quarta-feira, 28 de fevereiro de 2007

O abuelo Manolo

O vicepresidente do goberno galego insiste en coidar e mimar aos nosos maiores e fai ben. Vaille montando festiñas como as da terceira idade, na que se dan cita os xubilados galegos en distintas vilas. Alí comen polbo á feira e carne ao caldeiro e botan unhas peciñas ao agarrado, animados polas cunquiñas ben cheas de barrantes.
Outra das actividades preferidas dunha boa parte dos menos novos son as vixes que lles ofrece o IMSERSO, nas que a xente goza realmente, malia ter que andar a fume de carozo -sete cidades en tres días- e verse tentados a investir unha porcentaxe importante das súas "limitadas" pensións en mercar cousas inservibles, que empresas "especializadas" lle presentan con habilidade sospeitosa. Cada vez son máis os que se apuntan a estas excursións, aínda que os rumores de que o goberno estaba a levar a cabo unha estratexia xerontocida -tan descompensada estaba a porcentaxe entre contribuíntes e perceptores de fondos públicos- estivo a piques de polas en perigo.
Agora que as cousas están máis tranquilas e aquí non para de chover, quizáis se anime tamén o abuelo Manolo a dar una voltiña polo sur: Benidorm, Roquetas de Mar, Fuengirola...
Na imaxe aprézase a súa boa disposición: coa viseira e o caxato vese disposto a percorrer quilómetros de paseos marítimos e tendas de souvenirs. Como moitos estabamos desexando que puidera descansar por fin, animámolo a que goce agora das doces meles do tan ansiado retiro.

terça-feira, 27 de fevereiro de 2007

Vivir na Coruña que bonito é


Estou segura de que día a día vivir na Coruña se convirte en algo máis bonito, máis entretido e cheo de emocións. Desde logo o noso novo alcalde (mesmo can...), seguindo a memorábel estela do seu mentor romano, non deixa de buscar por todos os medios novas fontes de distracción para tod@s @s coruñes@s. Aínda que marchara Paco Vázquez parecía evidente que "Losada" non deixaría de levar a cabo os fantásticos proxectos cos que este adornaba a nosa cidade, un deles é o ascensor do Monte de San Pedro; porque como tod@s os tevabuenas sabemos non hai moitas formas mellores de subir un monte que nun magnífico ascensor de cristal, redondiño, con pinta de ser unha especie de oviño que sube e baixa a aba do monte. Pois tan contento está o novo alcalde co proxecto que anda a pasearse por el e claro, xa se sabe, tanto vai o cántaro á fonte... que ao final "Losada" queda pechado dúas horas no ascensor e remata subindo o monte a pé, así co método de toda a vida. Dado este magnífico funcionamento comprendemos ao fin o porqué de facer un ascensor de cristal, así, se quedas pechad@ polo menos podes ver a paisaxe da costa coruñesa e, o mellor de todo, tamén te poden ver a ti, o que non sabemos é se devolveran os 3 euros que parece ser que costará subir nel. Non está nada mal o aparatiño este que costou 3.5 millóns de euros, realmente nada en comparación con outros gastos que decoran a cidade como o magnífico tranvía ese no que nin os turistas queren subirse.


Visto o visto, o novo proxecto de facer unha ponte entre Santa Cristina e A Coruña tampouco ha de ter desperdicio. Por certo, que na Coru temos tamén tele propia...


segunda-feira, 26 de fevereiro de 2007

A última oportunidade?

Recolle na contraportada de hoxe o xornal coruñés La Opinión unha destas iniciativas que, ultimamente, veñen sendo cada vez máis habituais. Trátase da celebración dunha "caravana de mulleres" (tal e como son coñecidas popularmente aínda que moitas delas inclúan tamén homes) para conseguir que se formen novas parellas e que pequenas aldeas non desaparezan. O conto nesta ocasión sucede nunha aldeiña de 359 habitantes situada na serra de Gredos e que ten o exótico nome de Hoyocasero que polo visto conta con 70 solteiros e 3 solteiras.

Acontece neste caso que aos paisanos do lugar non se lles ocorreu cousa mellor que recibir as mulleres cunha faixa que rezaba "Ya están aquí las palomas". Elas, arredor de 150, foron convocadas, segundo contan en Hoyocasero, para fixar poboación e evitar que peche a escola da localidade que ten na actualidade sete alumnos. Os "solteiros" tiveron que preparar unhas cartas nas que expoñían o que querían ou agardaban dunha futura compañeira ("Necesito mujer para vivir juntos. No me importa nacionalidad, ni papeles. No necesita trabajar, ni vivienda ni coche" ou "Tengo un corazón muy grande, para sembrar mucho amor, porque el que siembra, recoge. Si no tienes compromiso, llámame. No quiero esclava, ni mujer lista ni tonta, quiero una mujer normalita como yo para pasarlo lo mejor que se pueda los dos" son algúns dos exemplos aínda que tamén hai outros máis "directos" como: "Busco buena doncella,buena cocinera y cariñosa en la cama"). Despois do primeiro contacto visual comeron, bailaron e asistiron a unha exibición ecuestre. Din os xornais que moitas das mulleres que acudiron decidiron facer noite na vila, non sabemos se porque houbo sorte ou non.


Despois de ler isto só nos quedan as preguntas: porque sempre son caravanas de mulleres aínda que se anuncien como de solteir@s? porque parecen ser os homes os últimos en quedar nos sitios? non hai mulleres nesas aldeas? as mulleres asumen mellor a súa vida sen parella ou é que son algo máis selectivas?. Non é que critiquemos o feito de que a xente estabeleza relacións sociais (que sempre é de agradecer e máis non sitios pequenos) mais realmente é posíbel seducir a alguén cunha exibición ecuestre e baixo o lema de "Ya están aquí las palomas"? aínda que elas tampouco se quedaban cortas e respondían con "¿dónde están los gavilanes?".
Na páxina de Hoyocasero hai un dosier do máis completiño con todo o que a prensa recolleu sobre esta iniciativa, non deixedes de visitalo.


sexta-feira, 23 de fevereiro de 2007

Homes pequeniños

Non se sabe que ten para algunha xente un individuo como Fernando Sánchez Dragó. Había ata a quen lle gustaba aquel Negro sobre Blanco que emitía a dúas da televisión pública. Era unha mágoa que fose el o que tivera a sorte de ter diante a pensadores e escritores de tan inmensa altura, cando o único que pretendía era facer un espectáculo individual, de interminables monólogos con afáns epatísticos, cargados de reaccionarismo e misoxinia. O caso é que racalou nun lugar á súa medida: a televisión do goberno autonómico madrileño, onde acaba de rizar o rizo da imbecilidade humana ao soltar, entre outras, a seguinte lindeza: "Lo cojo a menudo da asco. Los españoles son uno de los pueblos más sucios de la Tierra y los madrileños ni te digo. Y los emigrantes, aún peor". En fin, saltan as alarmas e ata a propia cadea, que lle paga por ser imbécil en público, lle deu un tirón ás súas orellas de burro fateiro. Consecuencia?: non fixo máis que dicir del mesmo que era un "energúmeno", vaia novidade!!!
Á vez Televisión española "censura" unha entrevista de José María García, onde poñía podre a todo canto se lle cruzou no seu camiño. Parece que non se librou ninguén: amais de políticos de diestra e sinistra, coñecidos empresarios, xornalistas, familia real.... Ponse agora como touro bravo quen gozou das maiores glorias coas ditaduras franquista e aznarista.

quinta-feira, 22 de fevereiro de 2007

Na véspera dos Oscar (e outras cousas)



Non me podo resistir a comentar convosco, seguidor@s tevabuena, a cantidade de noticias que nos trouxeron estes días os abandeirados do Imperio. Contra viento y marea o príncipe Enrique de Inglaterra será enviado á fronte iraquí nunha manobra político-militar que algúns opinan que quizais se deba a esa moza surafricana que botou o rapaz e que o ten “encacharolado” (segundo The Queen). No entanto, o “xeneral Bush”, pretendendo documentarse, xa pediu que lle enviasen á Casa Branca unha copia do filme O labirinto do Fauno, de que a bon seguro, paquete de bolachas en man (na outra nen sabemos nen queremos saber que terá), lle servirá para adestrar os secuaces nos “métodos de investigación” que empregan na búsqueda incesante das 7 Bólas Máxicas (léase armas de destrución masiva). E mentres tanto, os súbditos estadounidenses preocupados en censurar a Susan Patron porque nun dos seus libros infantís un cadelo traba a un raparigo no escroto, sen que ninguén nos diga cales foron as consecuencias!, en fin... onde estean os oníricos bombardeos verdes á vista das cámaras de visión nocturna, o sol agochado tras dos escuros corredores de Guantánamo, o “fogo amigo”, e a xustiza divina, para que padecermos torturas inhumanas e traumático-infantís en forma de huseínicas mordichadas de can.
E nós, desde este lado do mar, recomendarmos como terapia de choque, e na vésperas dos frívolos, aínda que agardados Oscar, o goce de filmes como Jarhead ou Babel, que nos fan crer (ao menos por un momento) que non todo ao outro Lado é Escuro.

Celebración

Atendemos a suxerencia dalgún tevabuena tristeiro, que nos dicía que ultimamente non había no noso blog máis ca despedidas e ningunha celebración, pois chegoulle a hora:

¡¡¡¡¡SUPERAMOS AS 1000 VISITAS!!!!!
O que comezou coma un pasatempo, outra forma de comunicación para un círculo reducido, unha excusa para botar unhas risas, compartir opinións, debater máis ou menos en serio, xa foi visto por máis de mil persoas. Dános igual se non é rigoroso o cómputo, somos conscientes de que hai xente que repite, ate varias veces no día, pero iso non só é o de menos, senon, precisamente, o de máis. O único que nos importaba é se ata agora acadara o obxectivo que perseguía: entreter; e cónstanos, aínda que nunca chova a gusto de todos, que en boa medida o conseguiu. Así é que grazas a tod@s por apoiar esta divertida tolemia: @s compañeir@s, a tod@s @s anónim@s tevabuenas por recalar aquí de cando en vez, ás nosas enviadas alén as fronteiras galaicas, aos que nos seguen dende outros portos próximos, aos navegantes senlleiros, aos críticos, ás/aos nos@s asesoras/-es , e, por suposto, á nosa Presidenta de Honra por darlle vida a este espazo con estusiasmo contaxioso.
Temos algunha sorpresiña preparada para algo máis adiante. Manterémosvos informad@s.
De momento andamos a pensar en como imos celebrar esta primeira etapa, curta aínda, pero intensa.

¡¡¡¡¡¡¡¡GRAZAS A TOD@S!!!!!!!!

Noticias rosa

Xa falamos aquí da inxente cantidade de colaboradores e asesores cos que contamos en Tevabuena. Das súas incursións por outras latitudes volven cargados de experiencias e informacións varias. A nosa I., que hai ben pouquiño nos fixo moi felices co seu merecido galardón, andou polos madriles e alí foi dar -a casualidade permite estas cousas- cunha das artistas máis inxustamente tratadas do panorama musical dos últimos anos. Trátase de quen fora coñecida como Tamara (Seisdedos), renomeada posteriormente como Ámbar por aclamación popular, e definitivamente, como Yurena. A autora de éxitos como "No cambié" ou "Hoy voy a salir a por ti" rexenta agora o Morgenstern, un disco-pub, como ela o define, do barrio madrileño de Malasaña. O que nos conta a nosa compañeira é que a bilbaina exerce tamén como Dj, que a súa afabilidade é entenrecedora e que está feita para o estrellato. Consciente das simpatías que esperta entre o seu entregado público, Yurena está como peixe na auga. Non sabemos se entre o repertorio de hits parades que alí soan se atopan as súas propias melodías, o que si é posible é que esta nova aventura empresarial sirva para que por fin se lle recoñeza ao mérito que sen dúbida ten e que foi evidente para autores como Carlos Berlanga ou Nacho Canut, entre outros, letristas dos seus éxitos "Amor caníbal" ou "La pesada".

Por se alguén ten dúbidas da veracidade do que acabamos de relatar, aquí queda esto...


quarta-feira, 21 de fevereiro de 2007

Na procura dunha melodía

Hai momentos nos que a obsesión pode coas máis férreas vontades. A ti, amig@ tevabuena, nunca che pasou que descobres unha canción e non podes parar de escoitala e logo méteseche na cabeza e non sae de aí???? Pode suceder con unha que che gusta, pero ás veces, inevitablemente, non é así, e son as Ketchup ou Xil Ríos os que resoan sen parar. Canto máis pensas en sacalos daí, máis baten contra a neurona errante. Pasa ás veces tamén que hai recordos ou situacións que están unidas inexorablemente a unha melodía e cada vez que a escoitas evocas ese pasado, feliz ou non, que se actualiza permanentemente nos anacos de presente compartidos. Nós andamos a buscar unha melodía para a nosa M. Ha ser unha música doce pero á vez alegre, sorrinte, que a distraia estes días deses pensamentos cos que andamos todos, pero que ninguén verbaliza. O que queremos é que ela espante o meigallo e apure o tempo todiño da mellor maneira. Aínda se nos ha ocorrer una plan de salvamento. Non contamos co rescate de Colmillo Branco e Castor Gris, pero somos moitas as mentes pensantes, así que malo será que non deamos con algo para ir trampeando, eh, M.? O que está claro é que as cousas han saír ben, tan ben, que te imos ter por Compostela e así seremos máis formais coas quedadas (ego me accuso), porque ti es muller de palabra. Así que nos comprometemos a gozar canto poidamos nestes días e nos que veñan, que hai vida máis alá das letras, e se alguén nos acusase de frivolidade en determinados momentos -Nacho e Ana dan para moito-, pois si, ás veces o sentido lúdico é tan útil!!!!!
Tod@s a buscar a cancionciña!!!!!!

"Quererse de amor"

Nun delfinario italiano, Mary G, un golfiño que foi atopado no porto de Ancona, morre de pena. A historia comezou e acaba mal. Mary ía seguindo á súa nai, que morrería tempo despois. Desorientado, tivo a sorte de ser rescatado e levado ao parque acuático de Oltremare, onde sería coidado e entrenado por Tamara, que tamén é protagonista dunha tráxica historia: hai uns días foi asasinada por un veciño tolo, porque, segundo el, lle molestaban os ladridos do seu can. Desde a morte de Tamara, Mary non quere comer e xa perdeu 50 quilos. Esta reacción anoréxica non ten unha explicación científica, polo que todo apunta a que bota tanto de menos a Tamara, que non soporta a súa ausencia e quere morrer, morrer de amor. ¡Que frase tan tráxica e á vez tan romántica! A natureza, á que tratamos tan mal, dános unha mostra máis de "humanidade". Nós choramos as ausencias, sentímolas irremprazables, pero poucas veces sucede que a perda dun ser querido, "querido de amor", é tan insufrible que preferimos marchar tamén; uns, os máis afortunados, coa esperanza dun reencontro no Máis Alá; outros, coa intención de pór fin a un padecemento insoportable. Ás veces non é a ausencia, senon o espanto ante o sufrimento do outro, como ocorreu hai uns días na Coruña, ou, supostamente, no Real de San Vicente (Toledo), o que leva a poñer fin á vida da persoa amada para logo, como adoita suceder, rematar coa propia.
Agora proban un novo tratamento con Mary, pero sospeitamos que non ha ser efectivo. As penas, cando un "quere de amor", non teñen fácil remedio.

terça-feira, 20 de fevereiro de 2007

E veña con outro barquiño!


Polo visto estes últimos días na costa coruñesa (xa destas horas na costa de Lugo) parece que ou non aprendemos nunca ou, no fondo, xa deixamos que pase calquera cousa sen preocuparnos de máis; dando por feito que as cousas pasan porque si e que non hai nada que facerlles.
Mira que houbo avisos, mira que o tema do perigo dos transportes marítimos nas costas galegas non deixa de estar nunca presente nos medios, nas rúas, etc e aínda así volvemos máis unha vez ao mesmo asunto de sempre. Eu, que como coruñesa, lembro só o Mar Exeo (e o medo e a sensación rara de non saber que está a pasar nunha mañá en que tivemos que marchar do colexio) e (faltaría máis!) o Prestige (que xa me colleu máis crecidiña e me legou non só algunha que outra revisión médica adicional senón tamén un croque na cabeza grazas a un amábel policia nacional) recoñezo que teño sempre a mesma sensación con estas cousas. A mesma incertidume que tiven no primeiro caso, cando tiña uns 12 anos, é a que se reproduce unha e outra vez; desta vai con outro nome impronunciábel: o Ostedijk. Non é chapapote, son abonos mais a cuestión non está xa na carga senón na desinformación coa que se abordan estas cuestións (eu entereime o sábado pola radio e na Coruña houbo moita xente que non soubo nada até o domingo) e na forte impresión de que a todo o mundo lle dá igual, igual o que pase coas costas, cos recursos do mar, cos traballos da xente, coa vida da xente... en fin, o de sempre, meneamos un pouco o barco pola nosa costa e facemos unha porra a ver onde é que casca. Vivir para ver!

segunda-feira, 19 de fevereiro de 2007

Outra despedida


Non paramos. Xa trememos cando alguén entra pola porta coa chaqueta colgada no brazo e un sorriso algo nervioso, é seguro entón que marcha, que nos deixa. Só nos consola que o fai porque atopou algo mellor, máis estimulante, mellor pagado..., aínda que non abonda, malia alegrarnos, para deixar de lamentalo. No medio, promesas de cañas e quedadas, de visitas que logo, agás as da nosa Píntega, nunca teñen lugar, pouco tempo, demasiadas présas..., en fin, que agora tamén lle tocou a vez ao noso bibliotecario máis veterano, A. Sentímolo de verdade, agochado detrás deses tímidos ollos azuis hai un home cun gran sentido do humor, eficaz e solícito. Déixanos por mellor vida e espectativas de futuro o home do teclado vertical -hai costumes-. Botarémoste de menos no café de primeira hora, nos comentarios sarcásticos das novas diarias, nos momentos de divertimento compartidos e nas visitas á biblioteca.
Con tanta marcha seguida, é posible que só nós esteamos a pensar na cantidade de cousas que poderían mellorarse para que a xente preferira quedar????????? Isto non o ha ler que ten a responsabilidade última, pero aí queda.
Ao que iamos, A., desexámosche, coma o resto de sentidas marchas, o melloriño: sorte e saúde para seguir gozando da vida.

sexta-feira, 16 de fevereiro de 2007

Galiza's Daily


Gases letais

Quietos parados todos, non hai xa de que preocuparse, xa existe unha explicación máis que lóxica para o deterioro da capa de ozono. A nosa asesora de contidos, S. achéganos esta importante nova: as emisións de gas que son verdadeiramente máis perniciosas para a atmosfera do planeta son as que proveñen das flatulencias das vacas neozelandesas, que conteñen importantes cantidades de metano (CH4), así que o que hai é que centrarse na rubia galega, que parace que se libera de maneira menos virulenta. A porcentaxe que se lle adxudicaba á queima de combustibles fósiles, era falsa, polo visto. Xa no Protocolo de Kioto, quedaba recollido que o metano era un dos gases máis prexudiciais para o efecto invernadoiro, así que aí está, e nós que volveramos ao desodorante roll-on, a matar as moscas a golpes e sen insecticida, a apagar o coche nos grandes atollamentos..., para nada.
A nova abre grandes posibilidades comerciais, todo tipo de aparellos retentores ou catalizadores. Tamén podería probarse a modificar a súa dieta -¿alguén sabe que é o que comen as vacas das antípodas?-, aínda que o problema parece ser a cantidade, non a cualidade, é dicir o número de elementos que compoñen a cabana neozelandesa.
No proceso de documentación que precede, como deducides, á publicación dos nosos post, descubrimos una inxente cantidade de tratados sobre as características destas desagradables emisións, fálase ata de canto tempo tarda en ser percibido polo sentido do olfato dun alleo unha ventosidade propia, se son máis propensos a expelilas os machos ou as femias, en que momento do día exite unha maior incapacidade para retelas... Pero non hai que preocuparse de momento, son os das vacas, non os dos humanos, cuxa concentración de metano é moi inferior, os verdadeiramente daniños. Pero non animarse, que para este tipo de exhalacións seguen rexendo as mesmas normas de educación cívica: nada de espazos compartidos, ascensores ou habitáculos de dimensións reducidas, principalmente. Obsérvense atentamente tamén e as que impón a elegancia e a propia dignidade: hai momentos nos que é imperdoable manifestarse de xeito tan desagradable aos sentidos do olfato e o oido. É unha cuestión de bo gusto.

quinta-feira, 15 de fevereiro de 2007

Hai lugares...II

Con gran sentido común, I. compañeiro e crítico construtivo, despois do ler o post "Hai lugares..." comentoume que aínda que na miña reflexión era notorio que pesaba máis o aspecto sentimental, botaba de menos -creo que non o dixo exactamente así- un posicionamento claro. En efecto, aprezado I., posicionamento definido téñoo, mais sei que ás veces non se entende claramente a miña postura fronte á política que rexe directa ou indirectamente a illa cubana. Hai unha cousa clara, que sobra dicir, as sucesivas políticas estadounidenses minaron fortemente a saúde económica e, por extensión, a de todos os terreos susceptibles de debilitarse por efecto do bloqueo, que non embargo. Pero non hai que eximir de responsabilidades a quen debe dar conta delas, e Castro, levado por unha tolemia propia de quen cre tan rexamente nun planteamento de xestión ineficaz a estas alturas -xa falamos diso-, que acaba por incapacitarse para levar as rendas do goberno dun país, contribuiu a crear o cóctel explosivo. A falta de recursos propios é o grande hándicap. El mesmo desbaratou a agricultura do pais, a industria enerxética fíxoa voar literalmente polos aires, e acabou por pedir aos cubanos esforzos sobrehumanos para seguir tirando coas rendas das axudas dos extintos reximes comunistas do leste de Europa; pero o periodo especial, no que a precariedade era tan extrema que acabou por afectar aos propios principios dunha importante maioría da poboación, aínda se deixa sentir con continuas réplicas a menor escala. A propia idiosincrasia cubana, creo que é a que lles permite seguir tirando dun carro pexado polas constantes limitacións de acceso á información, de liberdade de expresión, polos impedimentos constantes para saír do país, que non afectan, claro está, aos grupos de elite próximos ao goberno. Non pode deixarme indiferente que eu non poida levar un libro calquera para un amigo, que unha persoa de alá non poida subir á miña habitación do hotel ou acompañarme a moitos lugares nos que se lle impide a entrada, que non teña acceso á compra de determinados produtos aínda que economicamente puidese facelo, que se lle impida manifestarse crítico e estea baixo sospeita se frecuenta determinados lugares ou casas particulares, que sexan reprimidos inexplicablemente con duras sancións económicas por calquera acción que implique estar fóra do estricto e paranoico control gubernamental. Pola contra, non se persegue a prostitución de menores coa contundencia debida, ao fin e ao cabo, facer a vista gorda supón unha inxección económica nada desprezable. Pero a desaparción física de Fidel non implica posibilidades de mellora, Raúl Castro é a grande incógnita e a ONU non se decide a poñer fin ao bloqueo por puro medo. No entanto, o resto do mundo pasma mentres a Illa ameaza con afundirse, que se non o fai é porque o pobo terma dela con man forte e segue crendo en Martí.

Moita merda (con perdón)

Non nos gustan as despedidas, descoida P., non te imos facer pasar un mal rato, que tamén nos custa verte marchar; ademais entre nós non é frase feita iso de "vémonos nos bares", ha ser, seguro, alí onde nos reencontremos.
Neste espazo compartido deixamos este ata logo e ata sempre ao que algún día será o noso Vittorio Gassman particular, apuntar, apunta maneiras. Foi un pracer compartir contigo os corredores de alfombra vermella, quizá sinal dos éxitos que che depara o futuro. Alá onde vaias xurdirán grupos de rendidas admiradoras, pero non esquezas que, dende o tevabuena, séguete o máis fiel e entregado de todos os posibles. Queremos estar presentes na gala dos Max, así que non nos perdas a pista.
Haberá ocasión de sublevarse algún día e pór en práctica un plan B de insubmisión, pero espectacular, que non se diga!!!
Quédanos desexarche a mellor das sortes. Esa liña da vida, a que marcou o azar máis cotián, a nós pareceunos que era longa e feliz.










quarta-feira, 14 de fevereiro de 2007

Catorce de febreiro

Hoxe, porque non sei quen o di, parece que é o día dos namorados, día de San Valentín, día no que algunhas parellas -unhas confesas, outras non- se senten na obriga de agasallarse.
Tevabuena propón abolir esta data porque querer a alguén non debe ser algo sinalado no calendario. Quérese sen data, sen tempo, sen esforzo nen consumo. Quérese simplemente. O colmo da materialización das querencias, dos amores e das paixóns é a cuantificación material dos mesmos, enquisas que din canto gastamos en agasallar ás nosas parellas: demasiado, moito, pouco, nada ou o que sexa preciso. Cantos máis euros invertidos semella que máis posibilidades temos de éxito na conquista. Así que chega o día 14 de febreiro e con el San Valentín volve obrar o milagre de xuntar parellas, ás veces imposibles. As grandes superficies comerciais explotan ao máximo as súas estratexias mercadotécnicas, que sempre hai quen pique. Pero tamén é unha navalla de dobre fío, porque na elección do tal presente pode revelarse un gusto imposible: uns pendentes para quen non os usa, unha gravata para quen aborrece este complemento, un colgante con medio corazón..., en fin, esas cousas difíciles de esquecer que poden devolver unha imaxe do namorado ou namorada semellante á que retés cando compartes por primeira vez unha cea e descobres que a súas maneiras son bastante correxibles, que mete o dedo no nariz, que leva calzóns vermellos ou que esquece quitar os calcetíns en determinados momentos nos que a estética non deixa de ser importante.
Así que seguimos propoñendo que sexan todos os días do ano o día nos namorados, dos que queren no sentido máis amplo do termo. Se se conseguira unha millonésima parte do noso propósito dariámonos por máis que satisfeit@s.

terça-feira, 13 de fevereiro de 2007

Hai lugares....

Hai lugares no mundo que representan un anaquiño moi pequeno en canto ao espazo físico que ocupan, pero a trascendencia do que neles sucede ten un alcance ás veces case inexplicable. É o caso de Cuba -quen no sabe algo da saúde ou falta dela do barbudo de Serra Maestra?. Permitídeme que fale en primeira persoa, pero debo confesar o meu profundo enamoramento desa illa, das súas xentes, xenerosas no sentido máis amplo do termo -dar o que un ten, non o que lle sobra, que é o que moitos poñemos en práctica a diario. Os fortes vínculos de amizade que fan que a miña mente percorra o océano infinidade de veces, mantéñenme xa ligada para sempre a esa pequena ínsula, que sobrevive por riba do batemento das augas quentes do Caribe contra as do xélido Atlántico, que amornecen entre sons e guagancós, entre mulatas espectaculares e crioulos de cadeiras desatadas. Faltan cousas, falta liberdade, pero non sei que ten ese cheiro, mestura de flores, salitre e carburante mal queimado, que aínda non conseguín botalo fóra, aínda que iso non me cega ante as cousas que non son xustas, ante o que debería ter esa boa xente loitadora, que percorre a inmensa cidade cada día ao amencer, para soportar longas xornadas de traballo por catro pesos, nunca mellor dito, e que non ten. Así que para eles, e co permiso de todos os tevabuenas, lectores e administradoras, aquí deixo esta pequena loa e a miña gratitude a todos os solidarios e desprexuizados antitópicos, en especial a M. pola súa xenerosidade entrañable, e as miñas desculpas polo apasionamento quizá desmedido, pero é débeda miña.

Momento nostalxia


Aproveitando a recolla de cartaces galegos
que aparece en flickr.com demos con este
que a min, persoalmente, me trae moitos recordos dos días na casa da miña avoa. Como me prestaba aquela gaseosa maruxa, sobre todo cando diversificaron a produción e o "gaseosero" comezou a traer os sabores de laranxa e cola.
Sirva ademais este post como homenaxe para a nosa compañeira Mx., que anda agobiadiña, a ver se
ironman descansa un pouco.

segunda-feira, 12 de fevereiro de 2007

Aclaración necesaria

Despois dunha andaina que comezou co novo ano, Tevabuena vai acadando importantes cotas de visitas dende lugares diversos, aínda que temos un público asiduo máis próximo fisica e afectivamente. Tamén sabemos que agora o buscador Google xa nos ten en conta e na nosa curiosidade atopamos unha referencia á que nos parece necesario apuntar unha aclaración. Mirando a procedencia das nosas visitas, observamos que as localizadas na zona de Cambre e Oleiros accederon ao noso espazo a través da páxina www.corme.net, que debeu ter noticia dos ires e vires en tevabuena do asunto do dicionario. Sobre nós din que non se sabe quen somos, pero que a nosa procedencia é cormelá. Pois ben, queremos apuntar que @s integrantes do equipo tevabuena temos procedencias moi distintas e o noso centro de operacións, por dicilo dalgún xeito, está entre Santiago e A Coruña, pero contamos con colaboradores espallad@s por boa parte da xeografía galega, amais de estar atent@s aos acontecementos que consideramos relevantes ou simples apuntes curiosos. Non teriamos problema ningún, vaia por diante, en pertencer á fermosa comarca de Bergantiños, pero queremos ser honest@s e, sabendo desa adscrición xeográfica que se nos supón, simplemente deixar aquí esta aclaración, cremos que necesaria. Da aparición do vínculo ao noso espazo en lugares inverosímiles falaremos outro día.

sexta-feira, 9 de fevereiro de 2007

Querer e non poder...

Seguro que tod@s, nos@s querid@s tevabuenas, coñecedes a alguén que máis ou menos se adapta ao perfil de individuo insatisfeito, ambicioso no peor sentido, petulante, autoritario, inseguro, pouco intelixente... O problema é que existen e ademais proliferan. Contra este tipo de personaxes case nunca se pode facer case nada, pero cómpre sempre ter con que despotricar deles. Se se poidese analizar cada unha das súas vidas, seguro que serían moitos os elementos que teñen en común: frustración por non ter acadado o relevo intelectual perseguido, sometementos vasaláticos ás súas parellas, que os leva a un exercicio desmedido de autoridade e a algunha disfunción fisiolóxica, que ás veces se palía mercando grandes cousas, un coche, por exemplo. En fin, consoládevos tod@s pensando que a case todo o mundo, nalgún momento, lle tocou bailar con esta fea. Non pode ser tan doado mandar tan mal, quizá sexa difícil saber mandar, pero a frustración mina as almas dos que non naceron máis que para ser espíritos febles, incómodas presenzas e, o que é peor, elementos ridículos.
P.D.: A ilustración ten unha explicación que por prudencia non imos desenvolver aquí. Vai por vós M&M.

E eramos felices...

Un dos contactos da libreta de direccións do meu correo, sen caer na conta de que en menos dun mes sobrepasarei por segunda vez a barreira de miña terceira década de existencia, envioume un arquivo no que se comparaba a infancia de miña xeración coa que viven os nenos hoxendía, e claro, cando se bota a vista atrás, a primeira cada vez está máis lonxe. O caso é que mudaron vertixinosamente as cousas: o tipo de xogos, as relacións entre os propios nenos, cada vez máis independentes e illados, a actitude dos pais, que se moven entre os extremos da falta de responsabilidade na educación filial e a da demanda á sociedade para que os sobreprotexa, para que desenvolva a parte do papel que eles non queren ou non son quen de facer. Unha contraditio in terminis, é dicir, un rapaz pode ser mal educado, irrespetuoso, insolente e despiadado, pero ollo con que esa mesma actitude provoque que un mestre o reprenda ou un compañeiro lle dea unha hostia ben dada. Serán entón os proxenitores quen acusen ao mestre e á escola de abuso e ao compañeiro de acoso; iso provocará un efecto dominó: o mestre expedientado colle unha baixa por depresión, o compañeiriño acosador será expulsado do colexio e os pais estarán obrigados a sometelo a terapia reeducacional e a chamar á Super Nanny... Total, que cando nós eramos pequenos nin insultabamos aos mestres, nin desobedeciamos as regras fundamentais que nos ensinaban na casa, pola conta que nos tiña; iso si, zoupabamos cando había que zoupar e recibiamos cando tocaba recibir, e non pasaba nada, nin iamos por iso ao psicólogo nin sequera ao orientador da escola, que non o había; xogabamos sempre con máis nenos, non había maquiniñas e tocaba discurrir para non acabar aburríndose; comiamos de todo -xa existía o bollycao e tamén o comiamos- e a obesidade infantil non era un problema; caiamos vinte veces da bici e outras tantas nos levantabamos, doese ou non, que era unha cuestión de dignidade inversamente proporcional ao volume de bágoas vertidas. Eu, permitídeme que o diga, penso que eramos felices e os nosos pais, con todo, tamén o eran véndonos medrar sen problema aparente. E agora?, son os nenos felices cos pais e os pais felices cos nenos? Eu non o teño tan claro...

quarta-feira, 7 de fevereiro de 2007

Cousas veredes...

Xa non sei se é normal ou é neurose obsesiva, o caso é que hoxe lemos no xornal, que unha rapaza leva unha chea de días encerrada nun coche estudando para unhas oposicións. Claro, cada un ten as súas manías, normalmente a xente fai esas cousas na súa casa, nunha biblioteca..., pero... nun coche?????? O uso alternativo deste habitáculo coñecíamolo para outros menesteres máis privados, cando a casa paterna non podía ser e o presuposto non daba para costear hoteis ou pensións, pero para estudar?????? O caso é paradóxico en tódolos sentidos, ela ten o coche aparcado nun lugar e alí está cos seus apuntes, chova, neve ou faga sol, servíndose, por todo alumeado na noite, das farolas da rúa, pero cando marcha, non se despraza no vehículo, se non a pé. Cal é a explicación?, pois non se sabe, ela non fai declaracións e descoñécese se a súa familia está ao corrente. Nin a policía, nin os servicios sociais do concello puideron disuadila ata o de agora.
Máis vale que non che toque cando vaias poñer a vacina da gripe....

terça-feira, 6 de fevereiro de 2007

Apostades porque é de 1979 ou é actual?

Mirade a mulleriña esta, toda desesperada co pobre do seu Franco, cos ladróns que o rodeaban. O vídeo é de 1979 mais a verdade é que cando o vin eu pensei que era dunha das últimas manis do PP. Hai discursos que non cambian...

Os porno-euros?


Acaba de aparecer unha empresa (non sei se chamarlle especializada en porno ou no cachondeo) que comercializa billetes de euro como os que podedes ver na fotografía. As cantidades que ofrecen son, evidentemente, irreais (teñen as opcións de 300, 600 ou 1000 euros) mais o rechamante da cuestión está en que se trata de "porno-euros", ou polo menos así é como foron bautizados xa na rede. A pregunta que nos facemos é: porque?, ten algun sentido?, porque darlle forma de billetes?, existe o euro-erotismo?, están destinados a fanatic@s da Unión Europea?. Moitas cuestións son ás que rodean a aparición destes billetes, que teñen versión de desnudo masculino e feminino.
Contribuíndo algo máis á polémica...non se parece o rapaz sorrínte do centro do círculo de corazóns a Bisbal? Será unha estratexia desta para darse a coñecer por Europa?
Moitos misterios por resolver para tevabuena, a partir de agora tede tino co billetiño azul de 20 euros a ver se vai ter unha decoración adicional que en Alemaña parece ser que xa colou algún.

Nin unha...

Nosos queridos tevabuena:
Como podedes apreciar no resultado da nosa enquisa, non houbo nin un so acertante, polo tanto, non hai premio -pensaramos nun cd do Pichichi musical-, pero, nada, quedou deserto, a ver se para a próxima -entón será o cd do Pichichi máis un do Príncipe Gitano. O caso é, como sabedes todos xa, que parece que o presunto asasino do alcalde de Fago, é o irmán secreto de Pocholo, un friki en cernes, que, se resulta inocente, vai ser quen de inspirar novamente ao noso admirado Edilberto. Primeiro eríxese en guía e portavoz do pobo para os medios de comunicación, logo é detido e confésase autor, declarando que andivo 40 kilómetros só e de noite para volver á casa despois de asasinar ao seu rival político e empresarial; que a escopeta coa que lle disparara metéraa no oco da roda de reposto dun camión que viaxaba cara Francia... en fin, un despropósito engadido ao que xa significa matar a unha persoa por moi indesexable que poida chegar a ser. Pero agora, malia a que as probas periciais demostran que viaxou no coche do asasinado, di que nin o fixo nin ten nada que ver.
Agardaremos a ver que sucede, pois non está claro se é un demente homicida ou un perturbado mental con afán de notoriedade Se é esto último, en nada verémolo en todos eses programas que agora teñen ese aparatiño que di se contas ou non a verdade.

sábado, 3 de fevereiro de 2007

Achegando ideas

A nós non nos preguntaron, claro, e mira que estamos dispost@s a botar unha man, pero nada, nin un correo electrónico nin unha chamada nin unha enquisa para coñecer a nosa opinión. E xa lle tiñamos dito que non, que esqueceran esa expresión tan "campechana" pero tan carente de significado e refente no contexto da campaña "promozosgalegosneoounonfalantes". O caso é que desde aquí xa estabamos dando pistas, e aínda que entón non tiñamos claro que puidese ser máis eficaz -nin sequera o consideraramos-, á vista dos resultados de tan impactante promoción, imos suxerir un novo lema, que é o noso tan querido TEVABUENA!!! Nós cedémolo con gusto se de renomeala, que non abondaría para arranxar o que xa está mal feito, se tratara. Polo río abaixo vai un millón de euros, corre que te corre..., quen puidera....!!!!

sexta-feira, 2 de fevereiro de 2007

Cochiño novo!


Desde tevabuena non queremos deixar pasar a ocasión de felicitar á nosa querida administradora (malia que pouco activa aínda neste campo) M. pola recente adquisición dun cochiño que, de seguro, lle vai facer as súas viaxes moitísimo máis cómodas. Queridos visitantes (da casiña e internacionais, coñecidos e descoñecidos) de tevabuena M. lucirá en breve un peugeot 106 blanquiño, case case do trinque.

Bicos M. e a desfrutalo nas fantásticas rotondas do Milladoiro!!!!

 
- - - - - - - - - Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Compartir baixo a mesma licenza. 2.5 España de Creative Commons . - - - -