sábado, 30 de junho de 2007

Día do Orgullo Gay

Hoxe celébrase o Día Internacional do Orgullo Gay. O 28 de xuño (ou o sábado seguinte, se cadra noutro día, como é o caso) conmemórase o comezo da liberación homosexual, que arrinca tras os disturbios de Stonewall (Nova Iorq, 1969), cando a policía irrompeu no pub do mesmo nome para levar a cabo unha redada que bateu de fronte coa resistencia dos que alí se atopaban, despois da celebración do funeral de Judy Garland, un incono para a comunidade gay americana naquel momento. Foi a primeira vez que este colectivo decidiu rebelarse fronte á marxinación e a represión, saíndo á rúa para esixir o seu dereito á dignidade como seres humanos. Desde entón esta é unha festa onde todo o mundo ten cabida: gays, lesbianas, bisexuais, transexuais e heterosexuais, porque no que todos eles coinciden é na necesidade de normalizar a diferencia. A dignidade é propia do ser humano, por riba de raza, sexo ou relixión, o mesmo que a indignidade. O resultado desta xuntanza, que este ano acolle en Madrid o Europride, é dicir, o evento a nivel pan-europeo, é unha mestura entre divertimento e acción social e política.
Afortunadamente, nestes últimos tempos, algo se avanzou coa Lei de Igualdade, pero no que toca a avances sociais, algo mellor sempre é posible. Logo queda a outra parte: a normalización a pé de rúa, para que ninguén se sinta discriminad@ nin humillad@. Así que, como sempre dicimos, o Día Internacional de.... deberían ser tódolos días.
Cada quen debe ser libre para elixir con quen se deita e a quen ama, e se é correspondid@, entón, estamos como queremos.

Así que, desde o Tevabuena desexamos un feliz día a tod@s @s que hoxe poderiamos estar na Marcha do Orgullo en calquera cidade: a todos os gays, lesbianas, transexuais, bisexuais e heterosexuais que aman, respectan e loitan por un mundo máis xusto para tod@s.

terça-feira, 26 de junho de 2007

Tan gallego como el gazpacho


Sei que, aínda que sexa tirando pola parte contraria, non se lle debería dar moito maís bombo a todo este asunto de "tan gallego como el gallego", mais o certo é que había ben tempo que non atopaba na rede algo que me fixera tanta gracia. Desfrutade da ocorrencia do blog tan gallego como el gazpacho.

quinta-feira, 21 de junho de 2007

Probas

Eiiiiiiiiiiiiiiiiiii, @s que sabedes de que vai o rollo das sacións pecuniarias que se estilan ultimamente, seguro que pensastes, ao ver o título do post, que iamos reflexionar sobre as inminentes oposicións e estabades a ver o bote cheo de "eiros" ($$$$$$$$$$$$$), pero non, non teñades medo.
O que andamos é a pensar na posibilidade de organizar o "bló" en seccións. Non o temos claro, sobre todo, cando é sabido que aquí non hai orde nin concerto, nin fio condutor que seguir.
A nós gústanos o que temos, a verdade -é noso, que imos dicir- pero admítense suxerencias.
Cando acababamos de nacer, encargámoslle á nosa editora M. a elaboración dunha "sección rosa", pero nunca se decidiu, non sei se non lle parecía boa idea e non se atreveu a dicilo, ou tiña medo de acabar tan mimetizada co medio, que non conseguira pórlle freo á lingua.
O certo é que máis dunha cousiña podería saír que lle sacara as cores a algún persoeiriño. Pero tamén así dariamos pé a irados comentarios desenfreados e non é vontade nin gusto noso andar de censoras por aí, que se algo se suprimiu nalgunha ocasión, era apuntamento noso e do que é dunha, disponse.
Así que felices tevabuenas, a palabra é vosa.
Se hai algo que se vos veña á cabeza, contádenos e se non, quedamos como estabamos.
Ah, para a aquelas persoas que andan no delirio opositor -merda!!!, hai que poñer máis cartos no bote-: calma. O que teña que ser, será. En canto remate, hala, a saltar a cacharela, que é outro tipo de proba, máis divertida, por certo.

quarta-feira, 20 de junho de 2007

Precaución, amigo condutor...

Todas as persoas que sexades crentes, que sigades -máis ou menos, non nos enganemos, que é difícil- "los Mandamientos de la Santa Madre Iglesia", saberedes, e se non, debedes saber, que hai novidades, sobre todo no que toca o quinto. Para evitar confusións o Vaticano vén de presentar un "decálogo especial", adendiñas aos dez mandamentos de toda a vida, onde se precisan as normas a seguir para evitar os accidentes de tráfico. O tal documento leva por título: 'Orientacións para a pastoral da estrada', e nel defínense as principais normas que deberían seguir todos os condutores para evitar os accidentes de tráfico, a fin de que o coche non xere "ocasións de pecado" -isto debe referirse tamén á práctica de "actos impuros" no interior do mesmo.
Comezamos:

1) Aquí o primeiro dos mandamentos é o quinto de toda a vida: non matarás.
Se é certo que neste poderían encerrarse os demais, non é así, amig@s.

Segue:
2) A estrada debe ser un instrumento de comuñón entre as persoas e non de dano mortal. O coche non será expresión de poder e dominio,
3) No terreo da prevención, hai que ser corteses, correctos e prudentes.
4) Axudar ao próximo na necesidade, cando é vítima dun accidente
5) Deste non sabemos nada, debe ser o mesmo que o primeiro.
6) Debemos convencer aos condutores, especialmente aos máis novos, de que "se bebes non conduzas".
7 e 8) Aquí precísase que tamén hai que facer o posible para que, en caso de accidente sen resultado de morte, obviamente, agresor e vítima se acheguen e poidan vivir a "experiencia liberadora del perdón".
9) Hai que ser responsable e protexer ao máis débil.

Por suposto, os encargados da redacción din que hai outras posibilidades de formulalo, pero que o rollo, basicamente, é este. Inclúen tamén outros tres asuntos, a saber: a prostitución, os nenos da rúa e os "senteito".
Ai, por certo, que saibades que tamén é pecado tirar o lixo na rúa, pero só venial, é dicir, a relación con deus non remata, mais si se debilita. En cambio, deforestar o Amazonas si que é, en boa lóxica, pecado grave.

Ben pouquiño hai que facer!!!!


terça-feira, 19 de junho de 2007

Acábase o mundo...

Non hai forma de estar tranquil@s. Cando non é a ameza do cambio climático, que fará rebordar mares e océanos ata asolagarnos -aínda que nos evanxeos parece que di que isto comezou co diluvio universal e ha rematar con lume-, é o calendario Azteca, que calcula que en cinco anos comeza unha nova era.
Agora sae a luz un estudo que di que será no 2060 cando desaparezamos, aínda que para entón o reloxio bilolóxico de moit@s estará detido irremediablemente, ou estará a piques de estalo.
Os estudosos que conclúen isto, baséanse nunha carta de Isaac Newton datada no 1704. De novo, quen deixara formulada a Lei da Gravitación Universal, baséase nun fragmento da Biblia, pertencente ao Libro de Daniel, para facer un cálculo matemático, do que resulta o seguinte: o mundo acabará cando pasen 1.260 anos desde a refundación do Sacro Imperio Romano por Carlomagno (ano 800).
A ver, logo quedan, exactamente, 53 anos, que aínda dan para facer cousas que nos permitan gozar da vida, aínda que estes prognósticos se cumpriran; pero non hai que perder a esperanza, xa ía ser no ano 1000, logo no 1999, segundo o infalible Nostradamus, logo no 2000... Isto no que se refire ao "cando". En canto ao "como": que se un meteorito, un incendio colosal, unha invasión extraterrestre, un desastre nuclear, os efectos do quentamento do planeta, unha nova peste ou, para os católicos crentes, a xustiza divina.
Quen sabe? Sexa o que sexa, non se trata de agardar a que chegue, senon de seguir aproveitando o que se poida, sen temor nin de deus nin do demo, senon dalgúns dos nosos semellantes.

domingo, 17 de junho de 2007

Agora que veñen as festas

Achégase o verán e, con el, as festas e verbenas populares. Nós querémoslle botar unha man con esta suxerencia ás comisións organizadoras.
O tipo vale un mundo e non debe cobrar moito, o malo é que hai que traelo de Corea, a el e mais ao do organillo. Pero todo se pode mirar, que igual, con tempo, xa deles sae vir no autobús. Pensamos tamén, á vista das imaxes, que se hai un aniversario á vista, o home non lle fai ascos, que animado é un rato. E, tamén con tempo, mándanselle unhas fotocopias dalgunhas cancións tradicionais, que malo será que non se faga con elas.
Bueno, aquí queda, "porsiascaso".

sábado, 16 de junho de 2007

Pola memoria histórica

Aquí vos deixamos a carta difundida por Dionisio Pereira, demandado por facer referencia nun traballo de investigación a un xefe da Falanxe. Pensamos que paga a pena que a leades e, se así o considerades, lle fagades chegar o voso apoio:
Todos/as os/as historiadores/as e investigadores/as. Compañeiras, compañeiros:
Como sabedes, hai poucos días foi admitida a trámite polo Xulgado de 1ª Instancia de A Estrada unha demanda contra min por parte da familia de Manuel Gutiérrez Torres, "camisa vella", antigo xefe local de Falanxe e exalcalde de Cerdedo ate os anos 60. Non abundarei na cuestión, porque vos supoño coñecedores/as (ver a páxina web http://www.sinhorafranio.com/ ) dos detalles do asunto; tan só informarvos que a miña avogada considerou interesante a publicación na prensa dun manifesto a prol da liberdade de creación científica, na que se insire o labor do/a historiador/a, apoiado polo maior número de persoas adicadas a este tipo de traballos. O devandito manifesto, apoiado polas sinaturas, podería ser presentado no xulgado no momento procesal máis indicado, de acordo coa evolución do xuízo ou dun posible recurso.En consecuencia, envíovos o devandito manifesto (redactado por colegas solidarios) no arquivo adxunto e solicito a voso apoio.
A efectos de posible presentación no Xulgado, sería preciso o voso DNI, así como o lugar de residencia e a profesión. As sinaturas recolleríanse neste correo
dpereirag@terra.es ou no de Xoán Carlos Garrido, xcgarrido@yahoo.es .
Obrigado a todos e todas de antemán.
Saúde
Dionísio Pereira

sexta-feira, 15 de junho de 2007

Hoxe é venres!!!!!!

Aquí vos queda un vídeo para animar o día de hoxe.
Boa fin de semana!!!!



O que nunca se soubo de...

Avisamos a tod@s @s tevabuenófil@s de que as seguintes imaxes poden ferir a vosa sensibilidade.
Aquí vos deixamos o que nunca puidemos ver nos informativos.
A alguén se lle vai partir o corazón, sabémolo, pero é a nosa obriga informar.
Así foron as cousas e así volas contamos.

quinta-feira, 14 de junho de 2007

David contra Goliath

Sen deixar de preocuparse e moverse por aqueles problemas que nos collen só fisicamente lonxe, é obriga de cada persoa -boa e solidaria, enténdese- com-padecer co próximo, aínda que soe a vocación cristiá. Hai xente máis preto que sofre e adoece por problemáticas contra as que é difícil -mais non imposible- loitar. E aí vén o papel que debemos xogar. Non é só porque na circunstancia allea esteamos vendo como lle cortan as barbas ao veciño, é máis: unha cuestión de humanidade.
Non, non somos nin prentendemos ser unha ONG, pero si nos preocupa a xente que, como a maioría, loita por saír adiante, ter un futuro máis prometedor, que teña como base un presente digno, no que os seus dereitos sexan respectados e no que cumprir coa obriga diaria non sexa unha imposición que, como tal, se desenvolva a contrapelo. Unha debe ilusionarse co que fai. Aínda que haxa días luns -moi luns- e tamén outros venres, e moi venres, creer no que se fai é o mellor relaxante e o maior dos estímulos. Só falta que non no lo impidan.
O ingrato vén moitas veces da man de quen non confía nin no del nin no dos outros, de quen ten os seus intereses cifrados noutro tipo de beneficios: unha reputación gañada a base manobras non moi diáfanas, por falar do menos malo.
Este mundiño adoece de moitas cousas, e a honestidade é unha delas.
Aí estamos, pois.
Como dixo Martí: máis vale unha trincheira de sólidas ideas que unha trincheira de pedra.

quarta-feira, 13 de junho de 2007

Que chegan os malos!!!

Mira que na internet se pode atopar case de todo. Ti vas ao "guguel", tecleas unha ou dúas palabriñas e ábrese un mundo "dediosbendito". Da man do interesante blog Fragmentos da Galaxia, entramos na páxina "Tan gallego como el gallego", unha iniciativa que se presenta do seguinte xeito:
"Un grupo de padres y de profesores de enseñanza primaria, secundaria y universitaria nos hemos reunido a causa del "Plan de normalización lingúistica" de la Xunta de Galicia. Conscientes del problema de aprendizaje que plantea para niños castellanoparlantes, y seguros de la pérdida de calidad que supone dictar una clase en la que no es tu lengua habitual, hemos escrito un manifiesto para pedir la paralización de este proceso. También recogemos la preocupación de aquellos padres que, viviendo en un contexto de comunicación habitual en gallego, sólo reciben enseñanzas en este idioma. Por esto, queremos hacerles llegar esta corriente de preocupación a la vez que la posibilidad de adherirse a nuestra petición, amparada por principios fundamentales de la persona".
Sen palabras.
O malo é que a algún pai galegofalante, agás cos seus churumbeles, matriculados en centros privados -ofcors-, téñenselle escoitado opinións na liña das que vos reproducimos. E xa se sabe, de tal pau...
Que pasou logo ca cantidade de nen@s que xa tiñamos o galego como lingua nai e @s que nos foi imposto o castelán na escola?
O resto dos comentarios deixámosvolos a vós.

terça-feira, 12 de junho de 2007

El baile de los pajaritos

Sexamos sincer@s, quen máis quen menos bailou na súa infancia "El baile de los pajaritos", aquela canción tan inocente que dicía:

Pajaritos, a bailar. Cuando acabas de nacer, tu colita has de mover (chu, chu, chu). Para un pajarito ser, este baile has de bailar y a todo el mundo alegrar (chu, chu, chu).El piquito has de mover y las plumas sacudir, la colita remover (chu, chu, chu). Las rodillas doblarás, dos saltitos tú darás y volarás. Es día de fiesta, baila sin parar, vamos a volar tú y yo cruzando el cielo azul y el ancho mar. Pajaritos, a bailar, el más joven saltará, el mayor se moverá (chu, chu, chu). No hemos terminado aún, bailaremos sin parar hasta la noche acabar (chu, chu, chu). El piquito has de mover…
Bueno, esto podía repetirse cantas veces se quixera, que tan complicado non é, e tiña unha coreografía moi ocurrente. Mais repárese con malicia na letra.
O caso é que a tal peza foi banda sonora de máis dunha situación ridícula: borrachos de voda, aos que xa tanto lle ten bailar un merengue como unha lambada coa "súa señora".
Ben sabido é que a intérprete do que se popularizou como "Los pajaritos" era Mariajesusysuacordeón, así, dunha vez, porque o certo é que era unha muller pequeniña, case oculta polo instrumento, que lle chegaba desde o queixo ata o xeonllo. Todo un. E aínda así conseguía amagar un movemento máis ou menos acompasado. Logo andou chora que te chora nun deses "reálitis", o da granxa, máis concretamente, xa sen acordeón.
Muller e instrumento: o acordeón, xa por sempre ligado ao espírito español, malia ter certo protagonismo na música tradicional galega, aínda que non de xeito indispensable. Eso si, acáelle ben a unha "Rianxeira" ou a un "O Verdegaio".
O acordeón e o pasodobre están indiscutiblemente ligados e se pensamos en pasodobres célebres, automaticamente sae "El Gato Montés", "Islas Canarias"..., ou aquel marabilloso "Cántame un pasodobre galego".
Ai, musicalidade tal, como enche a súa sonoridade, que presenza, que acordes... Fai por dúas veces festa. Tan necesaria como o "Cumpreanos (sic) feliz" na celebración dun aniversario.
Paramos, que non podemos coa risa...

sábado, 9 de junho de 2007

Cotilleo...bla, bla, bla...

Co título deste post comezaba un programa da Televisión Española de hai bastantes anos -por dios que o lembre alguén máis- e con el reflexionamos sobre as pesquisas que se están facer sobre a identidade de Cerrepiache, un blog amigo e veciño, co que compartimos máis dunha cousa. Case é inevitable especular sobre quen se agocha detrás dos post -preservar o noso anonimato valeunos algún enfado pola crueldade dos nosos limpios corazóns-, quen idea e dá forma a eses textiños. Cerrepiache di que, xa descuberta a autoría, o seu espazo carece de sentido e, polo tanto, pecha. E a nós non nos parece unha boa idea. Cando fixeron un primeiro intento, disuadímol@s. O blog ten sentido entanto quen o manten e quen o le sigan interesad@s en intercambiar opinións, comentarios, videos, etc.
Non cremos que a identidade de Cerrepiache fora descuberta. Nós non sabemos quen son nin temos por que sabelo.
Hai xente que coñece quen está detrás do Tevabuena, outr@s lennos sen máis. Unhas veces pensarán que estamos tolas -algo si, pero non hai caso mentras o recoñezamos-, outras crerán que somos serias -tamén podemos selo, de feito sómolo para moitas cousas-. Haberá quen especule tamén sobre nós, pero tanto nos ten. E así cremos que debería ocorrer con Cerrepiache. Se alguén sabe quen sodes, que importa? Non é motivo para pechar. Nin que fora delicto ter un blog!
Isto tamén vén ao caso do post da Pirámide, que deu orixe ao noso "Dise, coméntase...", e ás opinións que deles xurdiron.
Trátase de comunicarse e divertirse. O cotilleo tamén pode ser simpático e a curiosidade -saber que alguén te imaxina, que incluso che pon cara e che atribúe unha ideoloxía determinada, unha forma de ser, unha maneira concreta de ver o mundo- non é mala. É, tan só, parte deste xogo. Non o convirtamos noutra intriga pacega máis, que abondas hai.
Saúdos Cerrepiache e cerrepiacheir@s.

sexta-feira, 8 de junho de 2007

Unha de ladróns e policías

Bueno, a ver se rimos un pouco hoxe, que é venres, vai bo tempo e estamos de humor (a nosa Píntega veunos visitar. M. ti para cando?).
O caso podía rematar en traxedia, pero é cutre demais como para nin sequera imaxinalo. A nós fannos moita gracia as situacións ridículas, como a que sucedeu onte en León. Unha sucursal bancaria na que supostamente hai uns secuestradores con reféns. Sete, sete horas, nin máis nin menos, tardaron os GEOS en preparar a súa estratexia de asalto e derrubo dos perigososo delincuentes, e cando entraran, todos machitos e valerosos eles, o que atoparaon foi... NADA. No tempo no que a policía estivera vixiando o banco e tentando sen éxito comunicarse cos atracadores, e os do devandito corpo de seguridade, plano en man, vendo como, cando e por onde ían entrar, liberar aos secuestrados e deter aos "ghichos", estes fuxiran non se sabe por onde -pola porta, seguro.
Non digades que non é para escarallarse.
Hai delincuentes -dos que non matan, claro- que son para quitar o sombreiro. Se hai sangue e mortes, estamos a falar doutra cousa.
Os bancos son máis ladróns que os que os rouban, e teñen uns seguros impoñentes que cobren mil veces a contía do substraído.
E a cara das "fuerzas de seguridad del estado"? Imaxinádela?
E o descojone dos cacos?
E que é moi chistoso de dios!

quinta-feira, 7 de junho de 2007

Dise, coméntase...

Din por aí que seica é arriscado andar escribindo cousas nos blogs (blogs ou blogues?), que a jerifaltada se interesa moi particularmente polo que se di nestes espazos.
Se fose un exercicio -o da lectura do blog, claro- que servise como fonte de información para ver con que está descontento o persoal, sería D.P.M., pero creo que a curiosidade vén xerada por outros mecanismos menos saudables.
Bueno, o caso é que nós andamos tranquilas. Aquí entra quen quere coa finalidade que lle dea a gana, excepto faltar ao respecto. O que aquí se ten escrito ata agora está para ser lido e non tememos nada (non temos nada que temer). O certo é que se os que mandan tiveran un blog, quen ía resistir a tentación de ler o que escriben?. Ajajá, ninguén, por suposto.
Nós non aludimos, xogamos á alusión. E coa nosa filosofía (mestura de carallada e asuntos serios) aínda pasamos o rato e botamos unhas risas cando se presta, ou reflexionamos cando o día amence luns e gris ou remata venres e tontiño, o que acontece con bastante frecuencia.
Rir e trebellar (léase: loitar, andar a rolos, fochicar, pinar, copular) son dous dos exercicios físicos (mentais tamén) máis completos. Así que se non se pode máis do segundo, dádelle ao primeiro. Nós queremos colaborar na medida en que nos sexa posible para a práctica da primeira das actividades (para o demais, cada un ou unha que se busque a vida). E quen non teña sentidiño do humor, como di I. (med.) , que se "froda" -mira por onde acabamos conectando.

terça-feira, 5 de junho de 2007

Diálogos de "besugos"

Algunhas das persoas que visitan este espazo -por certo, estamos chegando ás 3.500 visitas. Moitas grazas.- preguntaron polo sentido do post "Intrigas pacegas". Non tiña ningún específico e, á vez, todos os que calquera lle poida dar, en virtude das súas experiencias bio-laborais, máis ou menos próximas.
Corremos o mesmo risco con este, aínda que sospeitamos que se ha ler nun sentido máis concreto.
Ninguén descoñece o que significa manter un diálogo de "besugos". Ás veces é puro xogo (as medievais sábeno ben); outras o fío comunicativo rachou por non se sabe que sitio e faise imposible a transmisión; e as máis, non se entende o que non se quere entender e a resposta non é máis que un "saír por peteneras", "irse por os cerros de Úbeda", etc, etc.
E chispún!, finiquitado, acabouse aí a conversa, no punto onde unha das partes decide.
Galego o que nin sobe nin baixa, e máis galego, se cabe, o que resiste ata acadar o resultado máis próximo ao seu obxectivo. Galegos os que mandan e máis galegos aínda os subordinados.
Así que seguimos adiante, hai que renovar forzas e continuar. E se hai que ir aos bares, vaise, e se hai que subir, sóbese (o de baixar non se nos dá tan ben).
Nun animalario de formigas, "besugos", vacas e outras faunas, nós seriamos as cigarras: pouquiño a pouco, sen pausa e xa con algo de présa. Non enganarse. Chegaremos!

Nota: desculpas por non ter empregado o termo galego "ollomol" no canto do castelán "besugo". Permitídenos, neste caso, esa licenza, que hoxe nos cumpría.

Mexan por nós...

Andou por terras ibéricas hai uns días a Secretaria de Estado norteamericana, Condoleezza Rice. Reuniuse co Presidente do Estado Español, co Ministro de Exteriores e con Rajoy (con este último víase que a muller estaba especialmente contenta, teñen moito en común e están de acordo en todo). Televisión española emitiu unha pequena entrevista dentro dun dos informativos da noite e é para asustarse.
Primeiro non hai máis remedio que reparar na muller en cuestión: unha negra que en realidade desexaría ser branca -mal asunto-; non parece moi intelixente -é lóxico, sendo quen é o seu superior-; e, desde logo, traía ben aprendidiño o que tiña que dicir.
Asuntos espiñosos: a guerra ilegal en Irak, Irán, Afganistán, Cuba e Guantánamo, etc., etc. Nada, todo está estupendo:
A paz en Irak é un feito. Afganistán, Irán e Siria manteñen cos EE.UU una inmellorable relación. Cuba, segundo Condoleezza, vive unha situación semellante á do Estado Español ao remate da ditadura franquista -que insensata!-, polo que se vai producir unha transición cara á democracia moi similar. E os presos de Guantánamo piden que non se peche, porque non saben a onde ir -seguro!-.
Iso é o que veu contar e discutir con Moratinos -o PP alíñase novamente co goberno norteamericano nesta cuestión- sobre Cuba e de paso darlle un tironcillo de orellas por ter ido alí hai pouco de colegueo cos comunistas e logo queixarse de que a representación dos disidentes dentro da illa lle dera plantón.
Claro, claro, as cousas non se fan así. Se hai algo do que un Estado poda tirar proveito, invádese o destino benefactor en cuestión, e listo. Que caen milleiros de soldados?, son mártires da patria. Que morren civís por mor dos bombardeos indiscriminados?, son danos colaterais.
E así segue o mundo: os EE.UU facendo o que lle sae das "bowlings", e o resto... a dicir que chove.

sábado, 2 de junho de 2007

Eu pataleo, ti pataleas, nós pataleamos

Se nos movemos e pataleamos por razóns poderosas, aquí vos deixamos unha.
Lede e decidide vós mesm@s se paga a pena ou non arrimar o ombro.
Nós cremos que si.

Estimados amigos,

Despois dun longo proceso de negociacón, a Sala Yago, ante unha decisión xudicial a instancias dos donos do edificio, abandona o seu espazo e polo tanto a súa actividade o vindeiro 30 de xuño. O proxecto que estamos a desenvolver está moi vencellado ao espazo da rúa do Vilar e ao seu entorno, xa que é unha proposta de utilización pública dun edificio do casco histórico. Polo tanto e xa que non ten sentido trasladar esta proposta a outro lugar, damos por finalizada a nosa actividade. Queremos darvos as gracias polo voso apoio durante todo este tempo. Se queredes opinar sobre o peche da sala podedes escribir a: dereitoaopataleo@salayago.com e nos remitirémos os correos electrónicos ás autoridades pertinentes. Nestes seis anos de vida a Sala Yago programou un total de 1673 días, do que, 667 foron de títeres, 738 de teatro e 310 de cine en versión orixinal. Moitas gracias a todos por compartilos con nós.

Unha aperta,
SALA YAGO - Prensa
Rúa do Vilar, 51-53
15705 - Santiago
Tfn. 981 589 288

prensa@salayago.com
http://www.salayago.com/

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -