sexta-feira, 17 de agosto de 2007

Estrelas do porno


Moi sorprendidas quedamos nesta mañá (algo menos aburrida grazas aos regresos paulatinos ao lugar de traballo; para todas vos é unha lástima mais para as que ficamos é un alivio...) cando vimos as declaracións do que foi bebé (e agora está feito xa un mozo de 17 anos) imaxe do disco Nevermind de Nirvana, un dos máis vendidos da historia. O rapaz (Spencer Elden, ten por nome) declarou na MTV que "É algo horríbel que tanta xente me vira espido", comenta tamén na entrevista que as fotografías foron tomadas polo seu pai e un amigo deste que recibiron por elas 200 dólares.

O certo é que eu andaba entre rematar o colexio e comezar o instituto cando os Nirvana se puxeron de moda, despois chegou todo o conto do suicidio de Kurt Cobain aló polo 1994 e a moda foi aínda a máis. Despois da digresión a cuestión fundamental vén sendo, porque aparece agora o rapazolo este dicindo que se sinte como a maior estrela do porno da historia, cando ninguén, se el mesmo non andivese a airealo, sabería que se trata del. Marcouno aparecer cando non tiña conciencia algunha na portada dun disco tan emblemático? Non andará buscando levar algo máis de beneficio? Usará o truco de "son o bebé do Nevermind de Nirvana" para ligar? Serviralle cando practicamente ninguén da súa xeración se lembra do grupo?. E a peor reflexión de todas... segundo o seu argumento, os nosos pais e nais andan a facer exibicións pornográficas de todos nós cando ensinan a típica foto do bebé na bañeira, en cueiros, etc? A ver se vai ser que somos todas ráíñas do porno e non tíñamos idea algunha...

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -