo o balón co que Beckham fallou o penalti nos cuartos de final da Eurocopa 2004 contra Portugal, e ao que lle sacou 28.050 euros -moco de pavo!-
Despois hai verdadeiras excentricidades como a posta á venda en EEUU -non sei se podería ser noutro sitio- dun sándwich de queixo derretido, que levaba feito dez anos, ao que lle faltaba xa un cacho e no que, segundo a súa dona, podía verse a cara da Virxe. Nun principio a web retirou o anuncio por consideralo unha broma, pero volvérono sacar e acabou sendo mercado por máis de vintemil euros -cantos cartiños ten a xente, uns tanto e outros tan pouco.

quarta-feira, 7 de novembro de 2007

En off

Non é que esteamos coa teima de pechar e facéndonos a vítimas, non, é que andamos sen durmir e non é porque as noites se nos alonguen pracenteiramente. Algo hai no ambiente -será a envexa ou a nosa condición de "moscóns mortos xogadores de poker"- que non nos deixa pegar ollo.
Uns pasan a noite en branco, outros entran e saen do berce de Morfeo, e así andamos, a metade de semana aínda e escarallad@ "pirdidos". Até o gatiño do Tevabuena anda máis preguizoso.

Ai, que faltiña facían xa outras vacacións cando estamos, coma quen di, acabados de chegar das "únicas"!!!!

Hai quen recorre á valeriana e, nos casos máis graves, até á autohipnose. Nós agardamos non chegar a tal grao de desesperación, pero o caso é que nos está a afectar: estamos cans@s, de peor humor, lent@s e falt@s de reflexos..., aparvad@s en definitiva.
Supomos que o problema vén pola falta de chuvia que tanto agradecemos por outra banda. É o resultado da carga excesiva de ións positivos, que xera o aire contaminado. Veremos en que para o asunto. Até imos desexar que Compostela en novembro sexa gris e húmida.

segunda-feira, 5 de novembro de 2007

Xa vai case un ano

En xaneiro próximo o Tevabuena cumpre un ano, para entón poida que ande polos trescentos post colgados e, na progresión que vén seguindo, chegue ás 6000 visitas.
Compartimos moitos momentos virtuais, serviu de vía de comunicación, máis ou menos eficaz, para que @s compañeir@s que marcharon souberan como andaban as cousas por aquí, foi tamén o expazo que nos permitiu soltar a lingua, frivolizar e pórnos serias, buscar caralladiñas para decoralo como se da nosa propia casa se tratara, en fin, creámolo e fixémolo medrar o mellor que soubemos.
Nun ano, compañeir@s, cantas cousas pasan!, entre as que lembramos e as que quedan no esquecemento. Pero doce meses tamén dan para pensar, para botar de menos aos que marcharon e tamén para decidir se con 365 días o Tevabuena cumpriu a súa misión.
Agora é máis difícil traballar en grupo, pois dúas das carrabouxiñas marcharon: a nosa enxeñosa editora S., e M., ideóloga, deseñadora e Presidenta de Honra deste blog.
Así que non antes do noso primeiro aniversario, pero logo, igual cómpre ir pensando en pechar o chiringo.
Xa veremos con que folgos comezamos o 2008. Ata entón, seguiremos por aquí.

Boa semana a tod@s!

sexta-feira, 2 de novembro de 2007

Como cambiou o conto!!!

Hai que ver como cambiaron as letras das cancións de consumo efémero, máis propias do verán, desas que se escoitan queiras ou non e cuxo leit motiv é o amor (¿¿??), nas súas múltiples manifestacións. Deixámosvos dous exemplos. A primeira delas acadou un grande éxito alá a finais dos anos sesenta do século pasado -que lonxe queda!-; a segunda é moito máis recente, debeu soar hai un ou dous veráns. As diferencias son máis que evidentes, así que non hai moito que comentar. Se somos sinceras, non saberiamos con cal delas quedar; con ningunha, a verdade. A primeira por cándida demais, pero naquela época xa se sabe, a censura era burra pero implacable; en canto á segunda, en fin, suxerir, suxire pouco, pois é ben explícita. Alguén imaxina ese "perreo" soando nun guateque?
Boa fin de semana a tod@s!!!

El amor que yo soñé/jamás lo puede conseguir/no pensé que en realidad/pudiera sucederme a mi./Sé muy bien que todo amor /significa esclavitud /perderé mi libertad /por ganar tu juventud /Yo prefiero ser esclavo /estando enamorado /a ser libre como el viento /y vivir sin tu amor. /Tengo tu amor /para qué quiero más /me conformo con ser feliz /que más puedo pedir... /El dinero no me importa/tengo tu cariño /y podré decir a todos /que ya tengo tu amor.


Atención aos vídeos!!!



Ya tu mirada con la mia estan saciandose/Tu piel rozando con mi piel y sofocandose/Y en la noche me imagino devorandote/Atrapandote, provocandote /Ya tu mirada con la mia estan saciandose /Tu piel rozando con mi piel y sofocandose /Y en la noche me imagino devorandote /Atrapandote, provocandote /Baila morena, baila morena /Perreo pa' los nenes, perreo pa' las nenas /Baila morena, baila morena /(Dale morena, vamonos afuegote!) /Baila morena, baila morena /Perreo pa' los nenes, perreo pa' las nenas /Baila morena, baila morena /(Dale moreno, que nos fuimos afuegote!) /Morena, dale con tu tecnica que yo tengo tu tactica /Dale Boster, aceita las automaticas /Yo soy tu gangster, mami, tu eres mi lunatica...



 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -