segunda-feira, 30 de abril de 2007

Non era falta de interese

Levamos toda a vida queixándonos de que os homes non nos fan caso, de que parece que non nos escoitan, que perden a paciencia, que se distraen cando lle falamos cunha facilidade case insultante, e agora descubrimos que, meus pobres, non é por vontade propia -ja!-, pois está científicamente demostrado que as ondas que emite a voz feminina esgotan o seu cerebro. Mediante un sistema moi semellante a unha resonancia magnética comprobouse que as mulleres emitimos un sistema de sons máis complexos, que invaden por completo a área auditiva do cerebro dos varóns, mentres que se é un home o que lles fala, o cerebro masculino só emprega unha parte. Así dedúcese que se un home se concentrase en escoitar a unha muller de xeito permantente -hai que lle botar moita imaxinación-, o seu cerebro quedaría (máis) afectado.
Insistimos, despois de séculos de queixas e laios, debemos agora ser máis condescendentes. Escoitar falar aos do seu mesmo xénero parece que os divirte e lle resulta moi grato e menos canso. No noso caso, non é que non queiran escoitarnos, é que non poden. Prestarnos atención supón un sobreesforzo para a súa mente e nós non imos consentir que así sexa. Que ningún se sinta ofendido polo tanto se preferimos manter conversas entre nós. Non é que non valoremos a vosa escoita nin que non a precisemos, pero nada máis lonxe da nosa intención, que non se trata de facer leña da árbore caída.

quinta-feira, 26 de abril de 2007

Do complexo mundo dos afectos

Ai, o mundiño dos afectos, que rico e complexo é. Resoa así, esplendorosa e cargada de múltiples significados, a palabra amizade, na que hai tantos graos como se poidan imaxinar. Nós diriamos que tod@s @s que vos asomades á fiestra deste blog que imos montando sodes amig@s, claro. Con vós compartimos e facemos medrar este aparelliño cibernético. Na vida "máis real" están aqueles imprescindibles, @s querid@s tamén, sen ser íntimos, a xente á que valoramos, @s coñecid@s que nos caen ben... Unha infinidade de formas de amar, querer, apreciar, respectar, valorar... Mais é ben complicado relacionarse en perfecta harmonía. Sempre hai asuntos espiñosos, malentendidos, problemas ben serios e non sempre se poden resolver. Era mentira iso de que "falando enténdese a xente".
Nós aquí estamos ben. Como mínimo, apreciámonos, respectámonos e valorámonos. No espazo no que nos movemos cada día somos algo parecido a unha pequena familia. Fóra de aquí cada quen sabe as súas, as boas e as malas, e con elas ás costas e no corazón vén traballar cada día. Unhas veces convertidas nun sorriso case permanente e outras nunha expresión seria e afectada. Nesta familia hai pequenos espazos máis íntimos -en sentido amplo e sen malicia, non lle busquedes máis- parellas indisolubles, como I. e a nosa añorada M., que xa son coma un entrañable matrimonio, ou M. e M., que rin con complicidade natural entre poemarios e facsímiles...
Aínda que ás veces dean ganas de mandalo todo a tomar vento, estase ben aquí, non si?, aínda que sempre se pode ir a mellor. Claro que se pode!!!!

quarta-feira, 25 de abril de 2007

Entenderse

Nunha perruquería entra unha parella, os dous vestidos cun chándal. Non deben ter máis de vinte anos e parece que son mozos. Mentras el é atendido con dilixencia e amabilidade -fixera unha desfeita cunha desas máquinas eléctricas naquel pelo que negreaba acibeche, case azul-, ela agarda sentada nunha cadeira, entregada á lectura dunha revista do corazón. No momento no que a perruqueira marcha ao teléfono, el reclama á moza cun asubío, como quen chama a un can, seguro de que vai atender ante a voz inconfundible do amo; así foi, ela ergueu dilixente a cabeza e mirouno con desinterese. Sen máis, volveu entregarse á lectura. Con todo, el parecía satisfeito de encontrar a resposta que buscaba. Tocoulle logo a ela arranxar o cabelo, que levaba recollido de xeito descoidado cunha goma vermella. Entón el quedou de pé atrás dela, mirándoa con atención. Cando estaba xa case lista, el ollou para ela a través do espello e sorriu compracido e tenro. Entendíanse así.

Nun café calquera entra unha parella duns trinta anos. El vai serio atrás dela, que empurra un carriño cunha criatura. Ten cara de cansa, como se levase percorridos quilómetros facendo andar con esforzo aquel vehículo sen motor. Despois de aparcar o cochiño, sentan nunha mesa e piden uns refrescos. El faise cun xornal deportivo e ela, cun suplemento dominical. Non hai palabras nin xestos entre os dous, nin tampouco, máis ca de esguello, cara ao neno que durme pracenteiro. Non pasan máis de quince minutos e el érguese en silencio e diríxese á barra para pagar a consumición, ela quítalle o freo ao carro e volven saír, na mesma orde, pola porta do café. Seguro que tamén se queren, pero pode que xa non se entendan.

Grândola, Vila Morena

Hoxe cúmprense 33 anos da Revolução dos Cravos en Portugal, e exactamente ás 00.20 cumpríronse 33 anos desque soou en Rádio Renascença o que para moitos se convertiría no auténtico himno da Democracia: a “Grândola, Vila Morena” do Zeca Afonso. Aínda hoxe, tantos anos despois, e sen sequera térmolo vivido, se nos pon a pel de pita ouvindo cantar ao gran Zeca. Con ela, un anaquiño da Galiza estivo presente nesa longa e esperanzadora madrugada, acompañando os nosos irmáns do sur, pois o que algúns non sabiamos era que a canción fora estreada en Santiago de Compostela dous anos antes de se converter nunha das señas da Revolução.
Agardemos a esta noite para ver o que nos teñen preparado na Galega, onde se anunciou unha homenaxe para o cantautor con motivo da conmemoración desta data tan importante para a historia de Portugal. Nós só esperamos que estea á altura do que significou.

terça-feira, 24 de abril de 2007

A ociosidade, xa se sabe....

Darlle e darlle voltas, clasificar, dividir, caracterizar, estereotipar... Agora nace unha nova muller(supermegahiperexclusiva): a übermuller. De aspecto ultrafeminino, con melena longa e pendentes, caracterízase tamén por ter unha cabeciña ben amoblada. Feminista, liberada e sen conflitos internos ou externos, sen guías nin iconos, absolutamente desprexuizada. Malia que esta pseudorevolución está tendo a súa importancia -eso din-, non deixa de ser un produto máis da mercadotectnia máis despiadada, aínda que os expertos están emperrados en negalo, falando insistentemente deste fenómeno que, segundo eles, trascende tódolos ámbitos: sexualidade, moda, publicidade, socioloxía, psicoloxía...; mentras, os profesionais desta última ciencia que vimos de enumerar xa frotan as mans.
O arquetipo en cuestión foi "xestado" na redacción da revista Elle. Polo visto, despois do xurdimento da übermuller, que vén significar algo así como hipermuller, superwoman, etc., xa ningunha fémina é "idiota". A este novo modelo non lle gusta que a denigren -ao resto si, vapordiós- nin que a convirtan nun estereotipo. Amantes da galentería, gústalle que os homes -só os ricos- a atopen guapa e llo digan; leva saia por gusto propio, non para contentar ao alleo, usa cremas e é, esencialmente, narcisista, máis non ambiciosa.... (ehhhh???, como????).
Dicídenos, querid@s tevabuenas, que raios é isto??????
No dicionario Tevabuena, Übermuller é a que sementaba patacas na leira de Vilargarcía, que non houbo raio que a partise.

segunda-feira, 23 de abril de 2007

Alugueres brancos

Se algún día desaparecera o xornal, tantas veces aludido aquí, La Región (de Orense) e nós somos vivas, imos estar na cabeza da manifestación. E con nós a nosa compañeira M. (Med), que é quen revisa os titulares e nos alerta das ducias de xoias que nel aparecen cada día. Hoxe veunos ca noticia da sanción que se lle impuxo a quen colgou este anuncio que vedes na Avenida de Portugal da capital ourensá. A quen se lle pode ocorrer tal barbaridade? Xa que debe ser inevitable que o propietario do garaxe en aluguer teña este e mil prexuízos máis, seguro, podía ter sido máis discreto e alegar outra excusa se a cor do interesado en negociar con el non fose, por escura, do seu agrado. Ás veces xa hai que dubidar de se quen é capaz de escribir esa absurda restrición pensa iso verdadeiramente e por que, ou o que busca é o que xa conseguiu: saír nos medios e ter o que para el ha ser o seu minuto de gloria. Cos tempos que corren, mil exemplos poderiamos poñer do sacrificio que supón que alguén che preste un mínimo de atención. Menos grave é cando nun partido de fútbol ou acontecemento semellante, sae un tipo espido a correr polo campo, e móntanse unhas tanganas incribles, coa polícia a correr tras del ata "reducilo" con brutalidade. E a fin de contas, que mal fai? So busca ser o obxectivo de tódalas miradas durante o tempo que tardan en botalo ao chan. Isto é peor, se verdadeiramente é intencionado e a persona que o colgou considera que, por algunha razón que descoñecemos, deixaría de alugar o garaxe a unha persoa de raza negra. Xa se coidaron ben os responsables da editar a noticia de borrar os últimos díxitos dos números de contacto que figuraban no cartel, pois é seguro que ía recibir moitas chamadas, e non precisamente para saber canto custa o aluguer da praza en cuestión.

sexta-feira, 20 de abril de 2007

Soños

Hoxe tivemos un soño que non podemos deixar de compartir convosco, seguidor@s tevabuena, que sabemos que cada día sodes máis. Espero que entre tod@s nos axudedes a interpretalo, porque aínda seguimos moi confundidas e mesmo espavorecidas perante a posibilidade de se volver realidade:

"Raiaba o sol no ceo limpo de Nutrix, mentres a turba traballaba tranquilamente nos seus quefaceres diarios. O Todopoderoso-Ironman, velando pola súa seguridade, atopábase no seu atril máxico vixiando cada movemento estraño, atento a cada revolución susceptíbel de ser abortada...
De súpeto, os radares disparáronse: unha maré de robots achegábase perigosamente aos dominios virtuais de Nutrix. Non había tempo. Había que reaccionar. Estaba en perigo a supervivencia da Raza. Reunido o Conclave, decidiuse ordenar o ataque antes de que causaran posíbeis danos irreparábeis. Dispuxéronse todos os medios (sobre)humanos e/ou animais para levalo a cabo. O Todopoderoso-Ironman, a cabalo do Can-Voador-Pavlov e tridente en man iniciou o bombardeo coas armas de última tecnoloxía experimental (Interruptora-Summa-Bellica-Nutricis), descoñecidas aínda polo exército androide a que se enfrontaban. O ceo e o chan de Nutrix fóronse tinguindo de anaquiños de titanio fundido pola bravura experimentada na batalla. Un tras outro, os androides foron caendo. Carentes de cabeleira, o trunfo publicitouse coa vexación do Gran-Xefe-Androide, que mentres era arrastrado pola Terra-Ancha de Nutrix, atado ao rabo do Can-Voador-Pavlov, ía berrando nun acento familiar:
- Odeio-te!!, odeio-te!!



Deste xeito foi como a pericia e a ferocidade do Todopoderoso-Ironman liberou Nutrix do invasor, devolvéndolle a tranquilidade arrebatada".

La muerte del Fary en el Luar

Acompañando o post anterior o exemplo ilustrativo...

O Fary: morto e resucitado

Supoñemos que é cada vez máis habitual escoitar este tipo de cousas: bulos coma casas que corren como a pólvora. Pero isto foi unha verdadeira vergoña. O venres pasado Gayoso anunciaba no Luar, coas bágoas nos ollos, a morte do Fary, si, o do torito bravo. Así transcorreu o programa, mais cando xa saían os títulos de crédito, o condutor do popular programa de variedades que SEGUE a emitir a TVG, aparecía espaventado para rectificar a noticia: non morreu, non morreu. Desculpas ás présas, que non temos máis tempo, e a parar outra vez as máquinas dos xornais, que xa comezaran a reimprimir as páxinas de cultura e sociedade.
Claro, tamén se entende pois é costume, o programa a estas alturas xa parece que necesita un espazo para os óbitos dos seus asíduos: O Xestal, Juanito Valderrama, Rocío Dúrcal, Rocío Jurado, etc, etc. Non cabe dúbida de que está quedando en cadro, mais sempre lle quedan Pimpinela e Bonnie M, que aínda teñen corda para rato.
Lamentable espectáculo, mais útil aprendizaxe para no adiante non botar a lingua a pacer sen antes asegurar a veracidade do anunciado. E xa que estamos, e valéndonos da imaxe que xa aparecera nos Aduaneiros, pedimos que se revisen de urxencia os contidos da Televisión Galega, que xa vai sendo tempo de reciclarse.

quinta-feira, 19 de abril de 2007

Para gustos...

Coa conta do pararraios e os modelos de roupa interior masculina, segue o debate sobre os gustos masculinos e femininos ao respecto. Coincidimos as féminas en que os boxer son os que nos resultan máis "sepsis", pero eles prefiren, polo visto, os slip. Nós recoñecemos que deben ser máis cómodos, pero glamourosos, glamourosos non son e moi prácticos tampouco. Parécenos que "recollen" pouco. Logo están eses tipo bañador, que deben ser imposibles, porque seguro que se enrugan debaixo do pantalón. Pode parecer que non, pero o detalle é importante, incluso determinante, en momentos precisos. Non sería a primeira vez que a horripilancia do modelo de gallumbos que porta o individuo é inversamente proporcional ao nivel da libido da amante en cuestión. Somos conscientes da susceptibilidade masculina para estas cuestións que lle parecen "pijaditas de mulleres", pero estamos preparadas para recibir a morea de comentarios despeitados.

quarta-feira, 18 de abril de 2007

Modelo masculino

Non fixemos más que saír de traballar, e marchamos a fume de carozo e da man da nosa editora S. ata Carballo, a ver se os chinos nos podían axudar a cumprir o desexo que nos formulaban desde a veciña Pirámide; e despois de buscar e rebuscar en caixas dentro de caixas, que á súa vez estaban metidas noutras máis grandes, e estas gardadas nun pequeno almacén polo que se accedía a outro máis amplo, que daba entrada a un taller, antesala dunha fábrica, parede con parede coa Muralla China -lembrade que sairamos de Bergantiños, tal foi o noso empeño-, demos con este modelo, que ten moito de creatividade tevabuenil e que agardamos que resulte moi choqueiro e pouco administrativo, xa que dificilmente ía pasar o control que dá entrada aos edificios de San Caetano, pero para outros menesteres, isto ten que asegurar un trunfo de antoloxía. O chino vendedor dixo que con el tampouco hai raio que te parta, malia que na garantía non figuraba ese detalle. En calquera caso, poida que para a sementeira non valla, pero aparente é un rato largo...

Pararraios de deseño

Detédevos mulleres do mundo que pensades desprendervos dos vosos suxeitadores como xesto pro-liberación feminista. Revisade os vosos armarios e desbotade todos aqueles que non teñan aros metálicos, por espectaculares e glamourosos que sexan, xa que esa prenda íntima pode ser o voso seguro de vida. Ben o sabe unha vilagarciá que recibiu o impacto dun raio e grazas aos aros metálicos do seu sostén segue neste mundo. Polo visto atopábase nunha leira sementando patacas cando foi sorprendida por unha forte treboada con aparello eléctrico. Aínda non lle dera tempo a fuxir para o acollido, cando do ceo caeu o lóstrego que tería sido fulminante se non atopase un conduto máis idóneo: entrou polo extremo do aro da copa dereita e saíu pola punta do seu correspondente esquerdo, sen que a muller sufrise máis que unha leve inflamación do miocardio e unha pequena perda de sensibilidade na perna que actuou como toma de terra.
É ben certo que hai xente con sorte: existe unha posibilidade entre oitentamil de que te parta un raio e nesa media debe estar a porcentaxe de mulleres que levan suxeitadores con aros á sementeira das patacas. Neste caso houbo sen dúbida unha conxunción astral tamén para que este modelo de prenda feminina con elementos metálicos se poña de moda por pura prevención. A que aquí vos propomos dá ata para sachar de noite.

terça-feira, 17 de abril de 2007

De tolos

Onte quedamos un pouco preocupad@s ao escoitar a noticia da mantanza que se produciou na Universidade Virxinia Tech de Blacksburg, pois unha das nosas enviadas especiais, A., anda por aqueles lares. Quedamos un pouco máis tranquil@s ao saber que a cidade onde se produciu esta traxedia dista uns douscentos quilómetros de Richmond, a capital do estado, onde vive a nosa compañeira. Mais só por iso, xa que esa mente baleira e perversa que é a do presidente dos EE.UU só está horrorizado, máis nada, ante a peor traxedia que se produciu nun centro educativo en toda a historia do país. Polo visto as medidas que se van tomar desde a Casa Branca non irán máis aló de poñer cartos, se o estado de Virxinia os solicitase, como apoio ás familias dos mortos e os feridos.
Moit@s tedes na cabeza aquel incómodo documental dirixido e protagonizado polo tamén incómodo Michael Moore. Demostrouse entón o xa sabido: calquera pode ter un arma, saír con ela á rúa e liarse a tiros con quen lle pete ou lle sinale a súa mente perturbada, ata matar a máis de 30 persoas, como sucedeu neste caso máis recente. E a administración pensando só en se lle farán falta uns cartiños ás familias deses inocentes estudantes asasinados, pero non en resolver o problema dun dos países desenvolvidos cun maior índice de delincuencia, no que se pode mercar un arma de fogo coa facilidade coa que se adquire un inocente xoguete.
A comunidade internacional debe facer algo. Un dos gobernos máis influíntes do mundo, mal que nos pese, non pode estar en mans de tolos perigosos. Neste caso, a sociedade que pare un país coma este, igual ata non podería ser doutra maneira.

segunda-feira, 16 de abril de 2007

Por xustiza

Co visto e prace sobreentendido das miñas compañeiras, vou tomar a licenza de facer do tevabuena por hoxe un altofalante para un problema que está causando bastante balbordo dende hai xa tempo o do que se fixeron tamén eco os medios de comunicación. Di o refrán que o boi é de onde pace, non de onde nace, pero a terra algo tira sempre e querería sumarme así aos actos de reivindicación que está desenvolvendo a "Plataforma Pro Autovía A-76 corredor 3 por Ourense", creada por xente das comarcas de Trives e Caldelas, que, como o seu extenso nome indica, reclama que o novo enlace que vai unir Ourense con Ponferrada transcorra polos concellos de Pereiro de Aguiar, Esgos, Baños de Molgas, Maceda, Parada do Sil, Xunqueira de Espadañedo, Montederramo, A Teixeira, Castro Caldelas, San Xoan de Río, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, Manzaneda, Larouco, Vilariño de Conso, Viana do Bolo e O Bolo, como alternativa ao trazado previsto polo sur de Lugo e en compensación pola supresión da Nacional 120.
Polo que coñezo, os políticos locais non fixeron nada polo desenvolvemento dalgunhas das comarcas que reclaman esta vía de comunicación. @s máis nov@s fuximos delas na busca doutras oportunidades, o decrecemento económico é cada vez máis evidente e iso débese, amais de a unha política local eminentemente chupóptera e caciquil, en resumo, nefasta, ao illamento ao que acabaron condenadas. Agora esta infraestructura de comunicación podería representar a única posibilidade de salvación para estes concellos, que quedan lonxe de todas partes.
Se alguén desexa sumarse coa súa voz a esta demanda, pode deixar a súa sinatura de apoio na páxina web da plataforma (Aviso para navegantes: como en Trives e Caldelas "se te habla poquito el gallego", a páxina non ten versión en galego. Mágoa!).

Estudos paleolíticos

Ese inconmensurable xornal que é La Región ("de Orense"), non hai día que non nos dea unha alegría.
Hoxe publica o editorial, asinado por José Luis Penedo, "En torno a la lengua gallega". Titular, desde logo, de tanta elocuencia como pertinencia a estas alturas, que non dista moito de calquera que puideramos atopar no ABC, en El debate ou La Nación, na España das primeiras décadas do século XX, tirando cara arriba e á dereita.
Xa nos morde a curiosidade polas inéditas achegas que vai deixar Penedo para a posteridade, pero cústanos pasar das primeiras liñas, nas que di textualmente: "De un tiempo a esta parte se quiere fomentar el uso del idioma gallego. Como hechos más recientes tenemos las propuestas de un parlamento en el sentido de llevar el gallego a los cementerios y la influencia en los fabricantes de juguetes para crear una muñeca que hable gallego". Seguimos, non sen esforzo, pois forma e contido renxen coma a freada imprevista dun tren de mercadorías, e atopamos outra xoia: "Bien está que se trate de mantener viva nuestra lengua, nuestra cultura, que jamás habrá de rechazarse, pero sin extralimitarse". E segue e segue, coma o coello duracell, todo para acabar reivindicando a figura de Fontenla Leal -¡que contradición!-, falecido en Cuba, "triste y olvidado, con el corazón lacerado por las decepciones sufridas". Di que tanto potenciar a lingua, tanto potenciar a lingua, e ¿que pasa coa cultura galega?. Non sabe o Sr. Penedo da indisociabilidade destes dous elementos.
Non deixamos de lamentar este tipo de reflexións anacrónicas, reaccionarias e faltas de criterio intelectual, moito máis perniciosas que o feito de que desaparezan do dicionario da RAG as palabras "atraquina" e "churriana". Se alguén se dirixe a vós coa segunda como vocativo, tedes tamén todo o dereito a ofendervos.

quinta-feira, 12 de abril de 2007

Un caso de mal gusto

@s menos nov@s que pululamos por este espazo lembramos aquel inefable personaxe que representaba a actriz Beatriz Carvajal no programa Un, dos, tres, onde pretendía imitar a unha muller galega, para o que ía ataviada cun traxe típico, con dengue e mandil, e que nos resultaba ben pouco simpático. Ese tipo de imitacións consistían en modular a voz dun xeito esaxerado que non casa con acento coñecido algún e menos co noso, en colocarlle o sufixo -iño a toda canta palabra se presente e en inundar de "carallos" o discurso. Pasaron máis de 25 anos desde entón, polo que ese tipo de identificacións deberían estar superadas, mais non é así. Onte, sen ir máis lonxe, no programa de Buenafuente, que emite Antena 3 Tv, puidemos asistir a un bochornoso espectáculo, no que, con motivo do trinta aniversario da serie de animación xaponesa inspirada no conto Heidi, da escritora suiza Johanna Spyri, a actriz Silvia Abril e o actor Eduard Soto (o Neng) facían da nena dos Alpes e do seu compañeiriño Pedro, respectivamente. Supoñíase que eran galegos e foi máis do mesmo: un acento que casaba mellor nunha parodia dun filme italiano, vogais indiscriminadamente abertas, carallos sen ton nin son e ata unha cabra. Todo ao servizo de facer dos protagonistas daqueles debuxos que conmoveron a nosa infancia uns pailáns. Seguro que pensaron que a aldea perdida nos Alpes, na que vivían Heidi e Pedro, non podería ter máis atinada correspondencia que Galicia. De nacer nalgún lugar da Península Ibérica, os nenos suizos, serían, sen dúbida para os guionistas do programa, galegos.
Parece mentira que a estas alturas se sigan recreando eses tópicos obsoletos. As imitacións paródicas poucas veces contentan ao obxecto da mofa, pero para todo debe haber límites, principalmente, os que impoñen o respecto e o bo gusto.

terça-feira, 10 de abril de 2007

Xa que o tema vai de morte...

Gustaríanos proporvos, seguidor@s tevabuena, un exercicio de imaxinación, moito na liña de provocación san que tentamos difundir desde este recuncho: pensade na(s) cousa(s) que vos gustaría facer antes de morrer, sen importarvos as consecuencias. Aquilo que tendes agochado no máis profundo do voso ego e que nunca, por pudor, vergoña, timidez, ou simplemente falta de ocasión, vos atrevestes a facer. Non escatimedes en palabras, que non cobramos por caracteres. Cantos máis mellor!

Perigos de extinción

Non será abondo con que hoxe as portadas dos principais xornais abran coa lamentable noticia de que só quedan uns 25.000 exemplares de orangután en liberdade, repartidos entre as illas de Borneo e Sumatra. Nesta progresión, en dez anos poderían extinguinse, pois aínda que para entón quedara algún exemplar, a inevitable endogamia vai aumentar irremediablemente a mortaldade e o número de enfermidades ás que estarán expostos fará inviable a súa reproducción. Os incendios e as repoboación con outras especies non propias do medio no que adoitan moverse contribúen a que esta especie estea condenada a desaparecer. Os gobernos do mundo deben sensibilizarse con este problema, poñendo freo á degradación dos bosques nos que habitan estes simpáticos primates. Labor deles é tamén preservar as linguas. É fundamental reforzalas nos centros de ensino, alí onde se aboa, en gran medida, para recoller os froitos que darán, con sorte, as xeracións más novas, que deberan garantir un futuro saudable neste terreo. A situación das linguas peninsulares é, como adoita, moi desigual. Do último informe de Política Lingüística elaborado pola Generalitat de Cataluña pódese tirar un dato moi alentador, xa que o 88.9 % dos centros de primaria, tanto públicos coma privados, imparten tódalas materias en catalán, agás, lingua e literatura española e idioma estranxeiro. Non ocorre así no caso do galego, como é norma. Pese ao decreto que pretendía garantir uns mínimos sobre as materias impartidas nesta lingua, compróbase que son 77 de cada 100 os centros que incumpren esta normativa, sen que iso conleve a necesidade de establecer un control nin de impoñer sanción de tipo algún. Así as cousas, dándolle as costas a modelos moi próximos que resultan eficaces e cun ensino no que a despreocupación por este asunto parece absoluta, saltan as alarmas sobre a situación presente e especialmente futura do noso idioma.
Con paraugas, autocolantes e chapiñas non facemos nada.

segunda-feira, 9 de abril de 2007

Conta atrás

E nós que andabamos a mirar se atopabamos por algures o noso ton vital de sempre, e crúzasenos no medio unha noticia con intención lúdico-xocosa, aínda que nun primeiro momento non semella máis que o froito dunha mente a piques de cruzar a liña do sadismo máis fero. A alguén se lle ocorreu, polo visto, a idea de crear unha páxina web, de nome "O reloxo da morte" -moi animoso, si-, na que, se introduces os datos de idade, xénero, altura, peso, fumador/non fumador, amablemente diche a data exacta na que van rematar os teus días. Adxunta, para máis inri, un reloxo que mostra a conta atrás en segundos da vida que che resta e máis un útil apuntamento sobre o carácter inexacto do cálculo, que non é científico, segundo os seus macabros autores, senon puro xogo -agradécese, que non nos deramos conta.
Isto, queiras que non, algo alivia, porque nun primeiro experimento descubrimos que o tevabuena quedaría sen unha das súas redactoras, exactamente, o 24 de agosto de 2047 -¡diosnonoqueira!-, aínda que para entón, se este espazo seguise en pé, xa tería precisado dun relevo xeracional, como mínimo.
Despois do susto inicial e analizada a páxina polo miúdo, cremos que a pretensión non é outra que desenvoler un espírito carpe diem más activo en tod@s nós, que perdemos demasiado tempo en verdadeiras parvadas; e máis concientes aínda seriamos do tal despilfarro de seguir a táctica de aforro dalguns/-as exfumadores/-as: meter no porquiño o que terían investido en cigarros para ter conciencia de canto, alén de en saúde, se perde no peto. Unha útil estratexia se fose posible atesourar o tempo.
De calquera xeito, se tedes curiosidade e vos sobran uns minutiños, dade unha volta pola nomeada páxina, a ver a graza que vos ten outorgada o implacable Cronos, divinidade de pouco fiar a xulgar polos seus gustos culinarios.
Xa contaredes.

Estamos de volta

Mal que nos pese, estamos de novo aquí, non o dicimos por atoparvos de novo, senon porque "estar aquí" implica volver ao traballo, despois destes días de vacacións. Non saberiamos dicir se o noso obxectivo está cumprido, pois hoxe é luns e é difícil medir aínda se recuperamos forzas, mais parece que o noso ánimo vai mellorando pouco a pouco, grazas, en boa medida, a este soliño que nos acompaña.
Novas interesantes que contarvos aínda non temos moitas, irémonos poñendo ao día en canto nos sexa posible. Hoxe só estamos a ralentí, pero prometermos manter a liña deste tevabuena e tamén seguir contando cos vosos comentarios, que tanto nos estimulan; por iso tamén agardamos que estes días de lecer vos servisen para todo o que vos desexamos na despedida.

quarta-feira, 4 de abril de 2007

Boas vacacións

Hoxe marchamos. Imos descansar uns días, que boa falta nos fai. Entre o que traballamos e os disgustos, non damos para máis. Non parece que ninguén teña grandes plans, @s máis imos ver á familia, a procesionar cara distintos lugares da xeografía galega. E neso estamos, así que é moi probable que o tevabuena estea pechado ata o próximo luns. Agardamos que para entón teñamos ánimos renovados e forzas repostas. Para os crentes, estes son días de recollemento, mais tamén, como din os curas cando remata a misa da festa do patrón, de "regocijo familiar". Son nestes periodos máis longos de convivencia cando se poñen tamén a proba as (in)compatibilidades consanguíneas. Nós desexámosvos o melloriño: que aproveitedes o tempo como mellor vos pareza, que collades forzas para o que veña logo e, sobre todo, aínda que dicilo sexa máis irreverente nestas datas, que pequedes canto vos pete. Cada quen sabe como sacarlle o máximo proveito á vida.


Apertas para tod@s e ata moi pronto.

terça-feira, 3 de abril de 2007

Collendo folgos

Comezamos esta semana curta un pouco desacougad@s e falt@s de ánimo -gran parte aínda recuperándose da fin de semana intensa- e non é que esteamos felices, non é que nos acostumemos, pero hai que ir recuperando a normalidade, aínda que o oquiño que nos deixou M. siga moi visible. Cada un sabe as súas, pero é evidente que hai alguén que anda especialmente tristeiro. Compartiron sala de traballo e moitos momentos que foron só seus, dos dous, no seu espazo e no seu tempo, só deles. El decidiu ocupar a cadeira que o luns pola mañá estaba baleira, tamén desacougada. Nós cremos que non é por encher simplemente o oco, senon por renderlle unha particular homenaxe á súa compañeira e preservar, dalgunha maneira, o lugar que veu ocupando nos últimos tres anos. Queremos que I. saiba que estamos aquí, que nos solidarizamos e que entendemos que é só del o sentimento que estes días nolo ten máis caladiño e máis solitario. Sabemos que precisa dun espazo e dun tempo unicamente para el.
Compañeiro, nós estamos aquí, contigo.

segunda-feira, 2 de abril de 2007

Noites alegres, mañás tristes

Pois iso mesmo, noite alegres, mañás tristes e luns algo máis lent@s do
que vén sendo habitual. Hoxe parte do equipo de
tevabuena anda un pouco disperso e un moito durmido
porque este fin de semana foi de festa continuada polas rúas de Compostela. Desculpade, pois, se nos intuídes un tanto cansas porque a festa é boa para o espírito mais non tanto para o corpo. Grazas a tod@s pola estupenda noite (a miña a do sábado que foi a que me tocou) e un aplauso ben grande para @s festeir@s que foron quen de dar a talla tanto o venres como o sábado.

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -