terça-feira, 31 de julho de 2007

Aperitivo de verán

E para non comezar o verán tristeir@s, aquí vos deixamos unha desas xoias polas que non pasa o tempo, a canción do verán por antonomasia. @s maiores desta casa aínda recordabamos -e interpretamos non hai tanto- a coreografía deste hit parade. Atención á estética do persoal, que non ten desperdicio.
Vai dedicada a tod@s vós e especialmente a S. e A. (halles gustar).
Aquí, un sector da redacción do Tevabuena comeza feliz as súas vacacións pero queda en boas mans este recuncho.
A tod@s @s que nos ledes a diario, felices vacacións para quen as teña xa, paciencia para @s que lle tarden aínda un pouquiño e ata a volta.
A animarse e botar unhas risas!!!!


Un sen parar

Volvemos ás andadas que menos nos gustan, mesturas sentimentais froito da alegría polos éxitos acadados e merecidos de A. e S. e de outra xente que, malia non conseguir a súa praza, fíxoo moi pero que moi ben (déanse por aludidas todas), e da tristura pola marcha, sempre chea de promesas que logo dilúen as présas e as vidas privadas da cada quen.
Ten que ser así, e mellor que os motivos sexan estes e non as forzadas saídas por tempo esgotado, que son máis duras.
Ten razón S., aquí, malia todo, estáse ben, aquí compártense moitos momentos que contrúen tamén a nosa cotidianidade, mais respéctase a privacidade, que é tan necesaria.
As persoas estamos afeitas a acostumarnos e non é certo iso de que ninguén é imprescindible, non o é. Cada un convértese no que merece, e hai persoas grandes que ocupan grandes espazos e outras moi pequeniñas que se volatilizan, por fortuna.
É o que é, uns veñen e outros van nesta casa de "tócame Roque", con tódolos respectos, o cal lembra a necesidade de mudar algunhas cousas, pero iso é o que nós temos máis claro -quen se non?.
Pero ao que iamos, botaremos de menos a A. e a S., e agardamos que elas non nos esquezan. Non é preciso nin que veñan por aquí, que para iso están os bares, como dixemos tantas veces, non?
En setembro, sen falta, unha de festa.
Grazas pola vosa presenza e os convites abondosos e ricos e, por suposto, moita, moitísima sorte ás dúas nesta nova etapa que ha ser moi boa, merecédelo.
Apertas tevabueneiras!!!!

segunda-feira, 30 de julho de 2007

Masas amansadas

Son cada vez máis os programas de tv que dedican varias emisións monográficas a furgar nas vidas alleas, horas e horas investidas e sacar canto máis trapo suxo sexa posible de famosos e "famosillos". Dá vergoña. Todo ten pinta de ser unha especie de biografía "non autorizada" dos protagonistas. Perdemos o tempo en ver boa parte dun deles, en concreto o que resume a vida de Julio Iglesias (un canto a Galicia, ei!"). Nin unha soa declaración do mentado nin de ninguén próximo amigo ou inimigo, só recortes de prensa desde que o eurovisivo cantante quería ser futbolista e avogado. E despois as mulleres (di el que foron miles as que pasaron pola súa alcoba). E coma todos os que xa triunfaban co Caudillo en pé, malia que a duras penas, recepcións no Pardo con "La collares" e Carmencita loira; e a Presley, que foi sendo cada vez menos filipina e más ambiciosa, e as enlouquecidas fans latinoamericanas e europeas. E claro, miras ao individuo e dis..., en fin, algo tería que non se ve a simple vista. E mentres esta idea ocupa a túa cabeza, sentes certa vergoña por estar contribuíndo ao incremento do "share" deste exemplo claro de lixo televisivo. No noso descargo, diremos que é obriga nosa estar informadas para compartir con vós "de lo divino y lo humano", aínda que o exemplo que hoxe traemos teña pouco de ámbolos dous aspectos.
E volvemos ao de sempre: o que se deu en chamar "prensa rosa" é legal? calquera pode difundir imaxes privadas de calquera e quedar impune? non será o mundo ao revés se é o aludido quen ten que saír para defenderse publicamente? Cremos que a estratexia é tan vil como hábil, pois consiste en enganchar a un sector pouco formado, que non filtra a información que recibe, tan so cre. E así imos, o que chega primeiro, gaña; o que antes fala, convence, porque as tragadeiras son insaciables e canta máis caroña, máis felices, porque a desgracia allea distrae a atención sobre a propia, porque hai moit@ infeliz que se contenta con ben pouco, porque a información sen criterio nin selección entontece e canto máis burros, máis mansos. Non falamos só do que nos toca máis de cerca, falamos en xeral, porque, preocupantemente, imos camiño dunha sociedade menos crítica, máis conformista, autómata ata o extremo. Non hai tanto non era sospeitable. Criamos en que a nosa ía ser a xeración continuadora, a concienciada, a que valoraba os logros da que nos precedeu, pero cedemos un legado non se sabe se confuso ou difuso, en calquera caso, malinterpretouse. Non era esto o que queriamos, por iso o futuro queda en mans de manteiga e preocupa.
Bueno, rematamos con unha boa nova: a nosa compañeira S., editora do tevabuena, tamén sacou a oposición!!!! Lamentamos a súa marcha pero alegrámonos moitísimo por ela. Noraboísima de tod@s @s tevabuen@s.

domingo, 29 de julho de 2007

'Bandolismo' musical

Despois do longuísimo período de o***, nervios, esperas e demais, por fin voltamos á vida normal, aproveitando que o verán esperou por nós para aparecer. Coa resaca do venres no corpo, logo do concerto que levaba tres meses agardando e da obrigada saída polos pubs tocounos comentar con tod@s @s interesad@s as impresións que nos causaron eses meneos de cadeira que se meteu o artista no escenario. E a verdade é que non nos importou moito recordalo, non (en fin, que vos vou contar a vós...). Pero tamén nos divertimos moito cando unha das nosas interlocutoras, idosa melómana como comprobaredes deseguido, nos preguntou se cantara a súa canción favorita. –“Cal?”, pregunteille allea ao que se aveciñaba. –“Corazón batido”, -!!??. E xa vos imaxinades cal foi a miña reacción, porque non me puiden aguantar e espeteille unha tremenda gargallada na cara á señora (menos mal que hai confianza, que se non...). E total, que non a cantara, o que á señora a indignou aínda máis que a miña insultante falta de respecto. E iso que xa eu debía de estar acostumada, porque non había moito tempo á mesma fonte inesgotábel de leccións de idiolectos particulares escoitáralle cantar unha desas cancións aprendidas de enterro en enterro que teñen unha filosofía moi cristiá, como Dios manda. O curioso do asunto é que a señora, que non anda moi fina de ouvido, trocáralle a letra e, ao máis puro estilo ‘Papito’ trastocoulle o sentido místico da mensaxe nunha alegoría báquica de culto aos praceres máis mundanos (e perdoade o circunloquio), de xeito que cantaba:


“Na tardiña baixa da vilaaaaaaaa [por vida]
Vou inseminarme [por examinarme] de amooooooooor.........”




Do resto non me acordo, quedei tan pasma que desconectei, pensando no ‘bandolismo’ musical a que estamos sometidos. E despois métense con Soyaya!!!!


PD: O post vai con un pouquechiño de retraso debido a problemas 'técnicos'. Grazas a P. por estar sempre tan atenta e entender máis ca min destas cousas de informática.

Conta atrás

Estamos que non vemos a hora de meter o bikini na maleta e saír correndo cara á praia, a non facer nada. É tanta a falta que temos de descansar. No medio, imos asistindo ás boas novas de sabor moi dóce e algo acedo, pois imos entrar de novo en fase de despedidas. De momento, andamos moi contentiñ@s tod@s porque a nosa compañeira A. sacou a oposición, e seguimos atent@s e esperanzad@s en que a listaxe de éxitos non remate aquí.
E esas son as novas que temos, que abondas son. Andou por aquí a semana pasada a nosa sempre presente M., que aínda que nos deixou en marzo é como se nunca marchara. Aínda botamos unhas boas parrafadas. Agardamos, sen éxito, a visita da nosa Píntega.
Antes de marchar e ante a demanda insistente de M., para que botemos a andar ese consultorio, andamóslle dando voltas para que quede unha cousa decente cando se trate de asuntos serios, e algo semellante aos "busca amigos" dalgunha revista do corazón que nos ten feito botar algunhas risas, cando Meri decide agasallarnos coa lectura das xoias que alí aparecen, para os menos graves.
No fondo, aquí facemos o que podemos por salvagardarnos da tolemia xeral. Non sei por que, cando son festas, as rúas ínzanse de personaxes curiosas, que manteñen profundas conversas con amigos imaxinarios, e con eles tratan de arranxar o mundo -meus pobres, ignorando que non parece ter moito arranxo. Tod@s, sen excepción, procuramos aparentar estar máis cord@s do que en realidade estamos e rimos moito cando na tv vemos a todos eses frikis e pensamos "mi madriña, non se sabe se está tolo, é parvo ou todo o contrario e ten a habilidade de facernos crer o que quere que creamos".
No fondo, o que sucede aquí non é ás veces menos surrealista. Aínda está no noso recordo o episodio do can, daquela festa, dalgúns espertares do lado menos bo desas mentes bipolares que nos rodean... Aquí protexemos a nosa tolemia dun xeito insistente. Tolemia que a nós nos parece moi normal, habería que lla mostar a un alleo, a ver se opina o mesmo. Por iso agora estamos convencidas de que co noso consultorio poderiamos axudar, porque coñecemos moitas variantes de trastornos de personalidade. O que non temos é medo, o noso é necesidade de mellorar as cousas, se nos deixaran, claro, pero parece que non vai ser así.
Non é tempo de reflexións fondas, agora que a cabeza e o corpo piden a berros descanso. Só confiamos en que á volta sigamos coma nos mellores tempos (ah, é que faga bo tempo!).

terça-feira, 24 de julho de 2007

A derradeira cabalgada

Rematou a cabalgada do Solitario, o misterioso ladrón de bancos que resultaba tan simpático alomenos ata que, sexa porque viu ameazados os seus plans ou porque a súa mente era máis perversa ca calculadora, rematou coa vida de tres persoas.
Tolo estaba, sen dúbida, pero era deses tolos intelixentes que espertan a curiosidade e a empatía de quen pode ver nos seus golpes -case corenta en trece anos- unha lección antisistema. Total: 600.000 euros, cen millóns das antigas pesetas, moito menos do que nos rouba a administración pública. Para que?, pois poida que inicialmente polo pracer de ter en xaque a "las fuerzas y cuerpos de seguridad", e unha vez chamada a atención, por supervivencia..., quen sabe.
Por necesidade non debía ser; un tipo aparentemente normal -un nome, Jaime Giménez, e unha vida comúns, malia que agora tódolos veciños vaian de listos, dicindo que parecía conflitivo e que tiña ameazado a máis de un; pero ás veces son outros afáns, distintos dos lucrativos, os que espertan nos seres humanos mecanismos insospeitados.
Hai un tempo falamos aquí deses desexos agochados, do que fariamos se ninguén nos vise, se souberamos que os nosos actos, aqueles que reprimimos, non tiveran máis consecuencias que a de proporcionarnos o pracer e a excitación de sabernos en terreo prohibido. O límite entre o ben e o mal é difuso, tanto como o que separa a cordura da tolemia, ou máis, da patoloxía psiquiátrica. Que mecanismos rexen as nosas mentes, que nun segundo podemos converternos en seres daniños?. Ai, o ser humano, que complexo é!!!!!.
Mais post@s a confesar, funambulando nese fío que delimita terreos antagónicos, confesamos que nos era bastante simpático o home este.

segunda-feira, 23 de julho de 2007

Volvemos

Concluída a peregrinatio opositora (con estupendos resultados nalgúns casos, á espera de que se publiquen as listaxes de aprobados con praza, nas que agardamos figure máis dun nome coñecido), volvemos, non imos dicir que con enerxías renovadas, porque iso só será mediando vacacións.
Hoxe M. non nos comentou ningunha noticia das que aparecen en "Larregióndeorense", pero si nos deixou preocupadas algo que lemos en "El País", sobre un fenómenos curioso: o do botafumeiro da Catedral de Compostela, que ao longo da súa existencia tivo máis dunha aterraxe desafortunada. Como estamos nas vésperas do Apóstolo -nós non somos relixiosas, só pensamos en termos de "día no que non se traballa"- parécenos que vén ao caso facer un repasiño polo anecdotario dun dos elementos que segue sendo un dos souvenirs máis demandado e que polo momento, e por fortuna, aínda non ten unha tradución ao castelán ("echahumero"?????).
Dende que comezou a usarse, aló cando no século XI se buscou unha maneira de contrarrestar o insoportable cheiro a humanidade -humanidade suxa, suorosa e enferma- que se amoreaba no templo despois de ter peregrinado, foi modificando o seu mecanismo motor que ata chegar ao actual, que data de comezos do século XVII.
Era inevitable que nun percorrido "tiraboleirado" tan longo ocorrera algún percance. O primeiro produciuse durante a visita de Catalina de Aragón, a finais do século XV. Entón o botafumeiro, segundo conta a lenda, saíu por unha das fiestras de Praterías. Noutra ocasión colleu por sorpresa a un cura que calculou mal o percorrido do incensario, que lle partiu dúas costelas. O último accidente do que hai constancia sufriuno un visitante alemán, que formaba parte dun grupo de congresistas emocionados ante o colofón das súas xornadas: "unha de botafumeiro". O caso é que os alemáns, como é sabido, gustan moito da mecánica de precisión, e víctima quixo ver en que consistía EXACTAMENTE a engranaxe de poleas e cordas que moven a mole de prata, e tanto se achegou, que rematou en urxencias co tabique nasal esnaquizado.
E é que vai ser isto como a fórmula do refresco ese de cola: que máis dá o que teña, o caso é que funciona. O botafumeiro é igual. Non é preciso verlle as tripas ao asunto, á marxe de que o cheiro a incenso, alomenos en tan alta concentración, deixa a calquera medio parvo, se por riba recibes o impacto dos sesenta e pico quilos que pesa, é como para pensar en apostatar. Non, se é o que dicimos sempre, os fanatismos non levan a nada bo.

sábado, 7 de julho de 2007

Varia

Coa alegría de saber que a Maga non lle quedou secuela algunha despois do baño no disciclín, como podedes ver na foto que nos cedeu a súa dona, na que se pode aprezar certo cambio -aínda lle veu ben, polo visto-, e que @s nos@s compañeir@s que andan ás voltas co remate do seu doutoramento -a falta da Motorciños que vai en breve coa súa tese- sairon airosos do trance, iniciamos o sprint final, máis ou menos longo, dependendo dos casos, cara as desexadíiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiisimas vacacións. Ai, só pensar no soliño, na praia, nas viaxes (para quen planifique a longa distancia)..., xa vén soa a inercia para chegar até aló; algo dispers@s, non o negamos, pois esas cuestionables e cuestionadas probas de acceso ao apaixoante mundo da educación secundaria estánnos licuando o cerebro. E así andamos falando todo o día do mesmo -xa non funciona o da sanción pecuniaria para a hora do café-, para desgraza d@s nos@s compañeir@s, que querían ser totalmente alleos a esta "empresa". Aínda non se sabe en que ha quedar. Esa "deferencia" cara aos interinos estáselle indo das mans, e así cada un fai o que quere, o que converte todo isto nunha sorte de lotería sen tódolos números no peto. Se era ben difícil, case impensable, ter unha oportunidade, a improbabilidade elévase á enésima potencia cando as normas que deberan rexer de xeito exacto para tod@s, aplícanse de maneira totalmente arbitraria. Non estamos desanimad@s, pois sabiamos a onde iamos. Non se nos moleste a veciña Pirámide, pero a administración pública é un mundiño ben inaccesible, non xa só para formar parte dela en calidade de funcionari@, senon, simplemente, para entender os seus mecanismos.
Así que nós seguimos centrad@s nos pauciños salgados -apaixoante e accesible mundo- nos "cafeses" de media hora e algo e en botar unhas risas. E alguén dirá que pasamos o día a rir, que somos, se cabe, algo frívol@s. Non, só cando queremos, pero as penas con pan son menos, non?, e se hai que escoller entre rir e chorar, nós quedamos co primeiro, que para o outro sempre hai tempo.

Fai sol, estamos en xullo, a familia, ben, grazas.

quarta-feira, 4 de julho de 2007

Aventuras felinas

Estamos pendentes para mantervos informad@s da evolución de Maga, a gatiña de A., que hoxe decidiu pórse a remollo no cubo da fregona. Nada, un accidentiño caseiro sen importancia, que desgustou á súa dona, que o é desde hai pouco.
Total, que Maga, que é pequeniña, asomou o fuciño e caeu no "disciclín" (lavanda para máis señas). Non se sabe se inxeriu o deterxente, o que foi evidente é que levou un susto -non tanto como A.-, pero máis nada. Non obstante, seguimos pendentes máis non preocupad@s.
Aínda algo rimos, discurrindo sobre as posibilidades de metarmorfose que puidera ter sufrido a gatiña ao longo da mañá e en ausencia da súa nai humana de adopción. Quizáis agora xa sexa unha gata feita e dereita; un trance desas características faite madurar de vez. Se cadra, afeccionouse á limpeza e tenlle a casa coma unha patena -ai, se lle dera por aí-, pero o máis seguro é que estea coma unha rosa, así que non hai razón para desgustarse. Só é unha aventura máis no seu camiño cara a estapa adulta.
Seguiremos informando.
Mellórate, Maga!!!!

terça-feira, 3 de julho de 2007

Malia todo...

Malia este chuviñar sen descanso neste xullo que ameaza novembro, hoxe volvemos con enerxías renovadas do café. Motorciños está en vésperas da súa tese, e nós montándolle a clá, con pompós e bravos ensaiados.
Outra cousa non, pero rir aínda rimos. Até lle fixemos unha chamada solidaria a M., que anda "loca pirdida" coas insás oposicións ($$$$$$$$$$$$$$$). E ela alegrouse, dixo que tiña un día máis gris do que é perceptible. Convidámola a vir até aquí, por iso de que coa ventá do coche baixa, algo de aire -e auga tamén- sempre entra. Nós mentres, entre decibelios por riba do límite permitido e pauciños de pan, imos coñecendo a X.L. que é o noso provedor de "Hola!", e a KK, outra candidata a ser botada en falta cando lle toque volver ao Brasil. Agora somos menos, especialmente estes días nos que a xente vai e vén, e tamén por algunhas baixas moi significadas, especialmente, a da nomeada M. Achégase de novo a longamente ausente "Remexo" e nós celebrámolo. Pero, por deus, que chegue o verán como é debido, que non podemos pór a enfriar o barril da "jéinequen", que as olivas témolas compradas (para a saída, non nos xulguedas mal, que en horas de traballo non se bebe).
Así non se pode, non temos inverno abondo como para que isto non pare. Cando vexamos o sol non o imos crer.

domingo, 1 de julho de 2007

D-Shining

A ver... que os ánimos parece que andan algo polo chan. Desfrutade do inicio da semana co Resplandor en 30 segundos (ou algo máis). Eu moi ben o paso con estas micropeliculiñas.

Sursum corda!!!!!

Na Pirámide andan inapetentes, a nosa Píntega hai moito tempo que non escribe "derdalí", Cerrepiache ameaza con botar o peche, e nós, algo faltas de material para a elaboración de máis post e pendentes das malditas listas do edupuntoxunta (mecagonasoposicións!!!). Pero bueno, que pasa, que invento é este????????????? Hai que lle pór remedio a esta apatía xeral. Até estamos dispostas a anunciar que cada vez que se falta á cita co blog, morre a nai do gatiño que xa matamos por falar galego. Non sabemos, algo verdadeiramente alarmante, que puxera a todo o mundo a parir post e comentarios varios.
Cremos, non obstante, que o problema é que tardan en chegar as vacacións e estamos cans@s, até para isto. Logo, terá remedio, e á volta os "blós" van botar fume. Para entón poremos en marcha ese consultorio que tanto está desexando a nosa Rabuda, porque o verán é máis intenso para moitas cousas, a calor é para moit@s un excitante natural moi efectivo, a xente viaxa e, xa se sabe, o anonimato permite moitas cousas que non se contan, nin hai por que, a non ser que a identidade estea ben preservada.
Xa veremos para entón. Como andamos repartid@s para o tempo de asueto estival, o tevabuena non ten pensado pechar, a menos que os órganos censores nos fulminen, que todo é posible.
Así que ánimo, que falta menos. Á Pirámide dicímoslle que se a viagra anda cara, nós podemos contribuír, pois desexámoslle plenas e felices relacións; da Píntega queremos saber se segue de executiva agresiva; e a Cerrepiache, que avise se pecha para montarlle a despedida. Desta, a ver se non nos pasa como coa nosa sentida M., que moita flor, moito sentimento, moita festa e outra tanta resaca, e aínda non a agasallamos como é debido.

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -