quinta-feira, 31 de maio de 2007

Intrigas pacegas

Non hai cousa máis excitante que facer tremar as patiñas dos mandamais. Que gustiño dá mandar unha miradilla de esguello tipo "sei onde vives", desafiar sen intimidar e logo escachar a rir.
Lembramos a David e Goliat, ás formigas que conseguiron cruzar o río sen afundir, ao cabalo de Troia. A historia tamén lle fixo xustiza aos aparentemente menos fortes, aínda que non é moi alentadora a porcentaxe de éxitos acadada a día de hoxe.
Excitante é espertar sospeitas, facer idear un plan de defensa supoñendo que o ataque non vai ser frontal, cando estaba previsto, sen malicia, que fose así, porque non pretendía ser máis que a oferta dun pacto. E dá moita risa saber de especulacións, de orellas pegadas ás portas pechadas, de ollos que observan desconfiados, de marmuriños de patio de colexio. É moi gracioso ata que se pensa en que o poder está en mans de ignorantes imprudentes (temerarios). Aí si, iso si que é perigoso, porque a evidencia da necedade non incita á reflexión, unha actividade fóra do alcance de moitos. Autoridade, autoridade, nada de autocrítica, a crítica é para os demais. Parvos seriamos se nos avaliamos, recoñecemos os erros e nos corriximos a nós mesmos... A onde iriamos parar. E iso é coma unha lingua de lava incandescente que vai arrasando con todo ao seu paso.
Así que, se atopades un altiño onde situarvos cando vexades que é imparable o que vén, agardade aí, mais non sen antes ter tentado desviala cara un destino inútil, onde se apague para sempre.

O que custa un ril

Só cando algo se nos atranca, cando as cousas non saen de todo ben, ou rematadamente mal, esquecemos que fariamos o imposible por seguir viv@s. Cando vemos a morte aí, a un pasiño, chamando por nós, entón, ai, amig@s, entón fuximos dela a fume de carozo, quitando as forzas de onde parecía non habelas.
A TV holandesa quere emitir un "reáliti", producido polos mesmos do Gran Hermano, chamado "O gran show do doador". A cousa consiste en que unha enferma terminal, unha muller de 37 anos, afectada dun cancro cerebral incurable, debe elixir un candidado de entre tres para darlle un dos seus riles e permitirlle así seguir vivo. Son eles os que teñen que convencela de que as súas razóns para non morrer son máis poderosas cás do resto. Ela será quen decida finalmente, aínda que os espectadores pódenlle suxerir vía SMS o candidato que eles consideran máis axeitado (en base a que?, preguntamos nós).
Políticos, igrexa e opinión pública non se fixeron agardar, pero o ministro do ramo asegura que será labor da xustiza e do goberno determinar, unha vez emitido o espazo, se viola ou no a lei. Engadiu, ademais, que Holanda contempla a posibilidade de que se doe en vida un órgano a unha persoa elixida polo doador.
Mais como reáliti que é non se sabe como vai discorrer e menos rematar. O ministro lembra que non é seguro que a enferma terminal poida (chegue a) ser doadora. Mentres, a cadea que o emite di que só ten a vontade de sensibilizar á poboación sobre a importancia de doar os órganos vitais.
Isto é o de sempre: ou todo é unha montaxe e a intención é impactar á audiencia e ver a súa reacción e de aí tirar un longo e complexo estudo sociolóxico; ou realmente existen persoas dispostas a todo por tentar salvar a súa vida, aínda que nos custe atopar unha xustificación á tal montaxe, tan só ao pensar na idea de convencer a un alleo, que ten a certidume de que vai morrer, de que te salve a ti e non a outro.
Emitirase, seguro, mais agora que o debate está servido, veremos de que vai o asunto. Por riba do (lamentable) espectáculo está unha cuestión fundamental, de carácter ético-estético, se se nos permite: como se pode sentar alguén diante dun televisor a observar como unha moribunda xulga cal todopoderosa a outros tres enfermos e decide finalmente que un deles vai seguir vivindo e os outros dous van morrer?. Como un televidente pode botar man do seu teléfono móbil coa vontade de intervir nunha decisición de trascendencia semellante?
Arrepía a imaxe dunha familia compartindo flocos de millo, mentres tres persoas se humillan só para tentar seguir vivos.

quarta-feira, 30 de maio de 2007

Algo máis do de sempre

Dános preguiza poñernos aquí a falar das eleccións municipais: porcentaxes, reflexións, promesas, alegrías e decepcións.
Uf!, non nos apetece, que va!!!
O resultado xa o sabedes, xa nolo fixeron saber, así que cada un opine o que queira.
Pero non imos deixar de facernos eco aquí dunha noticia que non é máis que un exemplo das actitudes iracundas de certos politiquillos, caciques de vila aos que o cargo vénlles grande demais e séguelles a parecer pequeno.
A bo seguro a escena que motivou o incidente púidose ver en múltiples lugares: o alcalde, os concelleiros ou outras persoas próximas -en xeral sempre do mesmo partido- botan a xornada electoral carrexando persoas, sempre maiores, ás que entregan como pasporte unha papeleta determinada -a súa- ás veces envolta en ameazas surrealistas pero moi efectivas.
Disto quixo deixar constancia un veciño de Ares, que tentaba fotografiar ao alcaldable popular exercendo de taxista. Foi entón, cando xa se asegurara o aínda alcalde en funcións de que a persoa que transportaba depositara na urna a papeleta que previamente lle metera nas mans, cando se dirixiu cara a el a toda velocidade, segundo o denunciante, coa intención de atropelalo. Disto hai testemuñas presenciais, malia que o acusado nega que tivese a intención que se lle imputa. Tampouco -di el- "carrexaba" máis que a un familiar seu, que non podía acudir polo seu propio pé.
Ai, se non nos coñeceramos...
De todo isto, deste asunto en particular e do proceso e resultado destas eleccións, hai, alomenos, algo salientable: vaise perdendo o medo.
Amén.

terça-feira, 29 de maio de 2007

Galician Schwein



Andan por aquí estes días un grupo de estudantes de lingua e cultura galegas na Universidade de Tubinga (Alemaña). Polo visto veñen pór a proba o que aprenderon desde que comezou o seminario "O Porco como Elemento Unificador da Cultura Galega". Quen ía pensar que o mundo porcino serviría de canle para achegarse á literatura, á lingua, á paisaxe, ás tradicións, ao humor e á gastronomía do noso país? (esto último entendémolo máis).
Agora xa nos pica a curiosidade por saber a quen e por que se lle ocorreu esta idea e como se está a concretar.
Son as partes do animaliño, unha vez memorizadas, un exercicio de práctica fonética?
É O porco de pé lectura obrigatoria?
Saberán que Lalín e a súa Festa do Cocido son destinos de interese turístico-cultural?
Que saben de política local?
Existe xa un refraneiro do porco? (se non, hai que facelo xa!!!!).
A bo seguro rematarán o curso cunha boa laconada, como debe ser.

sexta-feira, 25 de maio de 2007

Unha de teatro

Como escaparate tamén dos felices sucesos dos que son protagnistas compañeir@s nosos, que agora navegan por outras augas, o tevabuena ten o pracer de contarvos que o sábado, día 26, ás 20: 30, no Salón Teatro de Compostela, vai ter lugar a estrea da peza "A última balada", coa que Teatro no aramio, da USC, participa na VIII Mostra de Teatro Universitario, que se está a celebrar desde o día 21 ata o 31 desde mes de maio.
Despois de ter adaptado o poema E os cans calaban, de Aimé Cesaire, e O asasino sorrinte, esta compañía presenta agora esta nova peza baseada en textos de Oscar Wilde.
Así nolo fixo saber o noso compañeiro P., que amais de andar nos bares, pisa tamén forte -xa demos conta delo nun post anterior- as táboas dos escenarios, de momento, galegos, mais todo se andará.
Esta compañía de mozos entusiastas nace no ano 2002 como grupo de teatro universitario vencellado á USC, e segue medrando sobre a base dunha filosofía experimentadora, formativa e creativa. O grupo está composto por membros de distinta procedencia, que teñen en común a súa vinculación coa Universidade e co teatro afeccionado galego. Agardamos para eles, coma sempre, o mellor dos éxitos.
Lembrade, o vindeiro sábado, ás oito e media do serán, no Salón Teatro de Compostela e de balde!!!!.

quinta-feira, 24 de maio de 2007

A virtude da inocencia

Deixámosvos aquí unha imaxe que fala por si mesma.
Ben é certo que a inocencia a certa idade non é virtude. Aquí, un tal Marcos, no seu afán de facilitarlle as cousas aos rapaces do seu barrio, acabou detido polos Mossos d'Esquadra, que pensaron ao ver os carteliños que ía deixando coas instrucións para chegar á súa casa -dispensario de estupefacientes de uso máis común entre mozos con petos tirando a baleiros-, que se trataba dunha broma. Imos tratar de transcribir coa máxima fidelidade un exemplo do tal reclamo. Di o pobre do home:
Costo del gueno.
Vendo costo de guena calidas ha chavale rollao y no venir menore.
Esperar al lao de la bentana de detras mi casa y en lo banco de asentarse
no llamar la atensión o no su vendo na.
podei silvar o llamarme y sargo po la bentana me llamo marcos
vale 2o uros una barrita ta bien
e adxunta plano, onde como lugar de referencia figura o "tituto" onde supostamente se concentran os posibles clientes.
Vendo esto, case dá lástima que o detiveran. Non porque creamos que estea ben que faga este tipo de negocio a costa dos menores aos que dirixe a oferta, senon porque se foi capaz de escribir tal cousa, é, sen dúbida, un pobre home, que tivo tal empeño en conseguir vender a mercadoría ofertada, que lle faltou dicir cal era a cor dos seus calzóns.

terça-feira, 22 de maio de 2007

Todas temos un pasado

Como veredes, querid@s tevabuenas, neste vídeo, todas temos o noso pasado máis ou menos confesábel ou máis ou menos irrisorio segundo os casos. O de Naomi Campbell ou George Clooney (as miñas desculpas para as fans) non ten perda.

Os flamencos, o sexo e a adopción

Novamente A Voz de Galicia (sic) nos sorprende a vida cunha noticia que ocupou durante horas a páxina principal da edición dixital do xornal. Nestes días, en que por suposto, non hai nada máis interesante do que falar algún amábel xefecillo da Voz decidiu dar a coñecer a vida secreta duns paxaros que, até o día de hoxe, podían parecernos simpáticos. Mais non, querid@s tevabuenas, debemos saír do noso engano; os flamencos non son tan inocentes como parecía. O xornal coruñés veu descubrirnos (co titular "Dos flamencos gais han hecho realidad su sueño de ser padres") a dura verdade: os flamencos manteñen prácticas homosexuais entre os machos da especie que, non contentos con vivir á marxe das femias, deciden dar un paso máis na súa procura da felicidade e adoptan ovos alleos (segundo o xornal, a ansia de seren pais é tal que chegan a roubalos de outros niños). A noticia non aclara se os flamencos se arrejuntan só por "vicio" ou se a verdadeira razón é a de criar os pitiños en parella, como unha familia "de bien".

As preguntas que nos xorden ,querid@s tevabuenas, após esta escalofriante leitura son moitas: a Voz segue unha estratexia de desprestixio dos homosexuais ou defende a igualdade buscando analoxías no mundo animal?, porque despois de estar máis que recoñecidas as prácticas homosexuais no mundo animal aparece esta noticia agora?, trata a Voz de apoiar as medidas de ZP arredor da equiparación de dereitos de adopción ou trata de advertir de que a ansia das parellas gais/lésbicas por ter fillos podería leval@s a roubar nenos de casas alleas seguindo o exemplo flamenco?, son os flamencos unha metáfora ou esta era unha noticia en clave que non chegaremos a comprender?, estarán a confundirse cos belgas?. Un día máis o desconcerto reina nas nosas mentes...en calquera caso os nosos sinceros parabéns a Carlos e Fernando (os dous flamencos) pola súa paternidade, ánimo e a pola parelliña!

segunda-feira, 21 de maio de 2007

O touciño e a velocidade

Tantas alegrías como disgustos teñen dado as versións musicais, refundidos actualizados con afáns modernizadores de clásicos que estaban ben como estaban. Non lembrades, tevabuenas, ao inefable Luis Cobos, que se forrou a base de "reactualizar" pezas refritidas para comensais tan pouco selectivos?. Foi o comezo. Cant@s confesaban adorar aos grandes compositores de tódolos tempos despois de completar a colección discográfica do tal director coa que agasallaban os xornais dominicais.
E non sabemos se peor ca isto é poñerlle música a textos poéticos. Medo nos dá escoitar ese "Merengue a Rosalía" que a orquestra padronesa Charleston Big Band -nós somos máis da París de Noia- compuxo coa letra do "Adiós ríos, adiós fontes...". Non é máis que o resultado da fusión da orixe da formación musical coa do seu solista vocal: un venezolano, que di que a xente saca chispas dos campos das festas galegas cando soa este merengue, que parece perfilarse como a canción do verán -que se despida Georgie Dann. O tema presentouse no Luar, ¡faltaría!. Quen é algo neste país sen o visto e prace de Gayoso?. Agora só queda rezar para que non haxa versión reggaeton.
Nós só avisamos, e o que avisa... xa se sabe.

Primeiro aniversario e novo lanzamento

O que fora un éxito indiscutible no seu momento e referente de actualidade, a primeira composición que lanzou á fama a Edilberto Alonso, aquel Galicia será Nación, aquela entrañable oda a Anxo Quintana, está de aniversario, o primeiro. Oportuna conmemoración a unha semana escasa das eleccións municipais.
Non é por facer alarde, pero temos o privilexio de gozar dunha liña directa e persoal co que xa é coñecido como "O Trobeiro de Galway", que quixo tamén compartir con nós a súa ledicia e contarnos ademais que este "hit parade" vai por máis de 14.000 descargas desde a internet e que foi o video máis visto do pop galego. As descargas da versión en Mp3 superan xa as 30.000, o que segundo o autor de Curtis tería suposto, de traducirse en vendas, un disco de ouro e máis outro de platino.
A lista de composicións que agardan para ser grabadas non ten fin.
Nós dámoslle a noraboa polos éxitos conseguidos coa devandita peza e con outras como La sirena de Canicouva, que, como lembraredes estaba dedicada á perruqueira de Arcade, Ana María Ríos, con motivo da peripecia sufrida en Cancún e da súa aparición na portada da revista Interviu, e que foi a sintonía do peche dun telexornal da galega, nada máis nin nada menos.
Non desmereceron en absoluto outras das súas creacións como Campanas de Iria Flavia, dedicada a Cela, ou Spiritual–Magic & Knowledge, escrita para a actriz Penélope Cruz.
Agora Edilberto prepara o lanzamento ao mercado do seu novo disco, Manos Blancas, un tributo ás vítimas dos atentados do 11-M en Madrid, que tamén dá conta do seu espírito altruísta, xa que os cartos recadados coa súa comercialización van ir para algunha organización solidaria.
Agardamos sexa un novo éxito, como agardamos a publicación desa páxina web onde poidamos escoitar as cancións de Edilberto que fixeron de tantos luns case un xoves.

domingo, 20 de maio de 2007

O Rei León

Falarmos de Swazilandia é falarmos da derradeira monarquía absoluta que fica en África, e unha das catro que aínda o mundo ten que soportar. E como tal, falarmos de monarquía (absoluta) é falarmos de abuso en todos os sentidos da palabra. O protagonista desta historia leva por nome de guerra Mswati III, un enxendro alleado que vive de costas á miseria, fame e enfermidade que o seus ‘súbditos’ teñen que padecer no peor dos mundos que se poden imaxinar (por pór só un exemplo, parece ser que a media de vida reduciuse dos 70 aos 37 anos por mor da SIDA, pandemia que afecta a 2 de cada 5 adultos do país). O pasatempo favorito do monarca, para alén de mercar coches e palacios cuxo custo supera con creces o orzamento nacional investido en Sanidade, é o de coleccionar mulleres. Desde 1986, ano en que accedeu ao trono, e até o momento actual, leva 13 esposas, e vai camiño de aumentar a cifra até alcanzar as 74 que tivo seu pai, Shobuza II, nos 70 anos de reinado padecido polo seu pobo. Cada ano, entre 20 e 50 mil nenas-mozas acoden ao ‘Umbhala’ (o Festival do Xunco), onde bailan durante horas semiespidas perante turistas, curiosos, e como non, os membros do ‘xuri’ (= Familia Real) deste reality desaprehensivo. De entre todas, o Rei León escollerá a dedo a que será erixida nova esposa do monarca, saíndo deste xeito da miseria circundante, nun país practicamente dependente do Programa Mundial de Alimentos da ONU.
Chaman á atención as medidas levadas a cabo por Mswati III para paliar a SIDA no país, que se reduciron no pasado a condenar os dereitos humanos («Deus creou a xente e asignoulles os seus papeis na sociedade. Un non pode mudar o que Deus creou») e a prohibir durante 5 anos as relacións sexuais ás menores de 24 anos (deles non di nada), así como o uso feminino dos pantalóns e vestidos axustados, causantes dos «males do mundo». Predicando co exemplo, Mswati III anunciou que non volvería elixir esposa no Festival do Xunco. Porén, e dado que á vista está que lle foi imposíbel reprimir este impulso imposto por vía sanguínea, autoimpúxose unha multa: unha vaca.

O asunto sería de moito rir, se non fose que é Real.

terça-feira, 15 de maio de 2007

O teléfono rosa

Non, nos vos asustedes, que non imos falar do último modelo de móbil de Ana Obregón, senon da idea que se lles ocorreu aos responsables dunha biblioteca vienesa. É un servizo co que pretenden dar a coñecer os seus fondos de literatura erótica clásica, un total de 1.200 títulos, nin máis nin menos, sobre todo franceses e alemáns dos séculos, XVIII, XIX e XX.
Por moi poucos cartos (0,39 euros o minuto) pódense escoitar sete fragmentos de textos eróticos e tres cancionciñas maliciosas, segundo contan. Para quen teña curiosidade, contámosvos que este servizo vai estar operativo só ata que remate este mes. Pero quen sabe, se funciona, logo poden probar con Shakespeare, Lord Byron, Baudelaire... Mais nós cremos que non ía resultar o mesmo. A chamadiña en cuestión remeda ás que se fan aos números que figuran nas seccións de contactos, ou nos que enmarcan as escenas eróticas que poñen nas cadeas de televisión local de madrugada, esas que aparecen por sorpresa nun zapeo descoidado. Aí debe estar o segredo do éxito. As cancionciñas "pícaras" non sabemos cales serán, se orixinais ou versións "picantonas" de clásicos ben coñecidos.
E a nós, coma sempre, vénnos unha idea que nos tedes que axudar a facer redonda. Pensamos nos nosos compañeiros do extremo (parede con parece co local dos "vinte minutos"), cando teñen que atender consultas, ou nun complemento para a campaña do E Logo!!! Non se podería facer algo semellante? Atinando cos textos e as cancións, aquí acaba falando galego ata Paco Vázquez.

Tristes finais

Ollo a tod@s os que esteades pensando en mercar unha casiña, porque ademais de deixar o soldo na hipoteca, que o banco carga sen piedade un mes si e outro tamén na conta, pode que o inmoble agoche unha sorpresa e non precisamente moi agradable. Que llo pregunten se non a ese pobre home que estaba todo contentiño despois de mercar un piso nunha subasta a prezo máis que razoable. Cando foi velo, atopouno máis ou menos habitado, pois a antiga dona, á que lle fora embargado por non pagar a hipoteca e os recibos, estaba momificada no sofá do salón.
Levaba máis de seis anos morta. A súa nai denunciara a súa desaparición había tres. A policía achegouse entón, chamou á porta, ninguén abriu e. hala, ata logo! O banco tasou a casa así, a ollo, sen molestarse en mirar que era o que contiña, o que resulta extrano, cando de fixar un valor inmoble se trata.
Incrible, non? e máis ca iso, tristísimo que ninguén te bote en falta en tanto tempo, alomenos o suficiente como para revolver Roma con Santiago ata saber que foi de ti. Desapareces e nin veciños nin amigos nin familiares se intersan por saber onde andas, porque pode que, como ocorreu neste caso, algo malo che ocorrera. Os deuses nos libren de tal destino.
É moita a xente, especialmente maior, que vive soa, literalmente soa, sen ninguén que se preocupe por ela, que a atenda, que a bote en falta. E aínda hai que se queixa de que a posta en marcha de Lei de Asistencia require un esforzo económico grande. Se non se truncan as nosas vidas antes de tempo, aló chegaremos, sós ou acompañados. Hai que ve na maternidade só iso, a garantía de non quedar varad@ neste mundiño de carrís independentes e dun só sentido. Máis non é así. Non sempre se ten a sorte que se merece, para ben ou para mal.

segunda-feira, 14 de maio de 2007

SPM

Se dicimos SPM non soa aparentemente a cousa ningunha, ou a calquera cómoda redución para referirnos a un termo técnico longo demais para o uso común que se lle dá.
Imos aclarar que falamos da Síndrome Premenstrual. Si, sempre nos aborreceu ás mulleres que ante un ataque de ira, os homes nos ignorasen e xustificasen o noso comportamento con aquela frase facilona de "bah, está de regra". Pero non, amig@s, a tal síndrome é real e está cientificamente demostrado que afecta ao 75% das mulleres. Os síntomas son recoñecibles: dores de cabeza, lumbalxias, cólicos abdominais, aumento de peso, naúseas, disfunción intestinal, apetito desmesurado, fatiga, ansiedade, falta de concentración, irritabilidade, agresividade...
Entenderedes, "tevabuenos", que bastante temos. E así imos traballar, facemos as cousas da casa, etc., etc., etc..., e non nos queixamos. O que si agradeciamos é que non insistirades en que é un comportamento arbitrario. Neso, como en case todo, somos diferentes a vós, por fortuna. Tamén nos viña ben un descansiño de cando en vez, porque, é un verdadeiro -permitídenos a expresión e valla a redundancia- coñazo!!!! A publicidade fártase de dulcificar o trance, que se a que cheiran as nubes e non sei que máis caralladas. A que van cheirar??? E enchen os anuncios de cores e rapazas moi simpáticas e relaxadas. Pero non axuda. E por riba tódolos productos que teñen que ver co asunto son carísimos, unha ruina, vaia.
Hai uns meses saíu unha noticia que falaba da inmediata posta en circulación dunha solución farmacolóxica para interromper a menstruación de xeito definitivo. Home, iso tampouco, que se existe, por algo será, e ten as súas vantaxes, como por exemplo, a diminución de risco de infarto e outras bondades, pero iso non quita para que suframos o noso, nesto tamén.

sexta-feira, 11 de maio de 2007

D'NASH - I love you mi vida (Eurovisión 2007 Spain)

Moitas das leitoras do tevabuena saben da miña especial relación co festival de Eurovisión, aínda así, despois das risas da mañá do venres, non resistín a tentación de cumprir o prometido e subir o video ao blog.

Campañas de tráfico

Non é para menos, as asociacións de vítimas de accidentes de tráfico dan a voz de alarma, pois este problema non está entre os que máis preocupan á sociedade. As campañas que a Dirección Xeral de Tráfico desenvolve non son efectivas -cremos que iso a nós non nos vai pasar, e pasa, pasa tódolos días-, así que o que están a pensar é en medidas punitivas máis fortes, a ver se así os condutores o pensan dúas veces antes de coller o coche despois de ter bebido, pisar o acelerador sen tino ou falar polo móbil mentres guían os seus autos. É o de sempre, só escarmentamos en cabeza propia.
Nos EE.UU. sacaron una campaña para concienciar á xuventude do risco que ten para as súas vidas non respectar as normas que deben rexer unha condución responsable. O que pensaron foi en usar un referente que sexa antimodelo e non se lle ocorreu nada mellor ca unha elementa que non se sabe a que se dedica pero que é herdeira dunha enorme fortuna, unha tal Paris Hilton, para os que non estades postos no asunto rosa. Non é ela tal cal, senon unha escultura do seu cadáver (¡¡¡!!!). Está espida, cunha copa nunha man e un teléfono móbil na outra, e sobre o corpo dobremente inerte, laia o seu canciño coroado, coma ela, con algo semellante a unha tiara de brillantes.
Ben, o do móbil e o da copa, entendémolo, pero o que non acabamos de saber e por que raios aparece espida e en posición non de morta senon doutra cousa (xulgade vós mesm@s. Nos non poñemos aquí a imaxe por pudor).
Se é efectiva alá, haberá que buscar por aquí ata atopar un modelo que estea a altura do americano. Admítense suxerencias.

quinta-feira, 10 de maio de 2007

Perigosos xogos infantís

Hai nen@s que por forza están abocad@s a ser adult@s infelices, senon desgrazad@s. Dicide, logo, se non é un acto de despiadada crueldade o que recae sobre algúns cativos, forzados a converterse en rutilantes estrelas do espectáculo ou, falando en prata, máquinas de facer cartos. Os que noutro tempo foron alcumados "nenos prodixio" seguen xurdindo como por xeración espontánea. O último caso é o dunha nena romanesa, que leva vendidas centos de miles de copias do seu primeiro disco. Polo seu ben, agardamos que sexa o derradeiro.
A infeliz chámase Cleopatra Stratan e ten só catro anos. En pouco tempo conseguiu ser número un nas listas de éxitos do seu país e agora queren "exportala" ao resto de Europa. O inhumano xestor da idea é seu pai, un cantante de orixe moldava, frustrado, supomos, a xulgar polo que está a facer coa súa filla, á que xa inscribiu, fachendoso, no Libro Guines como a artista máis nova, que con tres anos deu un concerto de dúas horas. Por cada canción que interpreta, o pai, que non a nena, gaña mil euros. Non lle faltaron críticas, que intentou atallar dicindo que ata que volva sacar outro disco, non fará outro concerto, o que está previsto que ocorra en dous anos, é dicir, cando a nena teña seis. Non podemos crer que isto non sexa delicto e que puidera selo que a este tipo alguén lle dera o que merece. Non nos laiariamos se así fose, aínda que aquí non somos partidarias da violencia, agás necesidade imperiosa. De momento non estaría mal que lle pasase o que a esa nai á que lle foi retirada a custodia dos seus fillos por telos explotados como actores de anuncios publicitarios e series de televisión.
Queda confiar en que esta histoira siga o curso doutras semellantes e que a esta nena lle sexa devolta a súa infancia, antes de que sexa tarde demais.
O que non imos negar é que no video do seu single Ghita entenrece, máis ao pensar no individuo que lle tocou por pai. Miña pobre, que culpa ten?, para ela aínda é un xogo o que para os seus explotadores é un negocio no que vale case todo.

quarta-feira, 9 de maio de 2007

A Mesa 2007: Temos lingua propia. Queremos vivir nela

Deixámosvos o manifesto que a Mesa pola Normalización Lingüística presenta para este 17 de maio. Animádevos a asinar!

Manifesto Día das Letras 2007

TEMOS LINGUA PROPIA. QUEREMOS VIVIR NELA.

Hai un cuarto de século que o galego conseguiu un recoñecemento oficial que, aínda que foi insuficiente, o situaba no Estatuto de Autonomía como “lingua propia de Galiza”. Porén, o noso idioma, o único “idioma propio” que ten Galiza, continúa aínda moi por debaixo dos mínimos de cooficialidade.

O Día das Letras non é momento para a retórica nin para a propaganda vacía. As persoas e entidades que apoiamos este manifesto reclamamos as medidas e as accións para garantir o dereito de todos os galegos e todas as galegas a poder vivir en galego. Porque sabemos que, cunha política lingüística decidida, o galego terá garantido o seu futuro.

Máis galego no ensino!

Estamos ás portas da aplicación dunha nova norma de galeguización do ensino. O novo decreto consensuado debe ser cumprido integramente no próximo curso escolar, pondo para iso a Consellaría de Educación todos os medios humanos e económicos que foren precisos. Esta nova norma legal ten que supor un paso máis cara á plena galeguización do sistema educativo a medio prazo.

Máis galego na Administración!

Este 17 de Maio celébrase durante unha campaña electoral, o que representa unha oportunidade perfecta para reclamarmos aos participantes nese proceso un verdadeiro compromiso coa lingua. Elixiremos axiña os nosos representantes nos concellos, polo que facemos un chamamento a todas as candidaturas que comporán as cámaras municipais para o cumprimento da lexislación e dos acordos institucionais en materia lingüística.

Nese sentido, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en 2004 no Parlamento galego sinala unha serie de medidas que, malia faceren referencia directísima á Administración local, continúan sen ter plasmación na maioría das cámaras municipais.

Reclamamos que neste 2007 se poñan sólidos alicerces para a plena aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega en todos os concellos, dirixindo tal proceso o Goberno galego.

Sen deixarmos de falar das administracións, temos que lembrar que o Consello de Europa recriminou en 2005 á Administración Xeral do Estado por converter o dereito ao uso do galego nunha auténtica carreira de obstáculos. Dous anos despois do denunciado por esta institución, a carreira de obstáculos continúa.

Un exemplo é a Axencia Tributaria, que nega a día de hoxe o dereito a utilizar o galego na inmensa maioría das xestións. Exiximos que, coa máxima urxencia, a páxina web da Axencia Tributaria teña opción plenamente en galego, incluídos todos os formularios e programas informáticos.

Máis galego nos medios de comunicación!

Un dos trazos do servizo público é o servizo á cultura, comezando polo respecto e o uso da lingua de cada país. Reclamamos que os medios públicos, for de titularidade estatal, for de titularidade galega, teñan en conta este principio.

Á RTVG demandámoslle:

- Unha mellora substancial na galeguización da publicidade, tendo o obxectivo do 100% a medio prazo. Sen isto, non se pode falar dunha TV propia e integramente en galego.
- A creación dun Servizo Galego de Dobraxe e Subtitulación, que asuma a tarefa de elaborar as lexendas e dobrar todos os filmes que se estreen nas salas comerciais, cedéndoas gratuitamente ás distribuidoras ou ás televisións que poidan ter os dereitos de emisión de ditos filmes.
- Unha das normas de estilo da RTVG debería ser dar prioridade ás participacións en galego en tertulias, entrevistas, etc.
- Unha presenza mínima do 50% de música en galego na emisora Radio Galega Música.
- O comezo da emisión do segundo canal da TVG.
- Velar pola calidade do galego utilizado, tanto na escrita como na oralidade.

A RTVE exixímoslle:

- A recuperación dunha emisora de RNE en galego (Radio 4).
- Que as desconexións de RNE e TVE para Galiza se equiparen ás realizadas para Cataluña.
- Que, na emisión dixital, TVE ofreza versión en galego de todos os filmes, retransmisións deportivas e espazos infantís e xuvenís.
- Que as páxinas web de RNE e TVE conten cunha versión en galego.

Reclamámoslle á Secretaría Xeral de Comunicación e á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependentes da Presidencia da Xunta, que negocien con firmeza estes adiantos para a nosa lingua nos medios de comunicación de titularidade pública. Ademais, deben garantir o cumprimento das condicións lingüísticas baixo as que se conceden as licenzas de radio e TV.

Máis galego no ensino, na administración e nos medios de comunicación!

Temos lingua propia! Queremos vivir nela!




As présas..., xa se sabe

Cando hai un asunto urxente por resolver, non se pensa tan claramente nos medios para acadar o obxectivo, coma no fin mesmo. Foi o que lle ocorreu a un discapacidado galego que ía na busca dun clube de alterne. Pasou o cruce polo que debía encamiñarse ao seu destino final, e enfiou pola autovía Ferrol-As Pontes na súa cadeira motorizada. E, claro, unha cousa así non pasa desapercibida. Foron moitos os condutores que adiantaron ao singular vehículo, que foi detido pola policía de tráfico logo de ter feito un percorrido considerable, nin máis nin menos que dez quilómetros. O home declarou que ía botar "un quiqui" de pago, que é o recurso que lle queda, segundo el, para ter relacións sexuais. Aproveitou xa para denunciar o desproporcionado da reacción da autoridade e tamén a falta de condicións de accesibilidade das que adoecen os devanditos clubes.
Deducimos que non acadou finalmente o desexado obxectivo e que foi devolto ao centro onde vive na actualidade. El cre que non foi para tanto e non o foi, agás polo risco que para a súa integridade supuxo circular por unha vía na que non están permitidos este tipo de vehículos. Ao final, o pobre do home quedou sen desafogo das súas necesidades, mais agardamos que non lle impuxeran sanción algunha.
Vaia por diante que nós non defendemos a prostitución. É o de sempre, a dignidade está nas persoas, aínda que non sempre no que se ven obrigadas a facer. Pero si defendemos as razóns que aduce José Antonio, o noso protagonista de hoxe. Un paralítico cerebral que dedica o seu tempo a pintar cadros coa boca. El tamén sente e desexa, aínda que non parte en igualdade de condicións para competir pola atención dunha muller. O seu único recurso é o que perseguía cando equivocou a dirección da súa cadeira a motor.

segunda-feira, 7 de maio de 2007

Adiviña, adiviñanza...

Hoxe propoñémosvos un xogo. Neste texto hai agochada unha palabriña. Quen adiviñe de cal se trata terá como premio enviarnos un post ao noso enderezo electrónico, que publicaremos sempre e cando sexa razoable e correcto. Case imos propoñer que a nosa compañeira I., que onte estivo de feliz e trasegado aniversario, non se meta neste lío; bastante tivo, miña pobre, que fixo máis quilómetros que os que leva percorridos nas súas varias experiencias xacobeas. Pero aquí a solidaridade é un valor en alza, así que contou cunha estimable colaboración -el ojo que todo lo ve, tamén viu as notiñas da ginkana. Xa nos acordamos do que tería gozado co xoguiño J., que é tan festeira, pero xa cumprira coa súa xornada laboral.
Despois de pistas e pistas -levounos o noso tempo e grazas a M&M, que achegaron as felices ideas- chegou ao final, e alí agardaba por ela un aposto galán, que andaba en negociacións con Vitaldent -o das financiacións é complicado cando non tes un contrato que te avale.
Bueno, felices con esa ideiña que tanto lle gustou á nosa cumpleañeira, agardamos polas vosas solucións.É moi doado, só tedes que mirar atentamente o texto, ler amodiño e fixándovos moi ben.

sábado, 5 de maio de 2007

"Aldea Gallega"

Publicaba un xornal galego unha curisosa noticia que ha desatar a ira dalgún susceptible chauvinista -valla a redundancia-. De Madrid saíu un paquete, remitido por un dos máis coñecidos centros comerciais a un destinatario particular. No enderezo figura unha rúa da Coruña co seu correspondente código postal, pero no oquiño onde debería aparecer o nome da cidade, nalgunha das variantes en afanada liorta -A ou La-, podíase ler: "Aldea Gallega".
Chegar, chegou ao seu destino, e agora a cadea que o remitiu non sabe a quen se lle puido ocorrer tal denominación. Nós non sabemos se isto ha quedar así ou "Su Excelentísima" xa voa desde o Vaticano para deter as masas enfervorecidas polo tal agravio. "La Coruña una aldea?, La Coruña gallega? Por dios, qué disparate. Te va buena si creen que esto va a quedar así". Imaxinamos as declaracións dalgunha coruñesa de pró a pé de rúa.
Non nos entendades mal, queridos tevabuenas, que non só non temos nada en contra da cidade herculina e os seus cidadáns -énos ben querida a nosa Presidenta de Honra, metade coruñesa, metade bergantiñá-, senon que nos parece un bo sitio, pero... ¡ai dos seus representantes políticos e dalgún elemento máis a analizar en profundidade!.
Como en tódolos sitios cocen fabas, hoxe tocoulle a La Coru, mañá ou pasado, a calquera outro lugar. Habelos hailos... aínda que non houbera tantos!

sexta-feira, 4 de maio de 2007

Feliz tolemia

Cantas veces desexariamos ter un deses accesos de tolemia para poder facer ou dicir o que che pete sen que ninguén te xulgue, máis que por tol@, que tampouco é para tanto.
Onte, no acto de presentación do libro da nosa compañeira M. d. C., produciuse unha anécdota desas que lle engaden encanto a este tipo de acontecementos, que xa de por si teñen un aquel de proximidade afectiva. Na longa e enxundiosa presentación previa ás palabras e lecturas da autora, un home duns corenta anos con aspecto estranxeiro, que ía apoiado nunha muleta que tampouco lle axudaba moito a manter o seu inestable equilibro, achegouse á mesa dos intervintes. Ameazaba con converterse nun máis. O que era imprevisible era o que ía dicir despois de refregar a cara, como se estivera preparando unha parrafada de desacordo. Alí estivo, só durante uns escasos minutos, moi pertiño da mesa, ata que foi afastado, cando ao berro de "Por favoooooooooor!", deu un paso cara adiante.
Non soubemos que era realmente o que quería aquel tolo que non parecía infeliz aínda que si molesto, quizáis só chamar a nosa atención. O que foi certo é que aquela pequena e inconsciente ousadía tivo premio, pois un dos presentadores do acto ergueuse e foi cara el cun exemplar do libro. Oxalá lle dése por lelo.

quinta-feira, 3 de maio de 2007

Mudando hábitos

Todo é pouco cando de porlle remedio ao problema do quecemento global e aos danos que está a causar no planeta se trata, polo que, no que toca a esa práctica tan saudable que é o sexo, tamén podemos mudar algúns costumes, que teñen, polo visto, un impacto negativo no que ao cambio climático se refire.
Comezamos pois:
  • Se hai tempo e boa disposición é mellor manter relacións durante o día, e non só porque a hora da sesta sexa moi propicia para o asunto, senon porque así tamén se aforra enerxía (eléctrica, entendámonos). Pero se non hai máis remedio que restrinxir as prácticas eróticas ao horario nocturno, deberemos exercitalas a escuras.
  • No que se refire aos "facilitadores" -enténdase lubricantes- proponse que os químicos sexan reemprazados polos naturais, como aceite de oliva ou unto (neste caso cremos conveniente precisar que o seu uso ha ser só e exclusivamente tópico).
  • Adeus ás duchas en parella, gástase moita auga.
  • Substitutivos para as sesións solitarias: úsense hortalizas, iso si, hixienizadas e con condón e lubricante (véxanse os recomendados supra).
  • Nada de ostras para facer ascender os niveis da libido. O seu consumo non lle fai ben ao ecosistema mariño.
O seguemento destas recomendacións fará de ti o modelo perfecto de "ecosexual".
Nós aínda andamos a debater se nos vai ser posible cumprilas na súa totalidade. O do unto, a verdade, non acaba de convencernos.



Aproveitamos este post para facerlle chegar os parabéns do tevabuena á nosa editora S., que está hoxe de aniversario. Agardamos que sexa un día moi feliz para ela.

terça-feira, 1 de maio de 2007

Un novo nacemento

No tevabuena estamos moi content@s pois a nosa compañeira M.d.C. acaba de dar a luz a unha nova criatura: un novo poemario, Os hemisferios; o quinto -xa!!- despois de O estadio do espello (1998), (Nós as inadaptadas) (2002), Non queres que o poema te coñeza (2004) e O barrio das Chinesas (2006). O xoves vaino presentar na Feira do Libro de Compostela, a esa hora tan axeitada sempre para todo das oito do serán.
M. é confesa "tevabuenófila" e nós, entregadas admiradoras da súa obra. Con ela compartimos horas de traballo e lecer, e risos, moitos risos. Agora ela voa alta e silandeira, sen alardes nin aspaventos, guiada pola súa sensibilidade e a súa intelixencia. Voa camiño da altura que merece, explorando tódolos camiños que lle saen ao paso no revolto da tea dunha saia cor vermella.
Agardamos ese libro, que aínda está quente; por iso queremos estar alí, coa certidume de que novamente atoparemos, detrás do seu sorriso xeneroso, a humildade dunha gran poeta.

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -