domingo, 30 de setembro de 2007

Desafogando

Cada día está custando máis, cada día é maior o desencanto e a tristura de ver como "Iste vaise, e aquel vaise, e todos, todos se van" -apuntou ben o noso compañeiro I. o verso rosaliano para o caso-. Algo segue sen ir ben na Terra-Ancha de Nutrix e non atopamos o remedio, pois non hai xordo máis grande que o que non quere escoitar.
Alguén que acabou, sen querer, dedicándose ao ensino, facía o outro día un balanzo dos anos que xa lle dedicou a esta profesión, e concluía que "o mellor é que me divirto".
Traballar con ilusión é o maior garante do éxito de empresa que se acomete. Mais de nada serve que cada mañá se inxecte en vea unha dose, como quen toma o "actimel", porque logo esmorece como se nunca existise.
Falar?, ui, que mal uso se lle dá a esa palabra. Xa non falamos de dialogar, que iso ha xurdir, necesariamente, da vontade das partes "contratantes".
E seguimos, sen que ninguén nos atenda, lamentando e celebrando á vez as baixas, que cada vez son máis frecuentes. Quedamos catro gatos dos que había hai ano e medio. En pouco tempo, uns porque non poden prolongar máis, outros porque por fin atoparon outra saída, isto mudou completamente.
Xa os cafés de primeira hora non son iguais e os de media mañá convertéronse en compulsivas farturas de toda clase de chilindradas -pura ansiedade-.
Así non se pode, aínda para os que habitan nos remansos dos dominios do Gran Xefe Androide, non é doado convivir coas problemáticas dos demais, porque non son precisamente alleas.
O risco é acabar aferrándose ao "sálvese quen poida" e que se disolvan as boas vontades, as solidarias, porque esto é, só é, ao final, estación de paso, na que o desexo é agardar o menos posible, porque aquí non hai máis, as expectativas reais só están fóra.
E lamentamos esta falta de optimismo, léase só coma un desafogo.

sábado, 29 de setembro de 2007

sexta-feira, 28 de setembro de 2007

Xa tamos


Despois de arranxar algunha cousiña, que se nos desbaratou por esas cousas imprevisibles e inexplicables da técnica, xa estamos de novo funcionando.

Reservamos o seguinte post para unha crónica máis interesante.

Apertas tevabueniles!!!!

Estamos en obras. Desculpade as molestias

quarta-feira, 26 de setembro de 2007

Dor de cabeza

Queridas tevabuenas, escríbovos dacabalo entre terras de Soneira-Bergantiños a petición da Presidenta de Honra, M., que me pediu unha crónica da miña primeira semana como F. en P. (que non F. de P. como algúns xa seguro que me deron en chamar, tanto ou máis que eu a eles, seguro). Para que enganarnos, a vida como docente do primeiro ciclo da ESO é moi dura, e quen máis o sente son, por esta orde: a miña gorxa, a miña cabeza e o meu sono. Difícil xa foi interpretar a primeira ollada ao horario, porque entre tantas siglas (RD, OCO, Garda-R, usuario-usuario, contrasinal-usuario) e a empanada mental dos novatos alí non había nin diola que se enterara. E a axuda, escasísima e moi agradecida, aínda que fora con goteiros e daquela maneira (aínda estou esperando por información da consellaría respecto do meu titor/a que supostamente me tiña que axudar a ‘integrarme’ nestes mundos de Yuppi). E veña a preparar as clases polas tardes, e a remexer libros na biblioteca buscando algo decente e estimulante para ler. O estrés chega da man dos recreos e das horas de comer cando toca tarde (2 veces por semana). Os recreos son de 20 minutos, que entre pasar de edificio a edificio non dá tempo nin para coller a miña súper cunca de deseño que merquei no ‘Carrefoso’ (en falar bergantiñán) porque non teño tempo a tomar un café decente e téñome que conformar con cafés apurados de máquina ruinceira (Que ben se vivía no P.!!!). E luns e mércores, unha hora escasa para chegar a un dos dous únicos restaurantes da parroquia (cos xenuínos a la par que acaídos nomes de Gaiteiro e Tívoli) e meterlle ao corpo as racións de obreiro que nos serven, e que case sempre levan a metade sobro, por suposto, porque senón nas gardas de 15.20 a 16.10 non habería quen aguantara co sono. En fin... O das aulas é outra historia. No universo onde me ‘alcontro’ existen dous mundos paralelos. Un chámase 2B-OCO e os outros 1A-1B. E a medio camiño entre os dous, a Terra de Ninguén: GS e 2A. Para que mentirvos, oio, vexo e remoio de todo, e xa se verá se compensa ou non. De momento, é como quen lle fala ás paredes, aínda que ás veces estas criaturas endemoñadas me fagan rir coas súas ocorrencias e non resista a tentación de saír do meu improvisado papel de Comandanta-en-xefe que por unhas horas teño que interpretar. Xa se verá en que vén dar isto. Mantémonos en contacto. Saúdos tevabueniles.
PD.: A miña intención era recortar a foto da capa do libro do gran Séchu, para simbolizar os diferentes estados de ánimo por que podo pasar ao día, pero hoxe xa non me quedan máis forzas para fedellar nestes trebellos que ultimamente se me están a resistir, así que, malia que me pese, ten que ir así de cutre.

"Anarcopita"

O mundo avícola está revolto e, polo que se ve, falto de recursos; tanto, que os individuos desta esta especie estanse vendo obrigados a delinquir.
É o caso da "anarcopita" -fragméntese ao gusto: anarco-pita/a narco-pita-, detida na fronteira de Colombia cun alixo de droga agochado baixo as ás. Ao parecer a policía detectou a súa estratexia: quería volver a Venezuela nun bús rural xunto a outro sospeitoso que foi máis listo e baixouse antes de chegar ao posto de control. Así que a pobre da pita non tivo defensa, malia tentalo, como se pode ver no documento gráfico que podedes ver abaixo. Non é a primeira vez que se dá o caso: o ano pasado un pavo tentara, tamén sen éxito, levar a cabo a mesma operación.
Tal e como andan as cousas, nós estamos preocupad@s pola galiña piñeira, á que xa nomeamos aquí, non vaia caer en desgraza. Hai que mirar por onde anda agora, non fora cundir o exemplo e, se cadra, sen que nos o saibamos, xa montou unha mafia avícola, con sede no Salnés.
Por se nos le, deixámoslle aquí este video, advertencia dos posibles efectos dun consumo irresponsable.
Galiña Piñeira, queremos saber de ti, chama!!!!!!!!!!!!!!!


terça-feira, 25 de setembro de 2007

Máis de Tres

As voltas que dá a vida. Aquí, unha servidora, que non trae o instinto maternal de serie, nen sequera como opción extra, está encantada coa súa gatiña Tres, da que xa falei aquí. Estou tan encantada -conste que non me gusta escribir os post en primeira persoa, mais permítome esta licenza, abusando da xenerosidade do resto das editoras-, que xa me parezo algo a esas nais que non paran de falar dos seus fillos, cando quedas con elas para un café ou cando as chamas por teléfono e interrompen a conversa vinte veces: "Fulanito, vas caer", "Menganito, non metas o mando na boca", "Zutanito, á ducha". E son tan pouco concientes da desesperación que producen na persoa interlocutora, que leva media hora agardando ao outro lado do fío un minuto de antención, que cando suxires aprazar a conversa para outro momento, aínda che din: "Non, muller, a ver, conta", para logo seguir: "Fulanito..., menganito..., zutanito...".
E doume conta de que algo así empezo a facer eu e non vou permitilo. O que ocorre é que Tres ten aínda espazos vetados na casa, e a mesiña auxiliar do teléfono é un deles e sábeo. Sobre ela hai unha lámpada (regalo exquisito da miña mellor amiga) que me encanta, á que lle ten moitas ganas, e de ningún xeito vou consentir que a estrague.
Sabe moitas cousas, mellor dito, intúe moi rápido, abonda con pronunciar o seu nome con contundencia para que baixe nun chimpo en décimas de segundo. Pero o outro día non puiden evitar pensar se non a entendo ben ás veces. Escoitei como activaba o mans libres do teléfono fixo que está sobre a mesiña prohibida que tanto lle gusta e cando entrei para reprendela, só puiden escoitar: "112 Emerxencias, dígame?".
Eu non sei se lle pasaba algo e non se atreveu a dicirmo. Haberá que agardar até que medre a confianza.

*Prometo colgar algunha imaxe nova, pero eu sigo coa cámara da primeira comunión, nada de dixitais, polo momento.

sexta-feira, 21 de setembro de 2007

A galaxia desconcertante

A ver se nos damos desfeito do post anterior, que suscitou tanto extrañamento, cando no era máis que unha broma -pesada demais ou excesiva, pero broma ao fin e ao cabo-, e imos facelo falando dunha noticia da que nos deu conta, non sen esforzo e con pouco éxito inicialmente, a nosa compañeira Rabuda.
Claro, ás veces, cando alguén fixa un obxectivo vital ou profesional, non mide que as circunstancias persoais constitúen ás veces un verdadeiro obstáculo, pero como todo ten solución (menos a morte, que din por aí), hai que ser o suficientemente obcecad@ como para atopala.
Eso é o que lle ocorre a un astronauta malaio, que profesa no islám, candidato para fomar parte dunha misión espacial. A súa relixión non parecía un inconveniente para botarse ao espazo, pero dá a casualidade de que subiría ao transbordador xusto cando comeza o Ramadán, que esixe o xexún desde e ata o solpor, e claro, orbitando sobre a terra, iso ocorre moitas máis veces do normal (en termos terrestres). Non é só ese o problema, que xa abondaba, porque o home non pode comer en todo o día, senon que tampouco pode rezar de xeonllos, por iso da gravitación, xa se sabe. E van dous inconvenientes, aos que se engade un terceiro: cara onde mira o home cando reza para orientarse cara á Meca, se está viaxando a 40.000 KMs/h?.
Non se rende este mozo penitente e xa pediu axuda ás autoridades competentes para que lle dean unha solución. Así que lle montaron un "concilium ad hoc", e ata se molestaron en darlle nome -"O Islam e a vida no espazo"-, pero atenderon a súa petición de consello experto:
Para o do xexún, que o aparque ata que aterre, que non pasa nada. Así que se pode fartar de comer á hora que queira.
O de axeonllarse, pois abonda con que imaxine que está nesa posición e listo.
E para orientarse cara á Meca, pois bueno, que o intente e punto. Que o intúa o mellor posible e a ver se acerta.
Son todo recomendacións para que as poña en práctica no caso de que finalmente sexa elixido. Dedúcese logo que o desexo dos conciliares é que non viaxe e aí andarán sen comer, de xeonllos e mirando cara á Meca, a ver se hai sorte e mandan a outro.
Ai, meu deus, que ganas de complicarse a vida!!!!

Perdón

Aínda andabamos coa alegría de gustarnos tanto e hoxe tivo lugar unha crise tevabuenil que ten á carrabouxiña que lles escribe ao borde do despido desta casa.
Un xesto bastou para marcar unha fenda ben profunda, onde non couberon explicacións nin xustificacións. Deslealtade, así se entendeu. Un pitillo, por un miserento pitillo, que custa céntimos de euro, por compartilo con outra xente, por non acudir a un reclamo foto-festivo, por non contestar no bate-papo.
Arrepentida estou, mea culpa, e se me deixan explicar, quizáis retorne ao meu posto de editora. Se non consigo o indulto que creo merecer sinceramente, este será o meu derradeiro post.
Aquí deixo a Tres para vostedes, aquí queda o moniño que dá a hora e tantos e tantos recordos, desde o comezo ata o día de hoxe, á hora na que se derrubou unha parte da confianza na que se asentaba o Tevabuena.
Quizáis non mereza tanta indulxencia, pero agora só penso nas patacas fritidas e no cake, nas olivas que xa non hai e nun café con leite, cargadiño, como o prepara X.L.
Quen queira interceder ao meu favor, dirixa, por favor, os seus comentarios á Presidenta de Honra, que é quen ten a potestade para deter o despido inminente que leva pesando sobre min toda a mañá como unha espada de Damocles.
Por se acaso, por se non nos lemos máis, foi un pracer.
*Eu creo que me quedou moi convincente o laio, agora marcho correndo, que me é a hora do café. Agradezo tamén que se me felicite pola actuación.

quinta-feira, 20 de setembro de 2007

Retrato dun blog

Din que quen abre un blog é, por definición, egocéntric@, ególatra, vaidos@, incluso que ten unha personalidade difusa, ou máis, complexa.
Ningunha das carrabouxiñas que aquí botamos a lingua a pacer, ou as mans ao teclado, dámos o perfil, e non teriamos posto en práctica esta inciativa de xeito individual; pero no colectivo, para ben ou para mal, dilúese o protagonismo e depúranse por si mesmas moitas responsabilidades.
Non somos a estas alturas as mulleres enmascaradas, non ofendemos a ninguén, ou alomenos non por vontade, só pasamos o rato.
E facemos un percorrido pola sección que denominamos "lugares interesantes", uns tan só curiosos; os máis, merecedores dunha visita diaria, cando menos. Algúns morreron xa -RIP Cerrepiache ou o Pitiño-, outros mudaron de local. Non nos interesa unha experiencia persoal, así, núa, contada coma un diario: o que @ bloggueir@ come, a súa cor favorita, a que lle cheira Compostela...
Procuramos equidistar da cotidianidade e do excepcional. E cáenos a babiña cando alguén nos di que atopa aquí un lugar grato, co que ás veces sorrí, outras conmóvese e, nalgún caso, lle esperta a necesidade de apuntar un comentario; cando se nos bota de menos, pois por falta de tempo ou de ánimo non nos actualizamos; cando nos celebran o gatiño que puxo a vivir na páxina a nosa Presidenta de Honrra -arriba, á esquerda, sobre o logo laranxa de Blogger-; cando a xente mira o tempo que vai ou a hora desde a nosa páxina...
E comprácenos atopar un post noso nunha listaxe de Forbes.com, aínda que non saibamos por que está aí, saber que no Blogomillo ocupamos o posto 855 d0s 3768 blogs rexistrados na actualidade, que Edilberto Alonso nos lea, que non escribamos aquí sobre o caso Madeleine McCann, que nos importe o que pasa nun radio equivalente ao que abrangue o universo coñecido...
En fin, que no Tevabuena gustámonos, así, como somos, concientes tamén da nosa endogamia, dos chiscos de ollo que van e veñen e son incomprensibles para outras persoas.
Mais si nos morde a curiosidade por saber que atopa no Tevabuena alguén de Guadalaxara (México), Canário (Brasil), Haubourdin (Francia) ou Washington (EE.UU), por non falar da India, o Xapón ou Cambre. Bueno, pode ser casualidade pero a nós fainos ilusión.
Imos camiño do ano de existencia, levamos case 200 post escritos e ningunha incidencia que lamentar. Seguiremos mentres o corpo aguante.
Apertas para todos, xa vén a fin de semana e parece que con bo tempo.

Nós, non

Por fortuna, non todas as tradicións cunden malia ao "defecto" globalizador, máis aínda as que se impoñen no ámbito islámico, e nós xa adiantamos que non estamos dispostas (o feminino está posto con toda a intención).
Un xeque árabe "autoriza" -xa foi sancionado pola máxima autoridade do Islám sunita- ás mulleres traballadoras para que amamanten aos seus colegas (eh??????).
A ver, segundo unha fatua, que é a resposta que un experto en Dereito Islámco dá a unha cuestión relativa á unha disciplina determinada, dous adultos de distinto sexo só poden traballar xuntos nun mesmo despacho se a muller amamanta ao seu colega varón. A convivencia licítase só se son cinco as veces que esta actividade se produce. O texto condenatorio a esta "autorización" di que contradí os principios da relixión islámica, malia que a tradición considera ilícito que una muller estea soa cun home co que poida casar. Só poderá facelo co seu pai, fillo, sobriño, irmán ou sogro; ergo, se se converte en "nai de leite", entón, a relación pasaría a ser materno-filial.
Non estamos moi convencidas, a verdade, dependería do tipo de colega co que haxa que convivir, pero... esas actividades en horario de traballo????
Non cabe dúbida de que a idea se lle ocorreu a un tipo.


*Quixeramos ter atopado unha imaxe máis apropiada para ilustrar o post, pero non demos cun termo medio, desde logo, non apto para tódolos públicos.

quarta-feira, 19 de setembro de 2007

Os grandes do cinema polas súas mans

Hai tempo que me prometera a min mesma escribir este post, mais unha cousa leva a outra e unha vai deixando que o verán remate e novos agobios substitúan aos vellos. Unha mañá, hai algúns meses lin nun xornal (xa dabondo publicitado) a historia desta muller que vou resumir agora.

Cristina Alfonso Santos é veciña miña, traballa na rúa que está a carón da miña (a do Pedroso) e imaxino que tamén vive polo barrio. É a muller que aparece na fotografía, eu nunca me crucei con ela pola rúa e non sabía do seu pequeno taller até que se asomou ás páxinas do xornal; asi descubrín unha historia que me ten un tanto fascinada. Non sei ben cantos anos ten Cristina mais leva case 40 dedicada en corpo e alma ao seu traballo, ese que desenvolve nun baixo tan pequecho que aínda non fun quen de localizar (e iso que a rúa non é grande). Ela é repasadora de películas, a última que queda porque as grandes produtoras de cinema xa non precisan dos servizos de persoas coma ela, que se dedica a repasar coas súas mans e unha máquina cada fotograma, restaurándoo para que a copia do filme dure máis e poida proxectarse con seguridade en diferentes lugares do mundo. Non sabe en cantos países estiveron as películas que pasaron polo seu taller, cada unha de aproximadamente 3.000 fotogramas que repasa a conciencia un por un. Recibe as copias antes que ninguén e traballa con cartaces de Foise co vento nas paredes. Presume de ser a muller que ten asistido a máis estreas sen ter visto ningunha película, os seus actores favoritos son Paul Newman, Richard Gere e Robert Redford (non ten mal gusto a señora) e só lamenta que teñan pasado tantas veces polas súas mans e "sen catalos" mentras bota unhas risas.

Así, porque si, pola miña parte, desde o tevabuena, unha sentida homenaxe para unha muller traballadora (e por extensión para todas as que o fan dentro e fóra das súas casas) que leva anos desenvolvendo un traballo minucioso e cheo de sentimento e soños a escasos metros da miña casa sen que ninguén soubese dela.

Unha máis...

Aínda que a nosa insistencia xa soe a choromiqueo permanente, nos nos vai quedando máis remedio, pois non paramos de despedir xente.
Á marcha para o funcionariado de A. e S., ás que botamos moito en falta, súmase agora a de B. é o noso ex-compañeiro P.. A primeira vai para Alemaña, e o segundo, aínda está por confirmar, para o Brasil.
E nós veña a preguntarnos se estas marchas continuas non obrigan a ninguén a reflexionar sobre absolutamente nada. Se as perspectivas laborais fosen actractivas, se existise calquera posibilidade de continuar máis alá do periodo establecido sen prórroga baixo ningún concepto, agás as inexplicables excepcións sobre as que os beneficiados non teñen responsabilidade ningunha-, esta sería unha vía máis, pero non o é, alomenos mentres as cousas non muden, e dubidamos que iso ocorra.
E dá igual que se ergan voces reclamando un cambio, a canseira de ver como outras vías son sempre máis apetecibles, que antes de ter marchado, a maioría teña a sensación de que a cousa non dá máis de si, que o tempo corre, os anos pasan e despois ¿que?: o baleiro.
E xa o dixemos tantas veces, outras tantas reflexionamos sobre o inexplicable de que nós o vexamos tan claro e outr@s nin sequera o vexan, que non se nos ocorre ningunha lóxica explicación -doutro tipo, sáennos unha morea delas.
Pero non nos resignamos máis que a asumir as inevitables despedidas, sempre acompañadas do oposto sentimento de ledicia polas novas portas que se lle abren aos nos@s compañeir@s, e non nos queda máis que seguir acondicionando a trincheira para que caiba quen queira entrar e, por descontado, felicitar con sinceridade a B. e a P. polo éxito acadado e desexarlles moita sorte nesta aventura e no porvir.

terça-feira, 18 de setembro de 2007

De polbos e berros

Eiiiiiiiiiiiiiii. quiet@s parad@s, que a cousa non vai diso nin de erros gramaticais, senon dunha información moi útil neste país para tod@s @s moit@s comedores deste cefalópodo en calquera das súas deliciosas variantes: á feira, á mugardesa, á grella...
Cómpre saber que os cartiños que nos quitan e que investiriamos en festexos nos que o polbo podía ser parte do menú, foron empregados nun estudo elaborado polo Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, que demostra, despois de facer un seguimento do polbo común, que cando é acosado por outros habitantes do fondo mariño, emite un son semellante a un disparo, que vai acompañado dun destello luminoso. Todo quedou rexistrado en imaxes, que foron analizadas para chegar á conclusión de que esa actitude non é máis que un mecanismo defensivo.
Pero imos esquecer estes sentimentos, esta exteriorización de pánico ante a ameaza, que é inimaxinable cando o acosador é un aparello de pesca, porque no Tevabuena estamos por fundar una asociación, non sabemos aínda se de comedores de polbo ou pola defensa do cefalópodo. Ímolo pensar.


sexta-feira, 14 de setembro de 2007

S.O.S.

A televisión é viciosa e perigosa, sobre todo cando no aburrimento de non topar algo que ver, recórrese ao zapping, e nunha destas aparece aquela presentadora á que o finado Umbral reprochou que no programa que conducía non se tivera falado do seu libro.
Para presentar un programa como o que agora leva hai que estar nun estado supra ou infrarreal, porque se non, non se entende. E iso é o que debeu conseguir onte, non sei se por estimulación natural ou química, o caso é que só lle faltaba dar chimpos antes de cebarse coa nai dunha concursante transexual masculina, no afán de descubrir como nas aproximacións físicas, ás que non lle foxe, polo visto, ningún outro inquilino da casa onde están pechados, non se lle tiña notado que o cambio de home a muller non estaba concluído.
Quen fai apostolado de progresía e liberalidade, contradise con afirmacións saídas de ton e directamente ofensivas, cando ousa xulgar os comportamentos dos concursantes -aos que aquí non defendemos nin atacamos- cando, por exemplo, as mulleres se amosan desinhibidas no terreo sexual. E ela faise chamar feminista?
Do que si é consciente é de que á súa carreira como xornalista non lle veu nada ben repetir un ano tras outro á fronte do que está empeñada en cualificar como "experimento sociolóxico", pero débenlle pagar moi pero que moi ben.
A nós tanto nos ten, porque a quen lle dea gusto, que o vexa, pero dicir que un "reáliti" coma o aludido é unha fonte de apredizaxe, unha caixa de sorpresas, cando o sospeitable é que sexa un espectáculo deseñado, con papeis adscritos a determinadas persoas que están destinadas a cumprir unha determinada función, parécenos, canto menos, cuestionable, incluso, imos máis alá, falaz e deleznable.
Hoxe descubrimos que alí xuntaron a un inmigrante senegalés, a unha rapaza con deficiencias visuais, a dúas xémeas, á mentada transexual e a dúas rapazas que descubriron in situ que eran irmás por parte de pai.
Levamos nove edicións, algo inaudito, o que non ten pasado en ningún outro sitio onde se emitira o mesmo formato.
Dicídenos, que é o que está a pasar?

quarta-feira, 12 de setembro de 2007

Até sempre....!!!!!

Aínda que xa temos falado moitas veces deste tema, na nosa vida profesional é un feito recorrente o da marcha dalgúns compañeiros, que pouco a pouco se van indo, afortunadamente na maior parte dos casos para lugares ou actividades moito mellores e máis recoñecidas. O esforzo e a cabeciña de dúas das nosas compis máis queridas, A. (que xa estivera lonxe de nos un tempo) e S. (redactora do tevabuena e colaboradora máis que habitual) fixeron que esta semana sexa semana de até logos, que non de adeuses, xa que nos deixan polo mundo da docencia. Moito vos habemos botar de menos, algunhas salas van quedando máis baleiras cada día (que pasará o día que queden baleiras de verdade?) e os nosos días aquí, os nosos cafés e as nosas risas un pouco máis soíños tamén aínda que ficamos contentas polo novo traballo que vos agarda e esperamos que vos lembredes de nós e non deixedes de visitarnos virtualmente, que para vernos fisicamente hai moitos outros lugares mellores ca este.


Grazas por ter vido até aquí alegrarnos moitos días e sorte con todo o que fagades de agora en diante!!!

terça-feira, 11 de setembro de 2007

Bo dia!!!

Bo día a todas e todos! Sirva este video non para amosar que algunhas famosas e non tan famosas son feas sen o toque de photoshop (que vimos de descubrir que manexa fantasticamente a nosa compañeira O.)senón que son, simplemente, mulleres normais, que, como todas se erguen algúns días con pouca gana de se peinar. Vaia tamén a musiquiña do video, así de animada, para darlle marcha á nosa S. no novo traballo.
P. D. : esquecede as mil e unha grallas do video...


Testemuño sen "paranghón"

O noso compañeiro carioca achéganos este documento sonoro.
Se alguén pode resumir a historia, que no lo diga, por favor...


Frases para a historia (I)

Visto que nos últimos tempos eu, persoalmente, mantiven un certo afastamento do noso Tevabuena propoño saldar a miña débeda "posteadora" con esta recreación matinal de parte da infancia e cunha proposta interactiva para posteriores posts ou para comentarios nestes.

Escoitado esta mañá o alcalde de Santiago, o sr. Bugallo na radio coa seguinte afirmación sobre a cidade da cultura: "hai dez anos cando algún de nós pensaba en Malasia, pensaba en Sandokan, agora cando alguén pensa en Malasia, pensa nas torres petronas, iso debe acontecer con Santiago e a cidade da cultura, debe ser a imaxe que os turistas se leven do país xunto coa do Obradoiro" o que vos propoño é unha compilación de frases célebres, non desas coñecidas e difundidas máis ou menos por todo@s, senón das nosas propias frases do cotián ou daquelas que, como esta, non teñen desperdicio. É unha reacreación bastante literal da frase en si, desde logo o exemplo do Sandokán non foi afectado en absoluto pola nosa man.



As ilustracións que acompañan a este post son dúas para que cada quen elixa a imaxe televisiva do "tigre de Malasia" coa que se sinta máis identificad@, eu quédome coa dos debuxos animados que é a que me corresponde temporalmente mais aproveito a aparición da segunda para suxerirvos tamén a confección dun bo repertorio de portadas de discos tan ou máis horteras que a presente, que xa ten algo de delito...

segunda-feira, 10 de setembro de 2007

Hai alguén aí?

Volvemos das vacacións facendo un esforzo por discurrir e ofrecervos un post diario e agás o que relataba a historia de Tres -que por certo é unha gata moi lista e moi exquisita- levamos dous sen xerar comentario algún e non sabemos se é que non resultan interesantes ou que andamos a velas vir, con esa sensación de que aínda estamos en agosto.
Non, se era visto, a calor non é para o traballo e seguro que andades facendo solitarios en vez de estimular a nosa creatividade con algún comentario, aínda que só sexa para dicir "pois vaia chorrada", pero nin eso.
Así que nós seguimos cumprindo co noso e pensando en se máis alá deste lugar mudaron os costumes. Nós non imos pensar en pechar o chiringo coma Cerrepiache, pero necesitamos que vos impliquedes tamén un pouco, que comentedes, suxirades, en definitiva, interactuedes con estas humildes blogueiras que escriben por e para vós.

sexta-feira, 7 de setembro de 2007

Sabedoría ou intelixencia?

Moit@s teredes visto un programa televisivo onde os concursantes miden a súa sabedoría con nenos de primaria, aínda que o título adoeza de certa incoherencia, pois reza "¿Sabes más que un niño de primaria?", pero a rendición do adulto ridiculizado, ao non saber contestar as preguntas que cinco ou seis cativos repelentes sacan coa gorra -ou iso parece-, pasa por pronunciar a frase colofón: "non son máis listo que un neno de primaria".
E hoxe aquí andabamos a falar diso: a acumulación de saberes non ten que ver coa intelixencia. Hai persoas hábiles que memorizan datos e elaboran discursos cos que saír do paso, e logo hai analfabet@s cunha intelixencia que moit@s desexariamos. Agora vennos á memoria unha morea de exemplos dos primeiros: presidentes do goberno de grandes -e non tan grandes- potencias mundiais, pseudointelectuais por tod@s coñecid@s...; mais son tantos os que se atopan no segundo, como é o caso de Justo Gallego, "o construtor do imposible", que dedicou toda a vida a erguer unha catedral, sen planos nin proxecto, nin formación ou coñecemento especializado algún.
A intención do programa non se sabe exactamente cal é, pero intúese que resulta da mestura da exaltación das "glorias educativas nacionais", despois de tanta reforma e reforma da reforma, de tanta e tan merecida crítica ao sistema que propón e impón o Estado en oposición á educación que recibimos as xeracións precedentes máis próximas, por unha banda; e, por outra, da falaz posta en evidencia das carencias formativas de quen concursa, que responde a un perfil bastante homoxéneo: profesionais con estudos superiores e unha cultura xeral na media ou por riba, cunha media de idade duns trinta anos.
E aínda máis, o concurso está conducido por ese presentador que acompaña nas badaladas de cada final de ano, ataviado con capa española, á inefable actriz, guionista e bióloga, ao que non se sabe porque razón -I (med.) di, e concordamos, que porque representa ao ese tipo "xenro ideal", tan do gusto de moitas nais- se lle encomendan todos estes programas "refrescantes" cos que a televisión pública española pretende entreternos cada verán.

quinta-feira, 6 de setembro de 2007

Enchufad@s

Quen adoeza ou goce, segundo se mire, de noctambulismo vería algunha vez na televisión longos espazos promocionais de encontros amizoso-amorosos, que veñen sendo un remedo das axencias de contactos á antiga usanza. E é inevitable pensar que se existen, é porque a demanda deles debe ser importante. Estivemos, coma sempre, tentando documentarnos axeitadamente e atopamos unha páxina da internet, un exemplo válido -tanto tería unha sesión de chat, messenger ou similares- para saber como funcionan estas cousas.
O primeiro paso é encher un formulario que comeza con dúas cuestións precisas e directas: O que eu son e o que eu busco. Inmediatamente o que che piden é que inventes un pseudónimo (ou nick) baixo o que agochar a túa verdadeira identidade e logo hai que encher outro longo formulario onde figuran os trazos que debera ter a persoa ideal que se anda a buscar, e quen considere que se axusta a tan detallado perfil contacta contigo, coma se dun mercado de gando se tratase.
A graza, segundo @s usuari@s, está moitas veces en fabricar unha personalidade e ver en que medida o resultado -case sempre xusto o contrario do que realmente se é- esperta o interese doutras persoas. Ou sexa, unha morea de problemáticas psicolóxicas -por non dicir directamente psiquiátricas- son as que aquí se poñen en evidencia. Lígase -e agora escrito ata soa antiga a palabra- agochad@ detrás da pantalla dun computador ou dun teléfono móbil, e alí se conforma un carácter e un físico que pouco teñen que ver coa verdadeira realidade, alí é onde tamén se desenvolven as escuras fantasías de quen non atopa outra vía para darlle renda solta. E para máis inri, logo hai espazos televisivos onde dan acollida aos encontros en directo e iso xa é un desastre: o que se describira como "un chico simpático, rubio, alto y deportista", resulta ser un cocón que non sae da casa, exercítase pouco fisicamente e padece un complexo de edipo coma un piano de cola; a que se presentara como "una joven extrovertida, con muchos amigos, estatura normal, morena, melena larga y ojos verdes", vén ser unha rapaciña acomplexada, que nunca tivo unha relación e vai buscando alguén que a introduza no excitante mundo da sexualidade. O caso é que a escena resulta patética, a pesar de que un e outro non paran de mirarse de reollo para escachar logo a rir, pois o que teñen diante é o anti-tipo do que ían buscando e do que cren merecer. Xente pagada de si mesma cun ego atroz?, pois todo o contrario, cremos, semellan persoas acomplexadas, incapaces para as relacións sociais, inmadur@s patolóxic@s e pouco intelixentes.
E así viaxa este mundo, montado no paradoxo da desequilibrada combinación de máis e peor: inxente cantidade de formas de comunicarse e absoluta incapacidade para facelo de xeito saudable. Agora ben, cada quen...

quarta-feira, 5 de setembro de 2007

8, 7, 6, 5, 4, 3, 2, 1, 0.

Oito minutos foi o tempo que tardou en darse conta de que estaba preñada e parir unha viguesa.
Incrible, non é? Pois é.
Polo visto había pouco máis dun ano que dera a luz a outra criatura e pensou que quedara algo entrada en carnes demais. E así andou os nove meses, a pleno rendemento laboral e vital -que son territorios diferentes, ás veces incompatibles.
Pódese? Pois parece que si.
É o de sempre: uns tanto e outros tan pouco. Hai mulleres para as que concebir é toda unha odisea, ás veces só por unha cuestión puramente psicolóxica -inxente a cantidade de bibliografía útil para o caso-, coma cando tes que erguerte cedo e non consegues durmir: canto máis te concentras en acadar o obxectivo, peor é. E é a pescada que morde o rabo: o acto mecánico anula o pracer e así, nada de nada; as enerxías canalízanse doutro xeito e son filtradas, só e exclusivamente, polo cerebro e así non funciona este asunto. É tal o grao de obsesión ao que poden chegar os futuros proxenitores, que viaxan só para "cambiar de aires" -de novo sen que medie pracer algún- e ver se nos fiordos noruegueses a conxunción dos astros obra o milagre.
Pero a esta muller non lle fixo falta pensalo, nin medir se a economía familiar podía cunha boca máis, nin ir ao xinecólogo, nin ás clases preparto, nin pedir unha baixa laboral para ter unha filla sá, sen pasar por un longo proceso, o cal non quere dicir que iso sexa o recomendable, nin moito menos, que por natural, non deixa de ter unha parte ben misteriosa. A natureza, xa se sabe, ten os seus segredos.
Falta saber se nuns anos teremos noticias de que a pequena vai ser sometida a diversas probas nun centro de investigación, alonxada durante anos da súa familia para acabar demostrando que a rapaza é xerga como acto de rebeldía e chamada de atención cara a uns pais que non a desexaban, se o feito de ser parida na oficina tivo consecuencias irreparables para o seu desenvolvemento intelectual, se hai que pedir pena de cárcere para esa nai que abandonou á súa filla nos seus nove primeiros meses de vida, porque a este paso, para entón ninguén dubidará de que un ser humano comeza a selo no momento no que, como potencial suma de óvulo e espermatozoide, ten tal conciencia, feito que xa quedará demostrado nalgunha probeta con capacidade para viaxar no tempo.
En fin, oxalá teñan sorte, e nós, de paso, tamén.

segunda-feira, 3 de setembro de 2007

Tres

Lembrades a historia de Maga, a gatiña de A., e o seu inconsciente mergullo no disciclín?, pois agora temos un novo relato, do que tamén é protagonista unha felina que viu mudada a súa sorte por un deses azares vitais que descoñecemos, mais que están escritos no destino de cada un.
A que vedes na imaxe é Tres -o nome pode parecer curioso pero ten unha longa explicación na que non nos imos deter-, unha miquiña ben bonita á que lle tocou a lotería este verán ao topar con alguén que lle salvou literalmente a vida. Tres estaba a piques de morrer de fame e de sede, mais tivo a valentía de facer un último esforzo, por ver se conseguía que alguén a axudase e así foi: cando xa case agonizaba nunha beirarrúa, unha man xenerosa rescatouna de baixo das rodiñas dun carro para nenos que empurraba unha muller -"calquera está chamada a ser nai", dixo alguén con acerto obxectivo- que nin sequera reparou no miaño afogado de Tres. Inmediatamente, foi recollida e levada ao veterinario, que a desparasitou e lle deu de comer -case nin podía tragar a pobre.
Nas horas seguintes Tres debateuse entre a vida e a morte e, finalmente, nun xesto de agradecemento cara quen endereitara un rumbo que parecía inevitable, conseguiu saír adiante.
Quen escribe esta historia tivo tamén a fortuna de quedar con ela e agradece inmensamente a quen primeiro reparou con enorme sensibilidade naquel animaliño que pedía axuda e lla deu, que hoxe estea onde está.
Tres parece unha gata feliz e compracida, até poida que consciente de que estaba chamada a outro destino máis xusto.
Só lle falta falar.

The show must go on...

Once meses, nin máis nin menos, tardan en chegar as vindeiras vacacións, máis ou menos 330 días, case oitomil horas..., segundos, centésimas e milésimas.

Bueno, o caso é que xa pasaron para moit@s, @s que seguimos preferindo agosto para rascala, tomar o sol, almorzar a deshora, deitarse tarde e erguerse cando xa hai horas que amenceu. É a anarquía saudable que permite o non estar suxeit@s a horarios laborais, a compromisos ineludibles, apetezan ou non, aos invernos infinitos e escuros, que agardamos tarden en chegar.
Pero aquí estamos de novo, coa nostalxia do receso estival e a ledicia, si, de volver atopar as compañeiras e ao compañeiro e, por suposto, a tod@s @s que nos seguides.
Por certo, mañá contaremos polo miudo, con imaxe gráfica se se deixa, a historia de Tres, unha gatiña arrabaleira que foi rescatada dunha morte segura. Saberedes desto e do que vaia xurdindo en próximas entregas.
De momento, benvid@s tod@s. Volvemos ao cole!!!!

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -