sexta-feira, 30 de março de 2007

O corazón cheo de buratinhos

A pesar de que dixemos máis dunha vez que limitaríamos as homenaxes que facemos desde o tevabuena esta é unha ocasión moi especial. Hoxe márchanos M., a persoa que máis homenaxes (máis que merecidos todos) recibiu desde esta nosa casiña virtual. Deixasnos o corazón cheo de buratiños, deixasnos unha sala máis baleira e un café con menos chispa. Se alguén merece que lle pasen todas as cousas boas do mundo estou ben segura que es ti, por boa, por responsábel, por traballadora, pola Manchica e polo M., por ofrecer sempre unha orella e uns minutos a quen o precisa e por ter sempre un toque de humor xusto cando fai falta, por saber estar sempre para un/unha, por amiga.

Para que saibas que en cada un de nós quedará un oquiño para ti.

Mil bicos e toda a sorte que mereces!

quinta-feira, 29 de março de 2007

Hoxe é o primeiro día

Hoxe non temos un bo día, malia que é venres, aínda que se achegan uns días de vacacións. Hoxe non andamos a pensar nin sequera niso, porque na nosa mente rebule outra idea. É inevitable cando un sentimento de tristura viña pedindo paso dende hai días para acabar instalándose aí, dentro, impoñéndose por riba de calquera estratexia de engano. Obrigando a debaterse entre o desexo e a razón: entre a necesidade de parar o tempo ou aproveitalo, verlle a cara a esa persoa, escoitala, rir con ela e facela sorrir.
Hai despedidas, que por non ser definitivas -e esta non o é- abren unha porta á esperanza. Despois disto, vén algo mellor e agardamos estar puntualmente informad@s de todo o que aconteza e se poida contar. Nós imos estar aquí e tamén ao outro lado do fío en calquera momento. Hoxe, amig@s tevabuenas, non temos o corpo para máis nada.
Querida Marta, querida compañeira:
Aquí queda moito de ti e en cada unha das persoas que tivemos o inmenso pracer de coñecerte e compartir contigo magníficos e inesquecibles momentos e outros non tan bos, pero que puidemos sobrelevar grazas a esa boa enerxía que flúe entre nós. A túa compañía fíxosenos necesaria, así que non te despedimos, que non nos dá a gana. Aquí remata unha etapa e comeza outra onde queremos seguir contando coa túa presenza.
Grazas por todo, por ser, sinxelamente, ti.

O Pastor do Leste

Por continuarmos coa fonte inesgotábel de noticias que é o fermoso país da China, desta volta imos falar do xigante Bao Xishun, que como podedes comprobar, o de xigante non é por dicir algo, senón que é literalmente certo. Ostenta, desde 2005, o récord Guinness que o proclama, cos seus 2.36 metros, o home máis alto do mundo mundial. O caso é que este bo home, xeitoso onde os haxa, consegue todo o que se propón. O primeiro foi conseguir o título de xigante oficial, e conseguiuno, non sen esforzo, someténdose a rigorosas probas que acreditaron que non mentía, que realmente era o home máis alto do mundo, así que os organizadores non tiveron máis remedio que darlle o galardón a bombo e platillo, tal e como o merecía. O seguinte obxectivo deste pastor de 56 anos, oriúndo da Mongolia Interior, foi facerse famoso, e como non podía aspirar a ser obxectivo dos paparazzi chineses por méritos propios, decidiu que China necesitaba un superheroe, así que hai uns meses se ofreceu voluntario para salvar dous golfiños en situación de transo por tragar, de forma inexplicábel, as barreiras de plástico da piscina do parque oceánico chinés onde se atopan. E tamén o conseguiu. Total, que o noso homiño xa era rico e famoso e tan só lle faltaba un obxectivo final para culminar este xiro inexplicábel na súa vida: casar. Aproveitando a súa nova situación de ídolo de masas (non hai máis que ver a foto), comezou unha campaña a través dos medios na busca dunha moza casadeira, “farto de que a súa estatura lle impedise atopar a súa media laranxa”. Ao chamamento acudiron 20 mulleres, das que saíu elixida Xia Shujian, unha moza de 29 anos e 1,68 metros de estatura con que casou tras un intenso mes de noivado, e que segundo as crónicas “lle dá polo cóbado” (en fin, que responder a isto!!). Así que agora temos ao bo de Bao Xishun completamente feliz e gozando deste novo galano que lle trouxo a vida. A pregunta é: cal será o seu próximo obxectivo? Non sabemos, claro, quizais se decante por deseñar unha nova colección prét-à-porter para xigantes repoludos, aínda que en vista do atuendo que leva na foto, mellor será que non a imaxinemos, pode ser prexudicial para a saúde.

quarta-feira, 28 de março de 2007

Por un cafeíño

Supoño que algúns/-as veriades o programa que o pasado martes emitiu Televisión Española, un novo espazo en directo con pretensións de arriscado, no que un grupo de 100 persoas fixo preguntas -non deu tempo máis que a 42 e 2 horas- ao Presidente do Estado Español sobre temas variados pero previsibles. O agardado ao día seguinte era unha crítica, non só por parte do PP, a ese optimismo desmedido do que fixo gala Zapatero -todo marcha ben e o que non marcha ha marchar, poderiamos resumir-, amais de a ese discurso típicamente parlamentario e tan seu: pesado, lento, reiterativo... Mais non, do que falaron todos os informativos, con enquisa a pé de rúa e todo, foi de que non atinara ao responder á pregunta dun cidadán sobre canto custaba un café. ZP dixo que 80 céntimos de euro e os xornalistas liáronse a preguntar por os bares para ver de medir o apegado á realidade cotiá do Estado que goberna estaba Xosé Luís. Algún aproveitou para tentar deixar en evidencia ao Sr. Presidente -como se dirixían a el os interpelantes que estaban menos nerviosos- e dixo que 3 euros con 20 céntimos -pero onde almorza ese home????- e outros, máis condescendentes, menos críticos ou nada obxectivos, depende como se mire, argumentaron que, se se calculase unha media, Zapatero tiña razón.
¡A teima na que pode converterse o feito de tomar un café! A nós cústanos segundo o día: unhas veces, 35 céntimos e outras, un disgusto.

terça-feira, 27 de março de 2007

Procreare et delectare

Preocupados pola falta de apetito sexual dun dos animais máis representativos da China, o oso panda, os zoólogos da reserva natural de Wolong, na provincia de Hunan, pensaron en empregar estimulantes que xa funcionaran con éxito nos humanos, polo que decidiron rematar coa súa apatía proxectándolle vídeos eróticos protagonizados por outros plantígrados da mesma especie e adestrándoos no uso de xoguetes que rachan coa súa monotonía e aumentan o contacto entre machos e femias. O resultado parece, a priori, moi satisfactorio, pois desde a posta marcha destas dúas excitantes prácticas, sen efectos secundarios nocivos, que se saiba, xa naceron seis pandiñas, aínda que, até o de agora, a relación causa-efecto non puido demostrarse ao cento por cento, o que é necesario antes de considerar a pertinencia de manter este programa de cine zooerótico, en versión de curto, claro, pois o macho panda só pode resistir trinta segundos en actividade, aínda que vai facendo interesantes progresos grazas ao uso da viagra -si, a mesma que toman algúns humanos- que conseguiu incrementar a duración do seu acto sexual ata máximos insospeitados -tamén para os homínidos-: vinte minutazos!!!! De ser así, a merma da poboacion desta especie, que xa diminuira ata un milleiro en estado de liberdade, tamén debido á alta mortandade dos pequenos, podería paliarse. Veremos o que resulta, pois este tipo de prácticas son criticadas baixo argumentos do tipo que esgreme o Fondo Mundial para a Natureza (WWF), que se pregunta: "¿A quen lle gustaría manter relacións ante unha audiencia?". Ocórrensenos varias respostas a nós mesm@s, pero ímolo deixar así, porque o feito é que nesa reserva xa son catro as nais que deron a luz -nun caso, ata a xemeos- e aínda ningún oso mostrou desagrado algún ante o visionado das devanditas imaxes.

segunda-feira, 26 de março de 2007

Que non!!!!

Veñen de publicarse na prensa algúns dos resultados resultados extraídos dun estudo sobre o galego actual. De todo o dito na noticia, malia que hai datos que, por obvios, serían omisibles, destacamos un: entre as palabras de uso máis frecuente na nosa lingua figura o adverbio "non", pero non atopamos por ningún lado o seu contrario. Isto lévanos a deixar aquí unha reflexión que tamén nós estamos a facer: Somos os galegos un pobo pesimista? Somos previsores e preferimos adiantar unha resposta negativa por se hai que rectificar e así poder facelo sen maiores consecuencias?; porque, a ver, se alguén che fai una proposición e dis que non, se logo te desdís, normalmente, non hai repercusións negativas -ou non tanto-, pero se é ao contrario, o risco de xerar un disgusto, un cabreo ou a retirada do saúdo é máis probable.
Agardamos os vosos comentarios, a ver se hai unanimidade á hora de xustificar esta evidencia.

Chámalle parvos

Hai uns días a xente volveuse tola facendo colas nas tendas e nas portas dalgúns bancos que abriron de madrugada para facerse con ese aparelliño, a Play Station 3, que debe facerche ata de comer, a xulgar pola tolemia que desencadeou. Meus pobres, o que non sabían é que un compatriota, lugués e opositor para máis señas, xa dera algunhas voltiñas polo Xapón e de cada vez debía traer unhas poucas debaixo do brazo para vendelas pola rede na coñecida páxina de subastas Ebay, incluso antes de que os nipóns a tiveran nas súas tendas. Este "intermediario" recoñece que esta práctica non é moi legal e a compañía Sony puxo algún impedimento ás puxas pola PS3 na rede, pois querían que o lanzamento se fixera a un tempo en todo o mundo. O que é ter visión comercial!!! Desde aquí aconsellámoslle a este galego que deixe a oposición e se dedique ao mundo dos negocios, aínda que a vida de funcionario non está nada mal e aqueles que teñen ese sentido comercial tan atinado e unha boa dose de pouca vergoña conseguen sacar tamén suculentas talladas, sobre todo cando polas súas mans pasan os cartiños que todos aportamos. Un exemplo claro púxonolo estes días a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que acusa de tráfico de influenzas a quen fora director autonómico de Industria, Enerxía e Minas co goberno de Fraga, e depaso ao seu cuñado, socio á súa vez do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e da muller e os fillos de quen é hoxendía embaixador de España ante o Estado do Vaticano.

sábado, 24 de março de 2007

Animaliño!

Non sei se lembrades que hai uns anos fixera furor un xoguete, de nome Furby: un bichiño cuxa apariencia resultaba dun híbrido entre rato, gato, morcego e moucho -¡¡¡mimadriña!!!-, que xa custaba entón un ollo da cara. O caso é que se supoñía que facía moitas cousas incribles. Aparentemente ata semellaba intelixente, e nas instruccións que acompañaban ao animaliño electrónico asegurábase que posuía capacidade para aprender a falar, partindo da súa propia lingua -o Furbish-, en calquera das linguas nas que se expresara o seu contorno. Levaba un motor interno que xeraba os movementos e un circuíto que se encargaba de controlar as respostas a estímulos externos. Algo recorda a aquelas criaturas mitolóxicas que acabaron convertidas en personaxes cinematográficos, de apariencia amable aínda que mutantes, pois todo o mundo sabía que quen tiña un gremlin debía previlo de que non lle dera a luz directamente nin entrase en contacto coa auga e que non comese máis alá das doce da noite. Pero agora que miro o Furby, non sei a quen me recorda: é pequeno, cara de listo non ten, ben parecido non é e repite o que lle din.
Eu non sei, verdadeiramente, que demo era o tal Furby, pero lembro que tiven ocasión de coñecer persoalmente a un, que chegou a ter un protagonismo inusual nas reunións familiares, ata que un día sorpredeunos cunhas desagradables emisións sonoras, das que non o sabiamos capaz: o furby tiña gases e decidira evacualos por vontade propia e sen pedir permiso.
Pasou o tempo e a novidade, e un bo día o Furby non espertou do seu soño reparador. Nunca saberei se morreu ou o mataron.

sexta-feira, 23 de março de 2007

Contactos

Para quen, por pudor ou temor á perda da súa dignidade, nunca se teña achegado á sección "buscamigos" que inclúen moitos xornais e revistas e algún soporte dixital, recomendámoslle que o faga, pois paga a pena ler algunhas das ofertas e demandas que alí se poden atopar. Reparamos esta semana na que publica unha revista de contido "rosa" -hai que ler de todo-, onde unha tal Mari Carmen colocou varios anuncios, supoñemos que consecutivos ante a falta de resposta. O primeiro di así: "Hola, soy Mari Carmen de las Palmas de Gran Canarias (sic). Tengo 60 años, soy viuda, me considero una persona coherente, de a pie, una persona que puede estar donde pueda estar cualquier universitario, aunque yo no lo sea. Soy una persona muy normalita". Inmediatamente despois volver ao ataque: "Hola, soy Mari Carmen de las Plamas de Gran Canarias (sic). Tengo 60 años. Desearía conocer una persona más o menos de mi edad, un poco más no importa. Soy una chica muy abierta, me gusta la gente bajo la normalidad (sic), no gente a lo loco, porque soy una señora". E, insistimos, na mesma páxina, volve: "Hola, soy Mari Carmen, llamo desde las Palmas, viuda, 60 años. Desearía conocer a un chico agradable, o a un señor, pues yo no tengo edad de niña. Soy muy coherente, soy una persona muy sociable, no dejaré en ridículo a ninguna persona por mi palabrería".
Home, non se pode negar que a muller ten interese e esfórzase na elaboración das súas mensaxes de SOS. Nós desexamos que a estas alturas obtivese unha resposta á altura das súas expectativas; merecer, meréceo. E tamén agardamos que a decisión de suprimir a sección de contactos de moitas das publicacións xornalísticas, sexan do tipo que sexan, non afecte máis que a aqueles que poden incitar a cometer algún delicto. Non é o caso da nosa protagonista, porque Mari Carmen só quere ser un pouco máis feliz.

quinta-feira, 22 de março de 2007

Canciño "en rose"

A Concellaría de Sanidade da Cidade das Burgas pon en marcha unha campaña para concienciar aos cidadáns dos coidados que precisan os cans e da necesidade de recoller as deposicións que van deixando pola rúas. A iniciativa leva o nome de "Canciño" e así figura nos carteis, folletos e camisetas que serán repartidos en colexios, asociacións veciñais e lugares públicos da capital ourensá. O xornal publica na súa edición en papel os detalles desta iniciativa, con declaracións da Concelleira, que afirma toda chea de razón: "Esto no es culpa de los animales, sino de sus dueños’ -¡¡¡vapordiós!!!-.
Nós adiantámosvos, malia que aínda non nos chegou a camiseta, a imaxe que publicita a campaña. Non sabemos de quen foi a feliz idea, así que por se non se ve con claridade, compartímola con vós: debuxado con trazos infantis, en tons brancos e rosa chicle, aparece un canciño coa lingua fóra ao pé dunha papeleira, onde unha man -supoñemos que quere aparentar de humano- deposita un papeliño, cuxo contido tod@s imaxinamos. De fondo, unas verdes montañas e máis próximas ao protagonista, unhas margaridas tamaño sequoia. Enmarcando esta estampa figura repetido a dereita e esquerda o nome da campaña, "Canciño"; e debaixo da imaxe, o mellor, a frase concisa que dá sentido a todo:
"Recolle as miñas cacas"

Sen comentarios.

quarta-feira, 21 de março de 2007

Quen é racista?

Custa crer -ou non tanto vendo as manifestacións cheas de aguiluchos sobre fondo vermello~amarelo- que a estas alturas calquera país receptor de importantes vagas de inmigrantes siga a ser racista. Un trinta por cento dos consultados nunha enquisa feita polo Instituto de Estudos Sociais Avanzados de Andalucía para o CSIC, admite que, falando en prata, se non lle tocan e mentres vivan debaixo das pontes das grandes ou pequenas cidades, non hai problema, aínda que, segundo @s mesm@s enquisad@s, xa comezan a ser demasiad@s. Deben ser estes os que cren que quen decide saír do seu país para viaxar en condicións infrahumanas sen un peso no peto, exposto a morrer ou a ser devolto ao punto de partida, vén roubar e quitar postos de traballo. Hai quen di que non é racista, pero que se lle fai costa arriba ter un negro, un chinés ou un latinoamericano como xenro, cuñado ou en calquera grao de parentesco ou veciñanza -¿como se lle chama entón a iso?-; mais parécelle ben que co seu esforzo contribúan á economía e coticen á Seguridade Social para que estean garantidas as pensións de xubilación e outros beneficios que xestiona o estado español. Pero se @ fill@ d@ esforzad@ contribuínte ocupa un pupitre na mesma aula có seu "ario retoño", ai, amigo, aí tocamos óso.
O resto d@s enquisad@s, parece que non ten problema ningún, pero como o movemento se demostra andando, e é natural que as unións de calquera tipo entre individuos de distintas razas se vaian poñendo á orde do día, veremos se realmente somos tod@s tan abert@s e tolerantes, e resulta que é verdade que @s que prefiren ir no bus de pé antes que sentarse ao lado dunha nixeriana, un peruano, unha paquistaní ou un nativo do Magreb son só @s mesm@s que bambean o aguilucho polas rúas ao berro de ¡Viva España!.

Cultura Cen

Non vos riades, que é cousa seria isto da “Cultura Cen”. Desta volta, non se trata dun bazar chinés, senón que o invento vén, como non, do Xapón, tan adiantados como están en fornecer o mundo de cousas curiosas. Ao que nos invitan agora é á auriculoterapia, ou á práctica de nos deixar escaravellar nas orellas como técnica de relaxación. Non sabemos canto tardará en chegar a estes nosos lares un invento de tanta transcendencia para a humanidade, mais temos moita curiosidade por coñecer en carnes propias os beneficios, cando menos psicolóxicos, desta práctica que parece ser que causa furor entre os executivos nipóns. E nós preguntámonos se non sería por causa de técnicas coma esta (a relación que lle atopo xa xulgaredes vós se é san ou non) que gozamos hoxe do verbo sabio e arrebatador do emérito Carlos Marcos, de que fai alarde (caendo, quizais un bocadiño, no pecado venial da fachenda –Carolus, ego te absolvo–) no anuncio da Axencia de Comunicación «INCO» (léase precampaña encuberta do P.G.), que sen nengunha dúbida pasará aos anais da “Teoría da Comunicación” nas Facultades do mundo mundial que se precen, porque xa se sabe que entre as virtudes elevadas deste home está a de facer da linguaxe “una forma Cen-cilla de comunicación”.

terça-feira, 20 de março de 2007

Primavera

A estas alturas deberiamos ter un tempo para, ao saír do traballo, marchar á praia ou tirarse en calquera campo verdiño por aí a tomar o sol, pero parece que ningunha destas actividades pode estar prevista para estas xornadas, porque é máis ca probable que, xusto no momento en que comece a entrarche esa modorriña que te ataca pracenteiramente cando non tes nada que facer nin está previsto que o teñas nas próximas, mínimo, oito horas, che caia enriba o diluvio universal. Meteogalicia anuncia para o primeiro día da primavera intervalos nubosos con chuvascos febles e intermitentes e unha temperatura máxima que non vai superar os 10º C. ¡¡¡¡Esto non é primavera nin é nada!!!!. E, por riba, este mal tempo non é excusa para deixar de padecer os síntomas do que se denomina "astenia primaveral", iso que nos ten a tod@s cans@s, case esgotad@s e falt@s de enerxía, algo tristeir@s, medio insomnes e ata xaquecos@s. Din que para paliar estes efectos cómpre durmir canto o corpo pida, facer exercicio e alimentarse o mellor posible, aumentando as doses de produtos enerxéticos, entre eles, o chocolate, que parece que é boísimo para isto tamén. Así que nós imos encher a nosa pequena despensa, por se a iso das 11 (o'clock) o desánimo vén por nós, que non corren moi bos tempos para ledicias, despois e en vésperas de tantas e tan sentidas despedidas.

segunda-feira, 19 de março de 2007

Propósito de enmenda

¿A ninguén lle soa iso de "vale, chámote e quedamos, eh?, e se non, chama ti, pero quedamos fixo, a ver se nesta semana e se non, na que vén"?. Si, todos o dixemos ou o escoitamos en máis dunha ocasión, e ¿que porcentaxe das veces que nos enredamos nesas promesas levamos a bo termo o noso compromiso? Sendo franc@s, menor da que debería -a nosa querida Píntega sabe ben do que falamos- e quixeramos facer un propósito de enmenda pensando no futuro próximo e nas celebracións que se aveciñan, xa que o noso prezado compañeiro A., que o segue sendo e de cando en vez vén sementar a discordia e a rivalidade entre as féminas que disputamos as súas atencións, acaba de ser Licenciado por segunda vez, e a nosa benquerida I., á que xa felicitamos aquí polo premio máis que merecido que recibiu hai pouco, ten a súa tese saídiña do forno xa para depositala e defendela o vindeiro mes de xullo.

!!!!!!!Parabéns tevabuenísimos a os dous!!!!!!!

O primeiro pídenos que fixemos a data para celebrar o seu éxito e non conseguimos poñernos dacordo: que se esta fin de semana eu non estou, que se a que vén eu xa teño plans..., en fin, que aí andamos, entre admitir que as nosas formas de vida non nos permiten sincronizarnos, aínda que sexa un so día, fóra do horario de traballo, e facernos cargo de que é propio da condición humana priorizar o que ás veces é secundario -aquí entoo o mea culpa por múltiples débedas contraídas e non saldadas-. Non perdemos a esperanza en conseguilo, se non é neste ano, a ver se no próximo, en Compostela ou na nosa soñada viaxe á Manchica. Onde queira que sexa, malo será que non nos atopemos, é cuestión de buscarse.

Excitantes naturais

Moito se ten falado das propiedades que se lle atribúen ás máis de 600 substancias químicas contidas no chocolate, algunhas delas parece que ata teñen efectos curativos: prevén contra o cancro e as enfermidades cardiovasculares, protexe o sistema inmunolóxico grazas ao seu alto contido de flavanoide, fósforo, magnesio, ferro, potasio, calcio, vitamina E, tiamina, riboflavina, cafeína, teobromina e taninos... Pola contra, nin engorda nin debe asociarse coa aparición do acné xuvenil. De tódolos xeitos, o empeño da cultura occidental en convertelo nunha especie de "froito prohibido", fíxoo aínda máis desexable -que llo pregunten a Cerrepiache-. Sen dúbida ten algo de místico e irresistible, pode ser pola súa textura cremosa cando o tomamos á taza, quizá tamén pola súa cor e a súa dozura, o seu rico sabor e ese arrecendo inconfundible. Todo iso xunto aviva os nosos sentidos, todos eles, polo que algúns grupos relixiosos prohibiron o seu consumo. Xa os aztecas consideraban o cacao como un afrodisíaco e son moitas as lendas que lle atribúen a capacidade de "animar á alma a sorrir" dende o comezo do seu cultivo, que se remonta ás civilizacións mesoamericanas, en concreto os olmecas, aínda que a verdadeira veneración foi a que lle profesaron os maias, que consideraban as vaíñas da árbore do cacao como regalos dos deuses e usábanas nos rituais relixiosos, quedando restrinxido o seu consumo ás persoas que ostentaban os grandes poderes.
En definitiva, o chocolate estimula a sensualidade, desinhibe ao más tímido, relaxa todo o corpo e serve como afrodisíaco.
Hoxe que o día non está para outra cousa e que ademais é luns, propomosvos que sos ou en boa compañía degustedes, en calquera das súas variantes, unha boa dose de chocolate e que sexa o que deus queira.

domingo, 18 de março de 2007

Homes con saia

Pedíannos desde a veciña Pirámide unha proposta para o novo uniforme masculino, como vimos de facer coas féminas que rondan o tevabuena. Non é nosa a idea -mais dámoslle o noso apoio incondicional- senon de InterMIS, ou o que é o mesmo, da nova Comunidade de Internet que reúne a todos aqueles homes que avogan polo dereito a usar saia, rachando así coa distinción de xénero á hora de vestir. O movemento MIS (Men In Skirt) estáse a estender por todo o mundo, afanado en sumar adept@s para lograr a súa meta: unha maior liberdade e variedade na moda do home, incluíndo a opción de vestir saias.
Agarden aqueles lectores/-as prexuizos@s, pois a tal indumentaria non vai ligada a un determinado tipo de orientación sexual ou ao coñecido fenómeno da metrosexualidade; non, proponse como un exercicio de liberdade. Acaso non censuramos a prohibición imposta non hai tanto pola Falanxe, que advertía a través dunha das institucións máis perniciosas para o desenvolvemento intelectual da muller, a Sección Femenina, de que o seu uso podía "provocar malos pensamientos en el sexo varonil con las formas femeninas puestas en evidencia", entre outras xoias panfletarias? Pois agora son moitos os varóns que reclaman o seu dereito a vestir esta prenda tradicionalmente feminina, pero tamén usada polos homes noutras épocas e nalgunhas culturas actuais máis ou menos próximas (túnicas árabes ou visigodas, togas greco-romanas, saios ou saias medievais, pareos asiáticos, kilt escocés...), e as mulleres debemos apoiar esta iniciativa. Por iso propomos a saia como uniforme estandarizado para os nosos compañeiros, en cuxa solidariedade confiamos cegamente.
Agardamos as vosas opinións.

sexta-feira, 16 de março de 2007

Uniformes

Distinguímonos por moitos motivos, pero sucumbindo ao propósito "unificador" tan do gusto das altas esferas, andamos pensando nun uniforme que sexa marca da casa, tendo en conta que somos maioría feminina (para eles será noutro momento). Pensamos primeiro en ataviarnos ao modo das nobres damas medievais, pero pareceunos varrer para unha soa casa; ocorréronsenos logo outras propostas, que quizáis non debamos detallar aquí, pero finalmente maquinamos na posibilidade de actualizarnos, despois de ter coñecido o "último berro" no Xapón, unha moda indescritible que causa furor entre as adolescentes niponas, coñecidas como "lolitas góticas" ou EGL (’elegant goth lolita‘), e que ten, segundo os que xa comezaron a estudar tal femómeno, as seguintes motivacións: “A xuventude feminina sempre foi emocionante para os máis vellos varóns xaponeses e a inocencia de parecer unha nena pode subxugar a estas mulleres, debido ao grande alcance do seu encanto sexual pero tamén porque representa unha forma de fuxida para elas. A atención que estas mulleres conseguen debe facer que se sintan especiais".
Ímolo pensar, porque realmente os encantos do tipo que aquí se describen sonnos innegables, formas de fuxida temos abondas e tamén conciencia de seren especiais, malia que o do paraugas como complemento habitual énos familiar. Iso si, o que non temos é nin modestia nin avoa.

quinta-feira, 15 de março de 2007

Parabéns


Hoxe estamos de festa -para compensar- pois celebramos o xxxx aniversario da nosa Presidenta de Honra.

Tod@s @s tevabuenas desexámoslle moita felicidade hoxe e no porvir.

Grazas pola túa compañía necesaria.
Saúde e sorte!!!! (ah, e apertas terapéuticas).

E tiña razón...



Alguén sabe por onde anda o ex-conselleiro Pérez Varela? Pois hai que dar con el e recoñecerlle o erro tan estendido: si existía a tal Carmiña, si levaba a Galicia no corazón. Que ignorancia a nosa!!!! No nome de tod@s @s galeg@os, Sr. ex-conselleiro, tiña vostede razón!!!!!

segunda-feira, 12 de março de 2007

Climaterio masculino

Ben é certo que até agora só se falaba dos cambios fisolóxicos que afectan á muller a partir de certa idade, o que se coñece como menopausia, pero comezan -xa era hora- a ser cada vez máis numerosos os estudos sobre o climaterio masculino, nomeadamente andropausia ou, máis comunmente, pitopausia. Non é por afondar na chaga, pois é unha evidencia que os homes viven este declive de maneira máis traumática cás mulleres, pero ao mellor a moitos élle útil este post para atopar as causas que expliquen determinadas reaccións estrañas nunca antes experimentadas.
Pois ben, alá imos. Xunto a outras mermas das funcións fisiolóxicas, a partir dos 55 anos, máis ou menos, o home comeza a perder a potencia e o interese sexual (ou líbido), que leva parella a manifestación de cambios emotivos e do estado de ánimo de forma inesperada, debido á perda das hormonas androxénicas e á diminución da produción de testosterona.
Mantendo o noso espírito altruista, imos deixar aos tevabuenas este pequeno test, extraído novamente das nosas fontes, que, insistimos, só pretende axudar a detectar a verdadeira natureza do problema, no caso de existir:
-Ten vostede necesidade de mercar cousas grandes das que logo facer gala?
-Está vostede inexplicablemente irritado?
-Di cousas incoherentes e faltas de reflexión?
-Fáltalle iniciativa para crear novos proxectos?
-Cre que esquece con facilidade as cousas que di?
-Finxe ostentoreamente un desexo sexual irreprimible e non selectivo?
-Fíxase de maneira especial en mulleres moito máis novas e de xeraquía profesional inferior á súa?
-Ten problemas de agudeza visual?
Se vostede, lector do tevabuena, respondeu afirmativamente a estas oito cuestións, desengánese, ou é xefe ou os seus días de fogos artificiais están contados.

Saudable cambio de valores

Que os casamentos non eran boa cousa, hai tempo que se vía vir. A xente asina o papeliño, mais cando toca rachalo, xunto aos inconvenientes sentimentais, tanto se non se deixou de amar, como se se chegou a odiar, están os pecuniarios. Canto custa divorciarse?, pois depende, pero sae por un pico, e se non se tomou a precaución de facer separación de bens, todo se volve un sindiós. Os que aínda se querían, acaban por querer matarse; os que se odiaban abondo, non se queren nin ver. E se hai fillos polo medio, acaban convertidos en goma de mascar, todos a turrar deles en sentidos opostos.
Houbo unha sensible diferenza no número de divorcios coa entrada en vigor da nova Lei en 2005, polo que só nos primeiros meses do 2006, 6.000 matrimonios galegos divorciáronse, un 48,2% máis con respecto a todo o 2004. O número de ruturas, logo, é inversamente proporcional ao número de contratos matrimoniais. No mesmo período, diminuiron de 4,42 unións por 1.000 habitantes a 4,03.
Non é o amor o que está en crise, non, pero si se produciu un cambio no sistema de valores da sociedade galega, e agora faise valer -non era sen hora- iso de que "o amor é eterno mentras dura". Sentimento e contrato semellan por definición incompatibles. Xa que amor non entende de convenios, sería preferible deixarse sentir sen máis antes que comprometerse ao que non se desexa, porque se pode amar de moitas maneiras, tantas como sexan imaxinables.
Xa o dicía a letra daquela canción: "Eu querer, quéroche ben, eu téñoche admiración, pero casarme contigo, non mo pide o corazón".

sábado, 10 de março de 2007

Día da clase obreira galega

Seguindo con marzo, que parece ser un mes dado a estas cousas de dedicar días, e aínda que a min persoalmente o dos días me pareza en ocasións unha tontería, non podía deixar pasar o día 10 de marzo sen unha lembranza, por pequena que fose, da data que se celebra. Entre outras cousas porque cada vez máis se está a facer evidente que clase de "días" e celebracións interesan en xeral aos medios, aos grupos de poder, etc e cales outras se van deixando de lado, até o punto de que un número importantísimo de galeg@s descoñece a súa existencia.

Celebramos o 10 de marzo o día da clase obreira galega en recordo e homenaxe a dous traballadores dos astaleiros de Bazán, Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García, asasinados por disparos de bala da policia o 10 de marzo de 1972, cando os traballadores da empresa estaban a manifestarse, desesperados pola situación en que se atopaba a negociación do seu convenio laboral. A intervención policial produciuse cando os policias cortaron o paso dos 4.000 manifestantes que de dirixían á cidade de Ferrol para facer partícipe á cidadanía das súas reivindicacións. Entre estas estaban o dereito a percibiren integramente o seu salario en caso de enfermidade ou accidente, a xornada laboral de 42 horas semanais e o dereito a un mes de vacacións e a ter un local de reunión, xa vedes, e non hai tanto tempo disto.

Por iso, desde aquí, queremos humildemente lembrar aos compañeiros mortos así como aos máis de 40 feridos naquela brutal agresión, tamén a tod@s os traballador@s ferroláns e vigues@s que fixeron que aqueles días remexesen nas conciencias de máis de un. Que polo menos non fose completamente en balde.

sexta-feira, 9 de março de 2007

E logiño!

Dentro da campaña do E logo!, que vén de pór en marcha a Secretaría Xeral de Política Lingüística, enmárcase unha nova, dirixida @s potenciais galegofalantes que aínda veñen polo camiño, a fin de impulsar o uso do lingua desde o berce. Parece que o SERGAS, que colabora na devandita acción, é quen distribúe un maletín entre as preñadas para animalas a que lle falen aos pequenos en galego -non sabemos se hai que agardar a que nazan ou xa se lle pode ir falando antes para que acostumen a orella. Pero atención, futuros pais, non pidades aínda a cita, porque ata abril non hai maletiña, que, por certo, vai completa: un minidicionario de nomes galegos, un dítico con letras de nanas tradicionais, un disco compacto de cantigas de berce de varios autores e distintos estilos, e un diario de xestación (algo así coma un álbum deses que logo os pais se empeñan en ensinar cando os fillos son adolescentes e traen amigos á casa).
E se o neno sae Bisbal, a campaña ten maior cobertura, pois outra das accións da devandita Secretaría, dentro da ambiciosa "En galego tes todo por dicir: E logo!", fomentará o uso da lingua entre as orquestras e en festas populares (ollo, haberá premio para o que diga "Xirarei como a roda do muiiiiiiño" en lugar de "Sirarei e sirarei e sirareeeeeei"); e tamén nos grandes centros comerciais, onde se levarán a cabo actividades para os máis pequenos.
No kit que garda a maletiña, chegamos a pensar que habería un dispositivo de tradución simultánea, por se logo hai inspecións, non vaia ser que "el Breixo o la Xiana se te pongan a hablar el castellano delante de la gente de la Junta".
TEVABUENA!!!!!

Para ti...

Seguindo coa nosa liña de homenaxes, que hai algún tempo que tiñamos aparcada, hoxe queremos render a nosa particular a unha persoa ben querida por nós e á que levamos tempo querendo nomear aquí, pois cónstanos que é asídua lectora do tevabuena. Referímonos á nosa alegre e simpática melidense que nos ten feito pasar moi agradables ratos e alenta os días que son menos bos coa súa presenza. É unha desas persoas que deben existir para que poidamos seguir confiando no que Martí chamou "o melloramento humano", especialmente cos tempos que corren. Ten outra virtude e é a discreción, a que é propia da xente loitadora, sensible e cercana, pero entendida dende a implicación e a solidaridade, dende unha proximidade afectiva saudable, sempre profesionalmente rigorosa e competente.
Se le esto, que o lerá, a estas alturas confiamos en que saiba que estamos a falar dela e que con este post queremos darlle as grazas pola súa fidelidade ao tevabuena e a súa afabilidade no día a día, algo que cando nos toque marchar, botaremos en falta sen dúbida.
Para ti, que mereces un como o da fotografía rondando pola túa cociña de pratas e verdes acantos, apertas terapéuticas, saúde e sorte.
(Eliximos a un home do país, o que se pode deducir porque o que frite son pementos de Padrón!!!!!!!!!! ja, ja, ja).

quinta-feira, 8 de março de 2007

Apertas terapéuticas

Conscientes de que podemos provocar un verdadeiro problema, porque ao mellor imos dar ideas a algún coñecido "sobón", contámosvos aquí o que moit@s xa saberedes, e é que o contacto físico é terapéutico. Estudos centíficos demostran que abrazar e sentirse abrazado ten efectos curativos, pois tranfire enerxía e é un estimulante emocional; pero ollo, isto é como as doses vitamínicas, xa que precisamos un mínimo de catro abrazos ao día para sobrevivir, oito para manternos e doce para medrar. Co abrazo exercemos un contacto masivo sobre a pel, que recibe así a masaxe que precisa.
Este xesto tamén ten unha aplicación comunicativa -fundamental- que ademais é interactiva, no caso de haber acordo entre os que se estreitan. Unha marabilla!!!! Non sabemos se cambiar o tai-chi que propón Cerrepiache por sesións de apertas (selectivas, claro, e en horario prefixado).
Os estudos citados din que que nos toquen non só é bo, senon absolutamente necesario, pois o contacto e a estimulación son precisos para o noso benestar emocional e físico. De feito, o tacto estáse a aplicar, polo que parece, en centros médicos para reducir a dor, a depresión e a ansiedade con excelentes resultados. Os experimentos científicos demostraron que o contacto físico pode facernos sentir mellor e os cambios que os abrazos exercen sobre a nosa saúde poden ser incribles, desenvolven a intelixencia nos nenos e estimulan o seu crecemento. Isto dános unha pista de por que hai algunha xente tan revirada, quizáis xamais ninguén tivo desexos de darlle un abrazo.
Xa avanzabamos que esta excusa pode ser perfecta para todos aqueles que tocan onde e cando non deben, por iso alertamos dende o tevabuena, facendo uso das nosas fontes, alleas ao devandito estudo, de que se @ potencial receptor/-a do abrazo non desexa recibilo, dálo seguro que crea impotencia...

quarta-feira, 7 de março de 2007

Día da muller traballadora

Coma sempre, fáltannos 364 días de recoñecemento a todas as mulleres traballadoras.
Desde aquí vai o noso: ás valentes, ás que loitan soas, ás que saen cada mañá da súa casa para traballar e non volven ata a noite, ás que deben elixir entre pasar tempo cos seus fillos ou chegar a fin de mes, ás que sofren unha vida enteira para acabar morrendo a mans dos homes aos que amaron, ás que lle tocou en desgraza nacer alí onde a pobreza afoga, ás que teñen que vender os seus corpos de recén paridas para alimentar aos seus fillos, ás que abriron o camiño para acadar o que hoxe temos, ás nosas nais, sufridoras desconcertadas algunhas, porque todo xira moi á présa e esa forza centrípeta separou os nosos mundos; ás avoas que coidan os netos, ás que nos axudan cada día, ás compañeiras de calquera andaina, ás mulleres solidarias e, por suposto, a todas as tevabuenas.
É aos homes que nos acompañan, que loitan con nós, que nos respetan, nos valoran, nos estiman e nos aman, tamén o noso recoñecemento e gratitude.

terça-feira, 6 de março de 2007

O home actual

Para tod@s @s tevabuenas que se sintan atraíd@s ou interesad@s polo sexo masculino, sentímonos na obriga de revelar o verdadeiro perfil do home actual. Para quen aínda crea que os homes, en xeral, só pensan no fútbol e no sexo, que descoidan os seu aspecto físico, que son menos previsores de cara ao futuro e que o traballo é o que máis lle importa, aquí vos deixamos estes reveladores datos, tirados dunha enquisa levada a cabo no marco dunha campaña comercial nomeada "¿Que teñen os homes na cabeza?". Así pois, o home actual nin está obsesionado co fútbol, nin sempre fala de sexo cos amigos, e cando se fixa nunha muller, no primeiro que repara é nos ollos e especialmente nos das morenas. Entre os 26 e os 35 anos a súa prioridade é formar unha familia. O que máis valora das mulleres é, por esta orde: intelixencia, afectividade e sentido do humor, así, o físico non é importante para eles nin moito menos determinante para unha segunda cita. Seguimos, que non damos crédito. A impotencia sexual non é a súa maior preocupación, por diante están os quilos demais, a alopecia e as marcas da idade no rostro, e esméranse especialmente no coidado do seu cabelo, que perden as máis das veces atribulados polas súas preocupacións máis urxentes, a saber: familia, parella, traballo e vivenda, todas elas importantes para o seu futuro, cuxas espectativas están postas, en primeiro termo, en formar unha familia, e logo, na súa formación profesional.
¡Que enganadiñas, mulleres do mundo! Se seguimos nesta liña, ata vai ser verdade ese tópico reproche de que os homes non falan máis porque as mulleres llo impiden.
Reflexión para as mulleres tevabuena: ¿será o prototipo de home actual o misterioso "Tesitura"?

segunda-feira, 5 de março de 2007

Dereitos fundamentais


Non hai cousa peor para a saúde que gardar a rabia dentro, pero ás veces é imposible poder dicir o que se pensa, e non porque falte a razón, porque non nos acolla un dereito. Iso acontece, por exemplo, cando os que estamos aló, non chanzo máis baixo dunha pirámide, que nin se sabe como resiste do mal construída que está, padecemos as consecuencias de exercicios de poder arbitrarios. O dilema entre falar ou gardar silencio convértese entón nunha ameazante espada de Damocles.
Calar pode non ser solidario, hai que buscar entón una forma de facerse oir que nos defenda, un mecanismo consensuado para deixarse sentir e que á vez poida mostrarse como exemplo de que as cousas poden facerse mellor, que o rancor é mala cousa e o despotismo peor aínda. As preguntas retóricas, cando de dialogar se trata, son máis indignantes que o silencio. De nada serve interpelar cando non se queren respostas, é inútil impoñer se se predica co exemplo contrario: "fai o que eu diga, non o que eu faga". A ignorancia é atrevida, máis aínda, temeraria, e os complexos fan ás persoas pequeniñas, moralmente minúsculas e desprovénas desa autoridade da que se revisten cada mañá, porque do día anterior non quedou nada, era tan feble..., e se a iso se une a mala vontade, non queda nada que poida salvarse.
Estamos convencid@s de que as cousas se poden facer menos mal, que aínda queda unha esperanza, pero hai que saber escoitar, que ás veces apréndense moitas cousas mantendo os sentidos espertos, porque pasa a miúdo que nos escoitamos tanto a nós mesm@s que quedamos xord@s para canto nos rodea.

Esa dobre moraliña

Damos conta da noticia -escandalosa para uns, divertida e desinhibida para outros- de que Cayetana Guillén Cuervo, presentadora de dous espazos de fortuna desigual, Versión española e De Calle, apareceu neste último fumando e facendo rular un porriño ao que acompañaba cun copazo ben cargado, e tan feliz. Para algúns, afán de protagonismo e intención de captar a audencia, que ao parecer non ten, con estas escenificacións epatantes un pouco trasnoitadas; para outros, unha "de perdidos ao río"; e para as en ocasións susceptibles asociacións de espectadores, algo intolerable ao considerar que fixo apoloxía das drogas desde o ente público, ao que lle piden a retirada inmediata do espazo en cuestión. O caso é que @s menos nov@s recordamos que hai algúns anos -entre as dúas ditaduras- había gran cantidade de programas nos que o consumo de drogas, no sentido extenso da palabra (tabaco e alcol) eran habituais, pero esta nosa sociedade anda agora un pouco despistada e escandalízase co que non debera. Somos capaces de seguir deglutindo o xantar mentres na televisión estamos a ver corpos descuartizados, "efectos colaterais" dunha guerra ilegal, á que segue unha cruenta e interminable posguerra, mulleres mortas ás mans dos seus homes un día si e outro tamén, nenos aos que dementes canallas roubaron a infancia, mentiras sobre o mundo e falsidades que nos convén crer para que a nosa conciencia non perturbe esa sesta que levamos desexando desde que soou o espertador pola mañá.

domingo, 4 de março de 2007

A dereita espida

Coa decisión do goberno de Zapatero de atenuar a condena a Iñaki de Juana Chaos, vemos á dereita española máis espida ca nunca. Convocan e bótanse á rúa comandados por Sáez de Inestrillas e Blas Piñar. Despois de saír da misa diaria polas almas dos ditadores, xúntanse as vellas e as novas forzas máis reaccionarias e son todos uns. Case meterían medo se non fose porque son pouco máis dun puño ou dous e algúns xa estaban cando Franco entrou en Madrid, o que pasa é que berran moito, aínda que mal. Quizáis do que habería que preocuparse é dos máis novos, e aí debe incluirse aos "pinpíns pepeiros".
Aínda a esquerda non acena, xa están na rúa protestando, as máis das veces contra o que eles mesmos fixeron nos oito anos que durou o seu traumático mandato: barcos con vertidos no medio do mar, envío de tropas ao Oriente, negociacións con ETA, concesións aos presos desta organización... Agora están amnésicos, non lles soa nada de nada.
Non podería imaxinarse unha oposición máis lamentable e perigosa, baixo a bandeira, máis temible se cabe, da unidade nacional española. En nada temos eleccións e a esperanza está en que aínda queden sensatos nas filas da dereita que manteñan a cordura e empecen a temer tamén pola súa integridade, en Galicia, en España ou en calquera lugar onde existan personaxes deste ananismo espiritual tan daniño para unha democracia.

sábado, 3 de março de 2007

O blog de deus

Lestes ben, parece que deus ten un blog. Imaxinades que quen tal cousa toma como fonte fiable ten procedencia ianqui. Trátase de Conservapedia, unha páxina que xorde, segundo o seu director, como unha alternativa á popular Wikipedia, á que considera "tendenciosa, anticristiana e antiamericana".
Aí vos deixamos algúns exemplos do contido da devantida web, que ten como obxectivo "ser un recurso para o público en xeral, pero sen os defectos da Wikipedia":
Comunismo: “É un goberno no que o Estado é o dono de todo e a riqueza divídese entre os cidadáns. Os comunistas cren que se comparten todo, ninguén terá que traballar nunca. É un goberno ateo que non cre en Deus senon so no "Estado" coma o máis supremo da terra".
Newton: Morreu virxe despois dunha vida de solteiría.
Descartes: Renee Descartes foi un filósofo francés, probablemente o filósofo máis grande de tódolos tempos (aínda que Kant, Aristóteles e Ayn Rand tamén optan a ese título).
Homosexualidade: atracción que senten dúas persoas polo mesmo sexo. [E engade citas do Antigo Testamento]: “Non xacerás cun home como cunha muller; é unha abominación” . “Se un home xace cun home como cunha muller, os dous fixeron algo detestable. Deben ser castigados coa morte. O sangue caerá sobre as súas cabezas”.
Na entrada que corresponde a Xesús di que é “o 'papá' de Deus”, e que este “revelou no Seu blog que Xesús é en realidade o seu sobriño”.
Non sabemos se terá os mesmos defectos cá Wikipedia. Chéganlle ben cos seus propios.
Estámosche bos!!!!

sexta-feira, 2 de março de 2007

O abuelo Manolo xa volveu de Bernidorm

Pois parece que seguiu as nosas recomendacións e o abuelo Manolo marchou dar unha volta polo sur a coller un pouquiño de enerxía solar, que ben se lle nota. Non lle dera tempo a poñer o chuvasqueiro cando posou para este retrato, ataviado aínda co seu xersei mariñeiro, mestura entre o entrañable Chanquete e o Capitán Pescanova, e uns xuvenís vaqueiros. Deportivo á par que elegante. Tan cheo de vida -non coma a exposición taxidérmica que ten de fondo- aínda ten moitas excursións por diante don Manuel. Non se sabe a onde será a próxima, quizáis un cruceiro entre Valencia e Ibiza, aínda que non nos parece a illa máis axeitada para recalar o ex-presidente. Mallorca sería sen dúbida mellor, alí goberna o PP e aínda quedan gaivotas azuis. Neste lugar tamén se dan cita outros que tamén foron presidentes e que tiveron que deixar o cargo ben contra a súa vontade, así que estarían moi contentos todos xuntos, sós e illados. E nós, de paso, tamén.
E logo!!!

quinta-feira, 1 de março de 2007

E segue a chover e non para

Nunca choveu que non escampara, dicimos a miúdo, cando as cousas se nos complican pero seguimos confiando en que se arranxen. Vaiamos agora ao sentido literal da frase, do que xa empezamos a desconfiar. Chove seguido, ás veces miudiño; con frecuencia, violentamente, zoa o vento, o ceo está gris e pésanos coma o chumbo. Durmimos mal, estamos de peor humor, imos á présa a tódolos sitios para fuxir da choiva... Non se nos pode negar unha incrible capacidade de resistencia. Alguén acostumado a un clima seco e soledado non sobreviviría a un inverno aquí. Resignación, querid@s tevabuenas, paciencia e a aguantar, porque pouco podemos facer, agás poñer o que estea da nosa parte para non crisparnos en exceso cos veciños, sexan do tipo que sexan, estean por riba ou por baixo, á beira ou ao outro lado. Algo se está a ver tamén polo espazo que a maioría compartimos. Acabaremos sendo uns ciclotímicos meteorolóxicos? Non é por desanimar, pero as predicións din que non vai parar nos vindeiros días. Haberá que buscar outras alternativas para mudar os nosos ánimos: bolachas de chocolate e mezcla, revoltos, potaxe ou "pispejo", que algo consolan. E se alguén atopa na arte un estímulo verdadeiro, gozará coa bela canción que a inefable artista brasileira Sônia Rocha dedica a Leonardo Da Vinci. Pensamos que algo ha ter que ver con este tempo do demo.
Ánimo!!!!

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -