terça-feira, 30 de outubro de 2007

E a ponte, que?

Arrincamos o luns con forza, anunciando que o xoves non se traballaba, e o noso compañeiro I., pragmático coma sempre, devolveunos á realidade: vale, o xoves, non, pero o venres hai que currar.
Pois non nos parece xusto, pero non hai que lle facer, hai que vir e punto. Agora que é tempo de gripes, de comidas fortes por iso do frío, que non sempre sentan ben... (nós dámos ideas), ao mellor cadra e o venres andamos indispost@s.
Cómpre saber que os gardiáns da Terra-Ancha de Nutrix andarán escacilando de sala en sala, saudando sorrintes -mira que erguerse para iso!- e facendo reconto, así que ao mellor, e tal e como andan as cousas, até non compensa moito arriscar. Para os que saian o xoves, pasará o venres a ralentí e logo hai dous días para repoñerse. Ánimo!
Para quen manda, a verdade, non custaba nada darnos ese día, que é deses tontos, nos que nin se retoma o traballo que quedou sen facer o último día nin se emprende unha nova tarefa, pois é mellor empezar o luns e tirar a semana corrida.
Non, se coma sempre, nós temos claro o asunto. E non é por preguiza, que aquí labórase abondo, malia as malas linguas que andan por aí a dicir o contrario, é por puro sentido práctico. Hai saudables costumes, como a de durmir a sesta, que países como Suiza ou o Xapón importaron. Os xefes crearon salas nas propias empresas onde os empregados poden botar unha cabezaciña e volver ao traballo con forzas renovadas. Facer ponte debería ser tamén obrigatorio para mellorar o rendemento dos asalariados. Todo o mundo marcharía contento e sentiríase en obriga debedosa cos seus superiores por tan preciado agasallo. En caso contrario, prodúcese o efecto "rebote", é dicir, non se para até conseguir un día libre, así polo morro. E ha ser cando máis choio haxa.
Así que, postas na balanza vantaxes e inconvenientes, é obvio cara onde cae o peso.
Manifestámonos?

segunda-feira, 29 de outubro de 2007

Xa chove en Santiago...

Andamos algo escasas de ideas, alomenos dalgunha decente coa que elaborar un post. Será o cambio de hora ou o outono que ameaza, ou a percepción de que o día esmorece cando aínda non mediou a tarde e hai que recollerse, tamén do espazo aberto do tevabuena.
Nunha ocasión unha persoa que estaba de paso por Compostela e que viña doutras latitudes onde todo é luz e clima morno, preguntaba extrañada: "¿Cómo podéis vivir aquí?". Non se refería a unha localización concreta do norte peninsular, pois valoraba enormemente as paisaxes, a gastronomía, as xentes, etc., de aquí. Tiña que ver o seu reparo co clima, cos invernos longos, fríos e chuviosos, con erguerse de noite e tomar o café de despois de comer entre lusco e fusco.
Nun paseo compartido polas rúas de Santiago, foi reparando nas facianas das persoas que iamos cruzando, na súa xestualidade corporal, nos fuciños tortos cando batían uns paraugas noutros debaixo dos soportais dar Rúas. E dáballe á cabeza, reafirmándose no seu sentir.
Para alguén que estea acostumado a eses días longos e radiantes, a chamarlle inverno frío a aquel no que temperatura non sobe dos 22 graos, isto ten que ser un inferno. Así tamén se explica a nosa dieta contundente, que, por certo, degustan sen reparos.
E é que aquí cando empeza non para, e iso que este ano hai que dar cun canto nos dentes, pero aí vén o mes de novembro, ameazando con recluirnos nas casas, que non é tan mala idea. Unha cea con amigos na casa é unha delicia, unha forma de compartir que non se dá nun restaurante ou saíndo de copas. O anfitrión ou a anfitriona abre o seu espazo máis íntimo para ti, convídate a entrar no máis propio, pensa en como mellor pode agasallarte, bota horas elaborando os pratos, escolle o viño e dispón o comedor para que poida ser ocupado coa maior comodidade.
Pode que xa nos vaiamos facendo maiores e que a tranquilidade se nos faga necesaria, pero unha cea compartida, con sobremesa longa e repousada, é un dos grandes praceres cotiáns dos que podemos gozar, agora que andar por fóra case vai ser unha actividade de risco.
Boa semana para todos!!!
E lembrade que o xoves non se traballa.

quinta-feira, 25 de outubro de 2007

Que será, será...

Na nosa visita diaria aos "lugares interesantes", descubrimos no blog Fragmentos da Galaxia o vídeo no que se recolle a intervención do polémico xuíz Emilio Calatayud nunha mesa de relatorios, na que en pouco máis de dez minutos, e sendo tan atinado -agás matices que logo detallaremos- como politicamente incorrecto, disertaba o maxistrado sobre a problemática da educación dos menores, sobre os cambios que se produciron na relación pais-fillos, sobre o froito que está a dar a indefinición do que se entende por transmisión de principios e valores fundamentais, sobre a falta de referentes e conciencia dos límites dos nosos adolescentes..., en fin.
O discurso, a priori, pode até resultar reaccionario, pois insiste no contraste entre dous periodos tan próximos como diferentes: o pre e o post constitucional, valorando o primeiro deles no que atinxe ao tema en cuestión. E segue, apostando polo efectivo método de "dar unha labazada a tempo", lembrando que un pai ou unha nai non son amigos dos seus fillos ou fillas, insistindo na necesidade de delimitar papeis, de non mesturar o touciño coa velocidade, en fin, entrando de cheo na problemática que unha parte importante da sociedade está a ver, pero non formula, alomenos dese xeito tan descarnado. O auditorio ri, non só polo campechano que resulta Calatayud, senon porque se recoñece en boa parte da casuística alí exposta.
E ao final non queda máis remedio que pensar por que a nosa xeración, herdeira directa dunha educación "preconstitucional", non contribúe a elevar os índices de natalidade Non só é pola precariedade laboral, polo complicado que é chegar a fin de mes, porque a muller ten outras prioridades e outras metas, etc, etc. Á marxe de que o nomeado "reloxio biolóxico" estea atrasado ou sen pilas en moitos casos, de que se recoñeza que o "instinto materno ou paterno" non vén necesariamente de serie, o que moitas veces disuade é pensar na xeración que vai ser referente inmediato para aquela da que formarían parte os nosos fillos. @s adolescentes de hoxendía son o resultado da educación recibida dunha xeración que medrou embebida do espírito do 68 e correu diante dos grises, que entendeu que foran tantas as eivas que padeceran, que non ían ser precisamente eles e elas os transmisores de certos valores. E faltou aí o termo medio; non se quería negar nada e nesa xenerosidade, que o é, perdeuse a noción de autoridade, de respecto, de verdadeira aprendizaxe do que é vivir en sociedade, do que é loitar polo que se quere, de ter metas claras na vida. Xerouse entón unha prole de apátic@s, desganad@s, desnortad@s, apoltronad@s -sempre falamos en termos xerais. E aínda se debate sobre o botellón, que é moi molesto. Non nos estarán querendo dicir algo? En medio do ruido de chunda-chunda-, cristais e berros, hai algo que non estamos sabendo interpretar?. O que podería haber de fondo é unha falta de comunicación atroz, que nós non somos quen de solventar e eles están cansos de denunciar.
Así semella case unha irresponsabilidade traer ao mundo ás vitimas dunha sociedade que en futuro poida converterse nunha verdadeira orxía antropofáxica.
Agardamos as vosas opinións.

segunda-feira, 22 de outubro de 2007

Unha advertencia seria

A miúdo recibimos informacións sobre a inseguridade á hora de facer operacións bancarias a través da internet, do risco que corremos ao utilizar os caixeiros automáticos, por se nos copian a tarxeta, etc, etc, pero só cando nos toca de cerca, vémoslle as orellas ao lobo. Agora que neste círculo tevabuenil tivemos unha vítima destas actividades delictivas, cremos necesario volver lembrar as precaucións que é necesario tomar para evitar ser obxecto destes delictos, que non o son, polo visto, cando a cantidade substraída é inferior aos catrocentos euros.
En primeiro lugar, recoméndase pechar a porta con pasador, se o caixeiro non é exterior, así que debemos procurar facer uso daqueles que son interiores.
Agochar coa man a marcación do PIN, pois son os cacos os que ás veces colocan unha cámara na que rexistran esta acción.
Asegurarse de que a rañura pola que se introduce a tarxeta é fixa e non superposta, e tamén de que non hai ningún obstáculo que impida a devolución da tarxeta, os cartos ou o recibo, tal silicona ou outros elementos de sellado.
Comprobar que non hai un teclado superposto, co que os F.D.P que nos rouban rexistran o noso número secreto. Abonda cun lixeiro movemento para sabelo.
Non facer uso de caixeiros situados en lugares illados ou con pouca luz.

Agardamos que estas advertencias non caian en saco roto e que este tipo de fraudes non se repitan.

domingo, 21 de outubro de 2007

A última baixa

Non sabemos se a nosa compañeira I. M. visita habitualmente este espazo. O caso é que pasou recentemente a formar parte da listaxe de ausencias. Pasa a mellor vida -enténdase en sentido literal, e non metafórico-, marcha explorar novos territorios, onde poder sacar maior rendemento ás súas investigacións, que en futuro inmediato daran froitos moi proveitosos.
Xa perdemos a conta das despedidas que levamos no que vai de ano, pero esta tamén é significada polo aprezo que espertou entre @s que tivemos o pracer de coñecela.
De novo mestura de bágoas que ameazan e ledicia polo que para ela representa esta oportunidade. E promesas, sí, de vernos nos bares. Agardamos que se cumpran.
Só nos queda, benquerida compañeira, desexarche moitas sorte, grandes éxitos e bos momentos compartidos abondo aquí para que non nos esquezas, aló, ao outro lado do charco.
O Tevabuena e todos os tevabuen@s desexámosche o mellor.
Aí vai unha forte aperta.

sexta-feira, 19 de outubro de 2007

Aduaneiros con fronteiras


Pedídesnolo e así o facemos. Sobra dicir que consideramos a reacción da demandante absolutamente desmedida, se a cousa é como Aduaneiros di.

Procuramos, non obstante, contrastar a información, e así tivemos tamén en conta as declaracións da demandante recollidas nunha entrevista para Vieiros. Alá cada un coa súa conciencia se mente ou conta a verdade.

Mais todo apunta a que poden entenderse, así que confiaremos na continuidade da páxina, que xa é un referente para unha gran maioría dos "blogueiros".

Haxa paz.

quarta-feira, 17 de outubro de 2007

Que pequeno é o mundo...

A nós, sinceramente, íanos parecendo, conforme liamos, unha boa noticia a que aparece hoxe nun diario galego. Referímonos só ao proceso en si, non ao final, pois ía todo ben e logo estragouse. O caso é que un home e unha muller de nacionalidade bosnia, que estaban casados e aburridos, decidiron navegar pola internet para saír do abismo no que estaba mergullada a súa relación.
Alí «Azúcar» e «Príncipe da satisfacción» -eses eran os seus alias no MSN- comprobaron que tiñan atopado a súa media laranxa, que todo era marabilloso, así que creron que era hora de coñecerse en persoa e alá foron.
Cal non sería a súa sorpresa cando descubriron que a persoa coa que ían atoparse era en realidade a súa parella, aquela coa que na vida cotiá mantiñan permantentes liortas.
Tan inesperado foi este encontro, que non conseguiron analizar a situación con optimismo e esperanza: foran quen de volver namorar ao outro, nin máis nin menos. Pero o noso gozo nun pozo, porque ao final, aquel idilio que tanto prometía foi aducido como engano matrimonial no proceso de divorcio que puxo fin ás dúas relacións: a mala e a boa.
A nós dános rabia, porque mira que tería sido bonito que esqueceran o pasado, que incluso chegaran a divorciarse e que comezaran de novo, doces e satisfeitos, pero non. Home, ten que dar algo de vergoña e moita rabia, que habendo tantos homes e mulleres no universo virtual, xusto se vaia dar coa persoa que dorme tadas as noites de costas cara un/unha.

segunda-feira, 15 de outubro de 2007

Parte de guerra

Estamos todas, sás e salvas, despois dunha noite de xoves máis longa para unhas que para outras.

Nunha primeira quenda, marchou o IMSERSO, que conta na súa nómina, polo visto, cunha única persoa, e as que tiñan que conducir, madrugar, etc...
A segunda retirada produciuse, polo que sabemos, á saída do Maycar, pero a resistencia aguantou entre a marabunta que invadía as rúas e locais de Compostela "in the night", até que xa era día.
Non houbo danos persoais, que se saiba, nin incidentes que lamentar, só importantes inxestas etílicas e moita risa e moito baile e non sabemos -nin saberemos- se algo máis.
A nosa editora S. recibiu o seu agasalliño, entre contenta e sorprendida. Cremos que lle gustou.
Así que parece que quedou un bo sabor de boca e que se pode repetir, aínda que as expectativas, no que se refiere ao sector senior, víronse cumpridas; que non, que xa non estamos para estes trotes, aínda que a xenerosidade das máis novas nos fixera sentir mellor: soaban, en efecto, "os guachigüeiri", e alguén se me achegou para dicirme que non me preocupase, que tampouco sabía quen eran. Ufffffffffffff, un alivio!!!!
Sen novidade na fronte, pois, contentas polo resultado e por saber que as da Mariña e as coruñesas seguen a pleno rendemento e coa boa sensación por ter descuberto o que xa se intuía: o divertido grupo que compoñen as rapazas C.
Queda aquí implícita a promesa dun novo encontro, esta vez si, nos bares.
A descansar e repoñerse, que boa falta fai.

sexta-feira, 12 de outubro de 2007

"El Rey"

Dada a heteroxeneidade ideolóxica das persoas que compoñemos o equipo editor do Tevabuena, é costume deste blog non entrar en cuestións políticas, agás naquelas que son obxectivamente censurables -non existiamos cando foi o do Prestige ou cando ao segundo "César Pequeñito", como chamara Sender ao outro ditador, lle deu por meteros de fuciños na guerra de Irak, contra a opinión públicamente expresada de quen nos manifestamos reiteradamente-.
Así que hoxe non celebramos nada, agás que non temos que ir traballar, pero non podemos pasar por alto "El mensaje hispánico" que gravou o outro día ese señor que din é líder da oposición ao goberno do Estado español.
Aínda era para botar unhas risas, senon fora porque hai máis de dez millóns de persoas ás que lle debeu encantar, e iso é o preocupante.
Quen é o asesor de imaxe do PP (Partido Putrefacto), que tan fraco favor lle está facendo a eles, e tan grande o que nos fai ao resto?.
Que ousadía!. Agora que rexorden as manifestacións públicas en contra da monarquía, vai este e eríxese en candidato para substituír a "El Rey".
Case é digno de compaixón -só case-, porque no fondo este speech non foi máis que a evidencia dun "arde a casa, quentarse aos cangos". El sabe que é moi probable -diolo queira- que perda as próximas eleccións, e que esa sexa a derradeira oportunidade que vai ter/lle van dar, así que debeu pensar: "Puexxxxx, nada, voy a hacer de Prexidente del gobierno un ratito". E alá se foi: á súa esquerda, a foto de Juancar; e á dereita, a do grupete do primeiro goberno de Ansar. Nada, que no fondo é un nostálxico.
@s que nos seguides sabedes que somos bastante dadas a adxuntar documentos gráficos que ilustren o máis axeitademente posible o contido do post. Teríamos reproducido o vídeo, pero neste caso vémonos impedidas por unha sinxela cuestión de decoro.
Que pasedes un bo día feriado.

quinta-feira, 11 de outubro de 2007

O engado galego

Da man da nosa Rabuda, que é a que dá con estas curiosidades, acabamos de descubrir que existe un atolón nas Illas Mauricio que leva por nome "Cargados Carajos". Parece doado deducir a orixe de tal denominación: ou os descubridores estaban até os mesmísimos de navegar sen atopar terra cando chegaron á illa, ou as indíxenas eran dunha sen(x)sualidade tan irresistible, que os mariños pasaron de cero a cen en menos de catro segundos. Pero ao carón da citada illa, atopamos outra, cuxo nome dános a solución definitiva á nosa dúbida, chámase "Agalega", polo que non temos máis remedio que concluir que unha compatriota nosa xa fora quen de adiantarse ás grandes descobertas, e era o seu engado galaico o causante da elevación súbita da libido dos aguerridos expedicionarios.
Faremos, non obstante, unha concesión en deferencia ao sector lusista máis próximo: tendo en conta que foron os portugueses os primeiros en asentar no arquipélago, a finais do século XV, puidera ser lusitana aquela femme fatale. Pero iso é todo; desde logo nin holandesa nin francesa nin inglesa. Era galego, sen dúbida, o canto da serea ao que sucumbiron os rendidos argonautas, que quixeron deixar a súa sensación reflectida para a posteridade no propio nome do illote.




*A imaxe que vedes é unha panorámica dunha das praias paradisíacas da illa. Incluimos outra, en resposta ao segundo comentario. Non mentimos, a forma real da illa é a que podedes ver no mapa.





quarta-feira, 10 de outubro de 2007

Perdoamos mais non esquecemos

Estamos a piques de gozar dun xoves-venres, que alegría!!!! É o noso día, compartido cos estudantes que chegan a Compostela o primeiro ano, dispostos a beber a noite dun grolo cando aínda non mediou a semana. Tamén era o día que se lle daba libre ao persoal do servizo doméstico -non sabemos con cal nos identificamos máis-. Malia as baixas mellor ou peor xustificadas, quedamos aí un núcleo duro potente e imos ver de pasalo ben e homenaxear á nosa editora S., que non sei, din por aí que vai pagar a cea (é bromiña, muller...!!!!!), á que temos moitas ganas de ver, a verdade.
Así que, ao mellor mañá o sector IMSERSO aínda vai andar algo nervioso, porque unha vez que remata a cea, que é a parte relaxada, logo hai que botarse ás rúas de Compostela. A maioría dos individuos machos que poboan a noite santiaguesa míranche con cara de "que fará aquí esta que se lle nota que xa non sae?"; xa se che revolve o estómago coas evidencias dunha cea mal dixerida ou da inxesta de grandes cantidades de alcol sen ter probado bocado, que están por todos os recunchos; xa non recoñeces a música que soa e preguntas e dinche: "si, muller son os "guachigüeiri", e ti contestas por vergoña: "ah, si!!!. Fíxate, non me parecían agora"; as luces son moi escasas ou fortes demais; todas as copas che saben a garrafón; non entendes ben -é falta de costume- o que che din cando che "entran" (séguese a dicir así?), porque só o fan as vellas glorias que xa van tan pasados, que non hai nada que pensar, só que non saben nese momento se es guapa ou fea, alta ou baixa, porque xa non te ven; e pensas que nunca criches que ías ser obxecto das babosadas da fauna que antes só andaba polo Don Juan e agora está en todas partes. A esperanza só aparece cando atopas a alguén da túa xeración, porque ti sábeste de ningunha parte, nin es moi nova nin tan vella, estás nesa idade que demos en chamar de "absoluta plenitude", pero iso só no privado. Saíndo de copas é cando notas que perdiches facultades. Xa non aguantas nin unha terceira parte do que antes non che chegaba, e ás dúas da mañá xa só se che abre a boca, pero non por aburrimento, porque mira que aquí a nómina de participantes nesta saída é prometedora por divertida, pero venche o sono, estás cansa, afumada e incluso algo bébeda. E xa non digamos se che dá por bailar, malo se non tomaches un par de copas, porque entón veste "antigua", e malo se bebes porque podes estar ridícula sen ser consciente. E ao día seguinte, cando espertas, só pensas: "Quen me mandará a min saír??????".
Queremos para rematar ser legais e confesar que nos encomendamos a nós mesmas unha misión que imos cumprir. Como xesto de vinganza cara o noso galán por nos ter deixado tiradas para marchar con "xente máis afín" -que feo, I., que feísimo xesto-, imos facer todo o posible por dar con el, porque ha andar por Compostela e sabemos por onde para. E se o sector senior desta expedición ten que agardar ata o Maycar para dar con el, farémolo.
Non podemos perdoarlle este agravio.
A vinganza, noso amigho, sérvese fría, e o outono aquí non é morno.

terça-feira, 9 de outubro de 2007

Imos de festa

Imos tentar poñerlle remedio a esta apatía tristeira. Ten razón a nosa Píntega, non podemos seguir así. De maneira que decidimos organizar "una de salir".
Alguna das carrabouxiñas xa perdemos a noción do que é iso e acabaremos topeneando no alto do taburete dalgún pub grunge -o noso carioca inaugurou esa tendencia-, pero do resto non hai dúbida. Foi sonada a segunda convocatoria da despedida da nosa sempre añorada e insustituible M. (Sabemos que che gusta ter protagonismo en cada post. Aínda non tomaches conciencia de que nos sigues faltando, toliña?). O listón quedou entón alto demais para segundo quen.
Mira que eu aínda estaba por traer ao coreano, pero fáltame o apoio da Rabuda, que vai se unha das notables ausentes, para levar adiante esta iniciativa.
O caso é que a cousa ten pinta de ir saír ben, aínda que o sector IMSERSO non promete nada, -aquí unha foi confesa bailadora de pachangadas, e agora iso é hortera-, pero será feliz vendo aos mociños e mociñas tevabueniles botando "uns pasodobles".
Ningunha de nós perde a esperanza de facer parella de baile cos poucos pero inmellorables representantes do sector masculino, malia que algún teña tomada conciencia de que somos moitas e o rebufo esmoreceu, pero el sabe que sempre será "o noso galán".
Así que alá imos e que sexa o que deus queira. Se non hai "novedá" e aquí o comité editorial sobrevive aos excesos da noite compostelá, daremos noticia de como resultou a quedada.
Se o luns non amenceramos, é para preocuparse.

segunda-feira, 8 de outubro de 2007

SMS (Só máis soidade)

Imos quedando menos. Andamos como a pita sen pitos. Non nos atopamos. Non sabemos se fuximos uns dos outros por iso de que non se noten as ausencias, ou nos buscamos para non sentirnos sós, aquí na Terra Ancha de Nutrix.
Hoxe é o primeiro día sen Meri. A súa compañeira anda tristiña e non sabemos como consolala, porque o demais segue -xa dixemos nalgunha ocasión que "The Show Must Go On"-, é o que toca.
E mentres, como se este pequeno mundo fose alleo, non máis que un satélite ignoto no medio da galaxia á que pertence, todo xira arredor de nós, sen advertirnos, sen escoitarnos, sen vernos nin notarnos.
É o paradoxo cotidiano. É o noso sino mentres sigamos aquí. Benvidas que aínda non remataron cando toca dicir adeus... É de tolos.
O malo é que imos pouco a pouco camiño da resignación e ese é un mal sentimento cando implica que se perdeu a vontade de loita, que se aceptou a derrota.
O aire que se respira non é o que está aí fóra: frío xa de outono; é pesado e suxo, é escuro, case cego.
Hai, que desfacerse, xa o sabemos, deste sentimento. Ao cabo, esto, xa o dixemos, é estación de paso, e o que vaia quedar despois é o que conta. Os vínculos afectivos que sobrevivan cando xa non nos vexamos cada día, cando un estea en Antiga e Barbuda e outro en Croacia e aínda lles dea por mandar un sms.
Veremos que sucede no futuro. O presente, pintar, non pinta nada ben.

sexta-feira, 5 de outubro de 2007

Hoxe non pode ser un gran día

Jobaaaaaaaaaaaaa, que non paramos, eh?, que aínda non levantamos cabeza e... hala, outra despedida, pero neste caso non só afecta ao corazonciño tevabuenil, senon á súa estrutura organizativa.
Hoxe marcha por un tempo a nosa Presidenta de Honra. Vai acometer outras empresas, pero confiamos en que volva.
Bueno, o certo é que estamos coma sempre, unhas nos van e outras nos veñen. Felices pola oportunidade que a marcha representa e que merece, por descontado, e tristes polo oco que vai deixar a súa ausencia: os seus ollos azuis cristaliño, o seu riso contaxioso, o seu afecto e a súa bondade.
Cada vez vai resultando máis difícil, a estas cousas non nos acabamos de afacer. A esta vai ser especialmente difícil.
Quen vai ter agora as mellores ideas para os regalos de aniversario?, quen coma ela vai ter tanta disposición para ir mercalos -á pobre sempre lle tocaba-?, quen nos fará as bolachas?, quen reparará a plantilla estragada do tevabuena?.
En fin, quen poderá substituír á nosa Meri?: ninguén.

quinta-feira, 4 de outubro de 2007

Vivamos como galegos

A primeira vez que o vimos, sorprendeunos. Cremos, sinceramente, que era unha campaña da Xunta, mais tanto nos ten o logo que aparece ao final, pois a idea pareceunos boa e divertida.
Xa nos contaredes que opinión vos merece.

Vai especialmente dedicado á nosa Rabuda, que leva días atrás del polo "tubo" adiante.


Pipo

Temos un novo fan, ao que podedes ver na imaxe. É Pipo, vive en Santiago e ten tres meses.

Non sabemos se se sentiu atraído pola imaxe de Tres, ou a da banda dos Félix, o caso é que se quixo sumar ao clube do Tevabuena e nós acollémolo de boa gana.
Mirádelle a cariña de boa persoa que ten, porque os bichiños tamén teñen alma, boas ou malas intencións, mellor ou peor carácter..., e o Pipo parece ter as mellores virtudes.
Agora hai que ver como evoluciona e nós confiamos en que sexa un canciño fiel e cariñoso, pinta deso, desde logo si que ten.
Benvido pois, Pipiño, estamos felices de contarte entre a fauna tevabueneira.


*Grazas a I. (Med.) que é a dona do can e da fotografía. (Ooooooooooooooh, pobitiño pipitiño!!!).

quarta-feira, 3 de outubro de 2007

Novos fans

Seguindo o ronsel do post anterior, non queremos desprezar, todo o contrario, a este novo grupo de fans, singulares si, pois parécense sospeitosamente uns a outros.
Dintinguimos perniñas, saias, en fin, anatomías que determinan claramente o xénero, e tamén a ubicación da fotografía, que nos agrada.
Quedámonos cun xesto, o do gatiño Félix da esquerda de todo. Parécenos un aceno acolledor, aberto, xeneroso, en fin que nos gusta.
Dámoslle as grazas a quen de todos eles nos quixo enviar a fotografía, aceptando o noso convite.
Dende logo, se algo hai nesta imaxe é mocidade, louzanía e intelixencia -a quen se lle ocorre tal composición, non se lle pode escatimar o afago-. Chachond@s, que sodes uns cachond@s!!!!!
Apertas, ghuapirrrrrrm@s!!!!!!

@s nos@s fans

Un grupo de fans do Tevabuena envíanos unha das fotos que fixeron cando o noso blog superou as 3.000 visitas recibidas.


Tod@s moi guap@s e moi riquiñ@s, todos, e moi novos e listos, e grandes profesionais, e comedororiñ@s, polo que se pode ver.


Esta parece ser so unha parte da nosa lexión de seguidores e nós agradecémoslle moito que nos achegaran esta instantánea, que tanto por eles coma por elas, podería ser a dos galegos e galegas mellores do ano -deste e do que vén-.


terça-feira, 2 de outubro de 2007

Estamos coma rosas

Superados os nosos problemas técnicos, grazas á nosa Presidenta de Honra, seguimos adiante, algo amoladas inicialmente ao lembrar aquel post da veciña Pirámide, pero dixo que era "de risas" e nós crémola.
Bueno, se alguén nos vixía, mellor para eles, poida que así se enteren ou até sorrían, se lles queda capacidade para elo.
Nós andamos a outra cousa, sen deixar de laborare, pero arrimando o ombreiro para facer de cada xornada algo un pouco diferente. A nosa compañeira, á sazón editora deste blog, si que contribuíu coa celebración do seu aniversario. Ata unha fondue de chiculate argallou para bocas abertas de tod@s @s que descoñeciamos aquel segredo tan ben gardado -ou non tanto-.
Moi ben estivo: ela, nerviosa cos agasalliños que lle fixemos, e nós divertid@s e cun ollo na protagonista e outro na mesa.
Tras da porta habería alguén, porque divertirse esta mal ou non tan ben, e pasalo ben cando se traballa tampouco pode ser; e isto non e aquelo tampouco, e..., con permiso, MERDA!!!!!!
Por iso non estabamos tan seguras de que alguén non fedallara no noso blog, aínda que non nos pon nerviosas. O que nos dá rabia e que nolo estraguen; agora, polo que nel dicimos, estamos ben despreocupadas, que até aí podiamos chegar. Este espazo é noso e de todos aqueles que participades ou simplemente botades unha ollada con boa intención.
Pero por se nos len, tampouco queremos facerlle un feo, así que lle mandamos o noso recordo e unha mensaxe: en poucos máis sitios, pero aquí, MANDAMOS NÓS.

Feliz, feliz...



Os nosos parabéns a M. M. L., editora deste blog -aínda non estrenada, todo sea dito- no día do seu aniversario.


A ela debémoslle unha mañá moito máis agradable, con ricas "viandas", que diría I. (Med.), e a presenza da nosa inesquecible compañeira M.


Agardamos que o resto da xornada sexa moi feliz para ela e que cuuuuuuuuuuumpra moooooooooooitos máaaaaaaaaaaaaaaaaais........

segunda-feira, 1 de outubro de 2007

Unha colaboración

Non, non lle imos pedir a S. que nos envíe máis crónicas, agás o desexe, nin que fagades comentarios aos post se non vos sae.
Agora andamos en reparacións, como sabedes, e non estamos certas de que a visualización do blog sexa a axeitada.
Polo visto, dependendo do computador desde o que se accede, hai quen o ve como debe estar (a columna dos post e cor verde, e ao lado, en gris, os engadidos que lle fomos facendo: a viñeta do Carrabouxo, o noso arquivo cronolóxico, a sección "lugares interesantes", o contador de visitas, o calendario, a foto de tres, o moniño que dá a hora, etc); mais hai quen o que atopa é unha cousa extraña, as columnas mencionadas aliñadas en vertical e non en horizontal, como deberían estar. Así que vos pedimos, aos que visualicedes o blog da segunda das maneiras, é dicir, un "sin ton nin son", que nolo comuniquedes, para que poidamos tentar solucionar este problemiña técnico.
Apertas e grazas de antemán,
As carrabouxiñas.

Agardando

Á espera de resolver algúns problemiñas técnicos novos -xa non sabemos se estamos a sufrir un boicot-, deixámosvos aquí unha foto de Tres, por se alguén ten dúbidas sobre os coidados e agarimos que debera recibir.
Aí a tedes, vivindo como unha raíña.
Quen fora gata!

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -